as empanadillas do carballo

Ao Carballo vaise polas empanadillas, e tamén pola tortilla, e polas luras; en ración, en tapa ou mesmo nun bocadillo inabarcable. Coa caña, non irás máis alá dos dez euros.

Carballo-2

Os días 9 e 16 de abril, Laura Míguez escribía en La voz de Galicia “Dez cousas míticas que probaches se es de Vigo (Parte I e Parte II). Así de entrada, o primeiro día, e para abrir boca, asomaban as empanadillas e a tortilla do Carballo.
Se ben hai outras suxestións que andan aí, aí, non podo estar máis de acordo coa elección.

No listado hai locais míticos xa desaparecidos.
Os meus avós vivían en López de Neira, así que Rufino e, en especial, as súas empanadillas de masa follada, son un referente, case, familiar.
Asocio o chocolate con churros do desparecido Bonilla ás tardes do nadal de visita a nacementos e xogueterías cando as nenas eran pequenas.
(Pero, xa postos, para min, os churros que de verdade forman parte da historia, son os da Vallisoletana, primeiro os da rúa Sombreireiros e máis adiante os de Progreso).
A casa familiar estaba a carón da casa nai de El Molino, na rúa Urzáiz (ben, daquela era José Antonio). Os bombóns si, pero, sobre todo, os doces miúdos e a tarta de té.
O Corner foi toda unha novidade nos anos de adolescencia. Pasabamos horas e horas co perrito e a caña.

(Hai cousa de quince días comemos unha hamburguesa no novo Corner da rúa Londres. Perdeu un chisco de encanto con respecto ás orixes, pero segue a ser un dos locais máis recomendables de Vigo para comida-lixo a prezos case tirados. No seu momento dubidei en facerlle unha entrada; entre agora si, agora non, nestas andamos, así que valla este recoñecemento de hoxe ao Corner Hut actual e sobre todo a aquel que foi, o ‘corner’ das rúas Progreso e Velázquez Moreno e a todo o que representou).

O Porco, a torta Imperial, as empanadillas do Barril, as ostras da Pedra, en fin, anacos da historia de Vigo.
Aínda hoxe estou pendente dunha visita para probar os arroces de Nisio.

Persoalmente, e xa instaurados na morriña, teño unha serie de imprescindibles que pasarían por diante dalgúns (da maioría) dos anteriores. Claro que pode ser cuestión de xeración. Pero, que vigués non foi algunha vez (ou moitas) a beber unha cervexa rápida no Pasillo? Ou ao Joaquín. O Tumba, a Guinda, o bocata de calamares do Piri, o porrón de viño branco con azucre de Travesas, a pescada rebozada con ensalada nos veráns do Patouro, Elixio, o churrasco de A Roda, en fin, memoria de Vigo que aos vigueses nos toca a fibra.

Carballo-1

Xa entrados en fariña, dicir que que as empanadillas do Carballo son únicas. Disque non teñen segredos: fariña, sal, ovos e lévedo. Si, pero ese resultado tan esponsoxo, saboroso, zumarento e sen o mínimo exceso de graxa, non está ao alcance da maioría…

Carballo-3

Por o orde de importancia, a tortilla de pataca é o segundo buque insignia do Carballo. Ao estilo de Betanzos, pouco callada, pinga por todos os lados cando pretendes comela dentro do pan.

Carballo-7

E, para completar o trío, non poden faltar as luriñas. Rebozadas e ben escorridas, sempre resultan apetecibles.

Ademais, xamón asado (5€), tetilla (4,5€), ensaladilla (3.5€) ou ensalada Carballo (4€).

Comemos tres empanadillas, unha de tortilla, media de luras, con caña e copa de Ribera e pagamos 7€ por cabeza.

Bar Carballo
Rúa de Manuel Núñez 3
36203, Vigo (Pontevedra)
986 229 497
GPS: 42.235391N, 8.720221O
Tamén en Florida 27 (986 295 271)
E en Gregorio Espino 13 (886 133 350)
barcarballovigo.com
Facebook
Instagram
Cociña: tapas
Prezo: 10€
Peche: domingo

Corner Hut
Rúa Simón Bolívar 18
36204, Vigo (Pontevedra)
866 472 718
GPS:
Tamén en Rúa Londres 2 (986 225 274)
Avda. de Samil 37 (603 448 480)
C.C. Gran Vía (986 136 346)
C.C. Travesía (986 270 197)
cornerhut.com