emocións e sensacións na adega ronsel do sil

Hoxe escribo por primeira vez sobre unha bodega. A culpábel é Ronsel do Sil, na Ribeira Sacra ourensá. Visita moi recomendábel, e viños, os probados ata agora, de gran nivel.

EtiquetaRonseldoSil   Estrada de Chadrexa 38

Na anterior entrada pechaba a visita a Galileo cun parágrafo que abría paso a un novo campo por explorar: as bodegas.
Despois de comer en Galileo, aínda que realmente foi antes, pola mañá, escribía: ‘Claro que a festa do día foi a visita á Adega Ronsel do Sil, en Sacardebois, Parada de Sil. Non ten desperdicio. A paisaxe a pé de río, das máis fermosas dunha Ribeira toda ela espectacular; unha construción digna de ver; os viños, as catas, as historias…
Pero, sobre todo, a experiencia de percorrer a bodega e probar os viños da man de Mª José, a súa propietaria e alma máter.
Pero isto, se cadra, queda para outra ocasión…’

Estrada de Chadrexa 48  

Pois esta é a ocasión.
Mª Xosé Yravedra leva, cunha admirábel mestura de orgullo, cariño, resposabilidade e humildade, un apelido de referencia na viticultura nacional e internacional: o seu pai, Gabriel Yravedra, é un referente nacional e internacional no mundo da viticultura. Foi, por exemplo, precursor na lexislación do sector; tamén foi innovador no eido educativo cando creou, en 1968, o Curso de especialistas superiores de Viticultura e Enoloxía, curso que derivaría no actual Master de Viticultura e Enoloxía do viño, da Universidade Politécnica de Madrid.  A día de hoxe é o Presidente Honorífico da OIV, Organización Internacional da Viña e o Viño; tamén figura no organigrama da Adega Ronsel do Sil como Presidente de honra.
De caste vénlle ao galgo, se botamos man dun retrouso fácil pero lucido.

DSC01996         

Cando Mª Xosé chega a este pequeno treito recto do Sil nas Barxas, a este recuncho perdido da Ribeira Sacra, descubre un pequeno alpendre escanastrado e chega a inspiración: este é o lugar. Aquí vai facer realidade o seu soño profesional de arquitecta (doutora pola universidade de Madrid) e de namorada do viño (Master en Viticultura, Enoloxía e Lexislación, Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos da Universidade Politécnica de Madrid).

arquitecturadelvino2
(Imaxe da propia Web da adega)

Mª José vive o viño como a arquitectura: con paixón, con emoción, con moito sentimento; unha paixón que, ás veces, disfrázase de poesía, de pura lírica (como cando, no momento da cata, e cunha expresión e delicadeza, cun sorriso que che rouba os sentidos, compara a experiencia de beber un dos seus viños, o Ourive Dona Branca, coa sutileza de movementos dunha bailarina de tutú).
E, cando ten que ser, cando a realidade manda, a paixón transfórmase nunha prosa directa, prosaica, espida: é o momento das indicacións técnicas (toca falar de castes, de terras, de barricas ou explicar con detalle o funcionamento do circuíto regulado por ordenador que asegura unha temperatura estable).
Ás veces mestura arquitectua e viño e nas notas de cata compara o Godello cos espazos da arquitectura gótica, ‘o godello é un espazo gótico, un espazo catedralicio, punzante, importante, con eco, cara arriba…

DSC02003 DSC02006

A man da arquitecta está presente na obra principal e nos pequenos detalles, nos volumes, nos espazos, nas formas, neses tres niveis que ten a bodega, na decoración dos pequenos recantos, nesas grandes vidreiras que abren o espazo interior a esa marabilla da natureza que é o río Sil e as súas paisaxes…

ViñosRonsel

A man da viticultora agarima a uva e o viño.
Viños dunha liña básica, de maior produción: son os que publicitan e venden a través da Web. A marca Vel’uveyra (‘ollar a viña’, en galego-portugués medieval, o do esplendor da lírica dos nosos trobadores), cun godello e dous mencía, un do ano e outro con oito meses de barrica (foi este viño, precisamente, a orixe da nosa relación coa bodega: un complemento magnífico á nosa comida na Rectoral do Sil).
Logo está a gama alta, o mencía de cepas vellas (Arpegio), un destacado merenzao (Alpendre), e o Ourive godello cepas vellas con oito meses de barrica.
E, xa por fin, atopámonos cos viños que non están.
Cando falamos dun tinto especial para o cocido de Nadal, para abrir os ollos a un incrédulo dos tintos galegos, Mª José non dubida un segundo en ofrecernos o seu Pórtico da Gloria, un atípico brancellao que, asegura, leva no nome a esencia da multitude de  emocións ás que nos abre, ‘seguro, seguro, que non vos vai defraudar’.
E claro, despois de probalo e dos comentarios que acompañaron a cata non puidemos resistirnos á  bailarina de tutú, e collemos, tamén, un Ourive Dona Branca.
Estes dous últimos viños son da gama máis alta da adega, os dous dunha produción moi limitada, disque arredor das 1000 botellas, e, en bodega, saen por 25€ a botella.
O Vel’uveyra do ano custa 8€ e o barrica 10. Logo está a gama dos de 15€ (Ourive Godello), a de 20€ (Arpegio), e a exclusividade, xa mencionada, dos viños de 25 euros.

Estrada de Chadrexa 01

Mª Xosé bautizou a súa adega como ‘Ronsel do Sil’ pensando na estela dos sucos do viñedos, dos barcos polo río, da propia paisaxe, do que queda despois de.
E antes de probar os viños que compramos, que seguro que tamén, a que deixa pegada, e forte, é a propia María Xosé.

Cando vaiades pola Ribeira Sacra ourensá, non deixedes de facerlle unha visita para entrar con ela no seu soño, Adega Ronsel do Sil.
Garantízovolo, non vos arrepentiredes.

Adega Ronsel do Sil
Mª José Yravedra Soriano

A Barxa, Sacardebois
32747 Parada de Sil (Ourense)
988 984 923  /  685 877 740
direccion@ronseldosil.com
GPS: 42.383713N,  7.519421O
ronseldosil.com
Facebook