el mosquito

Despois do repouso do tempo, un mes xusto, e do paso de Ferra Adrià por Vigo quédanme dúas reflexións. A primeira, unha declaración que viña dicir algo así como que o bum da gastronomía galega actual está na coexistencia e complemento entre Marcelo Tejedor e Carmiña Valverde. Poder comer o menú sorpresa de Casa Marcelo e a continuación pasarse a cear unhas ameixas ao natural con unha pescada cocida regada con aceite virxe e de sobremesa tarta de améndoa, no Mosquito, son as claves da explosión que estamos a vivir na nosa restauración.
O segundo aspecto, moi relacionado co anterior, era unha curiosidade malsá que me corroía ata os máis adentros: saber a onde poden levar a comer a unha figura como Adriá os organizadores da súa visita a Vigo. A resposta atopeina no Faro de Vigo: a cea do día 23 foi en El Mosquito, e a comida do día seguinte en Esteban Selección Culinaria.
Restaurante El Mosquito 1 Restaurante El Mosquito 7
El Mosquito é un clásico de Vigo. Nace, da man de Carmen Roel, nos anos trinta como taberna da zona do Berbés, o barrio mariñeiro, para ofrecer á xente do mar un viño e un peixe. A calidade do produto e a elaboración, clásica e sinxela, pero impecable, fixeron que comezase a medrar como bóla de neve ata se converter nun mito (o mito?) da restauración viguesa.
O mosquito é o mellor xuíz: vai afogar sempre nas profundidades do mellor viño. E isto era o que se pedía ás tascas de sempre. E, como nas tascas e tabernas das que fala Chiño no seu Por catro perras, no Mosquito tamén se escribiron moitas das páxinas da historia de tres cuartos de século da cidade de Vigo. Abonda con pasearse pola paredes do comedor (clásico e rústico pero nun estado de actualización perfecto, en absoluto decrépito), para atoparnos co máis selecto da vida cultural da cidade (Torrente, Cunqueiro, Castroviejo…), tamén da deportiva (Cantero, marido que foi de Carmiña, xogou de porteiro no Celta na década dos sesenta), e, sobre todo, da farándula: no Mosquito acaban, despois da representación ou actuación, case todos os que pasan polo veciño teatro García Barbón. 
Houbo un momento no que o menú de El Mosquito estaba case predestinado:Restaurante El Mosquito 5 comezaba por un mariquiño (recomendado por Carmiña segundo a época e mercado), un linguado á prancha, e as cañas ou o touciño de ceo de sobremesa.
Co paso do tempo o menú segue a ser o mesmo, e ogallá non cambie. O marisco, o peixe e un doce; todo, canto máis sinxelo e natural, mellor. O éxito está na calidade. Para regar, unha importante selección de brancos galegos.
Comer en El Mosquito é caro. Porque a oferta é cara en si mesma, un marisco ou un peixe de primeira calidade hai que pagalos, no Mosquito ou en calquera outro restaurante.
Claro que para adelgazar a factura sempre podemos renunciar ao marisco e meternos nas entradas tradicionais, tamén absolutamente recomendables, a empanada do día, o polbo, as croquetas caseiras…

Restaurante El Mosquito
Enderezo: Praza da Pedra 4
Localidade: Vigo (36203)
Teléfono: 986 433 570
E-e: —
Web: El Mosquito
Tipo: Mercado-Tradicional
XPS: 42º 14′ 22″ N    8º 43′ 35″ W
Localización en Mapas de Google

Gourmetour: Mencionado
Repsol: Mencionado