e aínda din que o peixe vai caro…

“Flor de maio” é o título dunha das mellores novelas de Vicente Blasco Ibáñez. Data de 1895 e enmárcase no ‘realismo costumbrista e social’ do autor.
A historia desenvólvese no arrabalde natal de Blasco, O Cabanyal, en Valencia, lugar de pescadores. Tamén pasa por ser unha das mellores novelas xamais escritas sobre a vida das xentes da mar.
Nunha pasaxe, o protagonista de terceira xeración, o Pascualet, morre na faena.
A tía de Pascualet láise e expresa a súa rabia de xeito inequívoco: “Que viñesen aquí todas as raposas que regateaban ao comprar na peixaría! Aínda lles parecería caro o peixe? A duro debía custa a libra!“.

Sorolla_Peixe caro

No mesmo ano 1895, Sorolla, paisano e amigo de Blasco Ibáñez, representaba a escena da morte do Pascualet nun cadro no que dous compañeiros, entre peixes, apeiros e tristura, tentan inutilmente revivir o corpo do amigo na bodega do barco.
Sorolla púxolle por título ‘E aínda din que o peixe vai caro”. Pódese ver no Prado.

Mariscadoras na Illa de Arousa 22

A frase fíxose famosa e foi utilizada por outros artistas para resumir de xeito expresivo a extrema dureza da vida na mar, máis ben, o recoñecemento case nulo que sofren as xentes de mar.
Adóitase asociar ao alto prezo que cobra a mar en forma de vidas humanas. Pero non hai que chegar a tales extremos. A vida da mar é brutalmente dura en si mesma, non precisa da traxedia para realzala. Na novela de Blasco Ibáñez non é necesario chegar á pasaxe da morte do Pascualet, abonda con ler a crueza en todos os capítulos anteriores.
Non hai prezo que pague o custo do peixe.

_1100620

Todo isto vén a conto de que o outro día fun facer unhas fotografías ás mariscadoras da Illa de Arousa. Disque unha imaxe vale máis que mil palabras, así que aí deixo algunhas das escenas.

Mariscadoras na Illa de Arousa 14

Pero, ás veces, as palabras tamén son necesarias.
Cando falan de que o reloxo non conta, que quen manda é a marea e que se ela di que hai que empezar ás seis, ás seis e media, ás sete… hai que achantar e así debe ser.
Cando din que a climatoloxía non existe, que tanto ten verán como inverno, chuvia como sol, frío, néboa, treboada, vento, do nordés do sur ou do oeste. Tanto ten.
Cando resumen os longos meses nos que hai que sementar, coidar, vixiar, dar mecos sen nada a cambio, para, chegado o momento, poder recoller.
Cando acusan coa palabras máis odiada e temida: furtivo. Profesional. Domingueiro. Inconsciente. Ladrón. Soparaunarroz. Chapuzas. Todos iguais.
Horas enteiras coa auga ata a cintura. Cravando o rastro no fondo con toda a forza dos brazos, afundíndoo co pé, remexendo a area cunha imposible mestura de enerxía e delicadeza, tirando a forza de riles para subir o rastro cheo de area… e atopar que vén baleiro de ameixa… que hai que comezar de novo… e repetir… e cravar… e afundir… e subir… e de novo a empezar… unha e mil veces.
Ou esas mesmas horas que agora se transforman en minutos, en inerminables segundos; dez, quince, vinte mil segundos un tras outro, todos seguidos sen paréntese, sen acougo nin descanso, co espiñazo dobrado, cos riles a piques de estoupar, rañando na area, removendo, escarvando… para ver de sacar media ducia de ameixas.

Mariscadoras na Illa de Arousa 34Mariscadoras na Illa de Arousa 32Mariscadoras na Illa de Arousa 38Mariscadoras na Illa de Arousa 36 Mariscadoras na Illa de Arousa 33Mariscadoras na Illa de Arousa 40

Mariscadoras na Illa de Arousa 19Mariscadoras na Illa de Arousa 12Mariscadoras na Illa de Arousa 21Mariscadoras na Illa de Arousa 20

Mariscadoras na Illa de Arousa 44

O triste do caso é que logo, en efecto, o peixe vai caro.
Pero o prezo que eu, que ti abonas, non repercute no mariñeiro que paga coa vida, na mariscadora que paga coa propia saude.
Non. Son outros. Os intermediarios, os distribuidores, os que cobran na conta final do restaurante… todos os listos que se benefician da inflacción que sofre o prezo do peixe polo simple feito de pasar polas súas mans.


Translate »