en nigrán como en valença (ou mellor)

O restaurante Dona Elsa, Nigrán, ofrece comida tradicional cun espazo moi concreto para a tradición portuguesa dos seus donos. O bacallau ao forno está ao nivel dos mellores bacallaus portugueses.

Chegamos a Dona Elsa por indicación de Tonio e Elena; unha magnífica recomendación.
O local é acolledor e, sen renunciar a moito da esencia portuguesa, equilibrado e moi agradable. O trato, en todo momento, exquisito (exquisito noso!, non o deles).

Carta ampla e variada que non se reduce a especialidades portuguesas pero si a cociña tradicional. Entrantes: Zamburiñas na prancha para dúas persoas (13.5€), Anchoas con queixo 2 persoas (13.5€), Chacina (11.5€), Caldo ou Crema de verduras (3€), Ensalada de tomate e queixo (9.5€). Pratos principais: Arroz ventresca (23€), Rabo de touro (11.5€), Xarrete estufado (10.5€), Perna de cordeiro real ao forno (19.5€). E, para as sobremesas, Flan variado (3.3€), Xeados caseiros (3.30€ a bóla), Tiramisú (4.5€), Torta (4€), Queixo da serra da Estrela (5.5€).
Sen grandes alardes, aceptable relación de viños con preferencia para as DO portuguesas.

Compartimos unhas croquetas variadas (7€); tres para cada un, de espinacas, de xamón e de bonito. Moi ricas, ao estilo portugués.

E de prato, por suposto, o bacallau ao forno (32€ para dúas persoas). Sensacional. Moi bo bacallao, unha posta enorme, con cebola, aceite e un salteado de ovo cocido por riba; patacas fritidas arredor. A salientar: nunca antes un aceite tan ligado á xelatina do bacallau como este, outorgando a todo o prato un sabor delicioso. Realmente, toda a esencia dun bacallau portugués en Nigrán.

De sobremesa (chegamos ao límite e, de feito, houbo que deixar no prato un bocadiño de bacallau e bastantes patacas) un xeado de cabaza e mandarina moi, moi rico.
Café (por suposto portugués), unha botella de Esteva, Douro 2016 (moi resultón, boa opción de recurso), auga, e pagamos 29€ cada un.

Foi unha boa comida, merecedora dunha repetición. O prezo paréceme normal; leo críticas de que pode resultar un pouco alto para a zona, pero non me parece que sexa así; considerados individualmente, os prezos non son esaxerados (a posta enteira dun bo bacallau para dúas persoas por 32€ non semella excesivo); tampouco podemos falar de que sexa un restaurante que destaque polos prezos baixos.
Unha vez probado non resulta extraño que a día de hoxe ocupe o primeiro posto de Nigrán en TripAdvisor (Nigrán, localidade turística, con moitísima oferta, e de calidade, na que entran zonas como Panxón, Patos ou Praia América).

Restaurante Dona Elsa
Estrada pola vía, 114
36350, Nigrán (Pontevedra)
986 367 762 / 687 703 617
GPS: 42.138436N   8.808018O
Cociña: tradicional
Prezo: arredor dos 35€
Número 1 (de 56 en Nigrán) en TripAdvisor