doces de entroido

Onte celebramos o entroido no Instituto.
Pola tarde, estudando a programación que espera por nós en todo recuncho de Galicia, preguntábame ata que punto a chispa que prendeu a recuperación desta e doutras tradicións e manifestacións culturais non saltou dos colexios públicos de moitas das vilas do país.
Lembro o meu primeiro disfraz, nos primeiros oitenta, de pallaso, no cole de Vincios, (ao que daquela non chegaba o teléfono), xunto a Juan (Carrapuchiña) e Quique (vella); eu de retais vellos atopados na casa e cun lapis hinchable, enorme, que trouxera Alfonso para as rapazas.

Disfraces no Entroido do cole de Vincios. 1982.

Onte moi poucos entenderon o disfraz colectivo dos profes do instituto Terra de Turonio. Iamos de Friki-Likis, uníndonos á crecente marea de Anonymus que poida (ogallá) que sexa a chispa quen de ameazar a deixadez en que vive a sociedade por mor da porcallada que invade o mundo da política.

Friki Liki. Disfraz no Entroido do Instituo Terra de Turonio. 2011  Vivamos como galegos. Disfraz no Instituto Terra de Turonio. 2011

Claro que cada vez os disfraces son máis comprados e menos tradicionais, menos trapos vellos, menos ‘mascaritas’.
Os que romperon moldes este ano foron Alex e Xose, vestidos (ou espidos) de SuperGalegos; ademais da idea e da execución, estivo a posta en escea. Gustoume. Moito. Vivamos como galegos!

Orellas. Concurso Doces Entroido. IES Terra de Turonio. 2011 Flores. Concurso Doces Entroido. IES Terra de Turonio. 2011 Filloas. Concurso Doces Entroido. IES Terra de Turonio. 2011

A gran novidade deste ano foi o concurso de doces de entroido. Establecemos catro categorías: flores, orellas, chulas e filloas; poderían ter sido máis (follas de limón, rosquillas…), pero a realidade ensinounos que as únicas que realmente seguen vivas son as orellas e as filloas; aquí si que houbo competencia; pola contra, en flores, só se presentaron dúas, i en chulas, ningunha.
Como en todo, resulta moito máis cómodo comprar na pastelaría da esquina. E así, as receitas tradicionais esquécense, morren, desaparecen.
Algo haberá que facer (non sei o que, tampouco creo que me corresponda a min sabelo) para evitar que as flores, as follas de limón… queden reducidas a simples receitas literarias en libros de cociña galega.

Flores. Concurso Doces Entroido. IES Terra de Turonio. 2011 Flores para celíacos. Concurso Doces Entroido. IES Terra de Turonio. 2011 Orellas. Concurso Doces Entroido. IES Terra de Turonio. 2011 Biscoito de noz para celíacos. Concurso Doces Entroido. IES Terra de Turonio. 2011

Pero por riba de todo, para min, a sorpresa do día foi a presenza de dous doces especiais para rapaces con intolerancia ao gluten; una delas si, pero o outro rapaz nin sabe el, nin ningún familiar, achegado ou coñecido o que é o gluten. Como presidente propuxen un premio especial do xurado para o biscoito de noces sen gluten.
Seica isto do respecto polas minorías (e non nos enganemos, sexa o risco diferenciador que sexa o que nos converte en minorías, todos, nalgún contexto, somos minoría) comeza a facer mella nos nosos rapaces.
Porque un puño de rapazas chegue a aprender isto, paga a pena o esforzo e o traballo de todo un curso como profesor de lingua galega.
Todo o demais que queiramos aprenderlles son puras andrómenas.