diego en la molinera

Animados polos substanciosos comentarios de Pepe (Máis alá do cocido…) o sábado achegámonos a Lalín a probar a cociña de Diego López, herdeiro de La Molinera.

La Molinera 00

O menú resultou semellante ao de Pepe, pero con lixeiros cambios.
No lugar das ameixas, nós abrimos cun bonito (servido cun tomatiño cherry lixeiramente escarchado por fóra, e auga de tomate). O noso terceiro entrante, en vez do polbo, transformouse nunha faldra de cabritiño excepcionalmente traballada (acompañada de cuscús con legumes, e brotes de ensalada). E dado que o bonito pasara ás entradas foi substituído (en condicións parecidas ao bonito de Pepe) por rodaballo. O resto do menú, ata completar os catro entrantes, o peixe, a carne e as dúas sobremesas, cuspidiño ao de Pepe e Merce.

La Molinera. La Molinera 2 La Molinera 3 La Molinera 6

La Molinera 7   La Molinera 8

La Molinera 9.  La Molinera 10

Gustoume a comida. Como en todo menú, pratos máis do gusto duns e pratos máis ao estilo doutros. En xeral coincidimos na delicadeza e sabor do ovo con touciño, na excepcionalidade no trato do cabrito, na forza das carrileiras (nisto só os máis carnívoros) e nas dúas sobremesas. Ademais, a min chamoume especialmente a atención o bonito coa auga de tomate.
Gustoume o trato próximo e asequible de Diego.
Gustoume o seu decálogo de principios (nada de présas, moito traballo, investigar con produtos da terra, procurar unha identidade propia…).
Pola contra, e escribo con intención totalmente construtiva, non me gustou, non se axusta a delicadeza do menú co contorno, co comedor, os baños, vaixela, a propia entrada ao local…
50 € por comensal (eramos catro) (incluíndo auga, unha botella de Abadía da cova novo, cafés e chupitos) pareceume un prezo un chisco elevado para un rapaz de 22 anos en vías de aprendizaxe e no contorno mencionado. O menú son 40€ e cos complementos mencionados (nada do outro mundo) sube un 25% por persoa.
Por último, unha queixa que xa comentei en ocasións anteriores (Un mal día): un menú de degustación debería ter prezo pechado pensando en todo o que vai chegar á mesa agás a bebida. Cobrar oito euros polas pingas de augardente para o café e un quinto dun chupito entre todos para probar o licor café pareceume de pouco gusto.

Pequenos detalles que mellorarían unha experiencia que, desde o punto de vista estritamente gastronómico, resultou moi satisfactoria.