diciamos onte…

Nun ambiente urbano e industrial, Bocanegra, en A Coruña, baséase nunha proposta centrada no produto local traballado dun xeito coidadoso e variado. Trato amábel e directo e prezos moi razoábeis.

BocaNegra 01

Querería poder escribir que aquí non pasou nada, nin sequera o tempo, pero xa vedes: un cataclismo.
A comida en Bocanegra deixoume un pouso agridoce.
Será isto a chamada nova normalidade?
O local é unha agradábel mestura entre modernismo, estilo industrial e a presenza da cor negra marca da casa. Todo xira arredor da cociña central, aberta á vista (e ao oído), e podería ser un espazo moi actual e especialmente agradábel.
Hoxe, mércores, terceiro día sen estado de alarma, o interior está totalmente baleiro. Somos os únicos comensais. A carta pegada no vidro que dá ao teatro Rosalía de Castro, a madeira da mesa, espida, só un mantel de papel, sen panos, cada quen co seu correspondente bozal…, transmite unha sensación de provisionalidade, de friaxe, de asepsia que xoga moi en contra do que debería ter sido unha comida recomendábel.
Preocúpame que este sexa o futuro da restauración.
Moito.
No caso de que todas estas loucuras acaben por consolidarse, haberemos perdido un dos grandes praceres da vida.
De ser así, e para min persoalmente, non pagará a pena saír comer fóra da casa.
Sería terríbel.

Confiemos en que non será así.

BocaNegra 05

A carta, desenfadada, está pensada para compartir.
Croquetas caseiras de xamón Joselito (11€), Nem vietnamita de faceiras, morcilla e setas (13.5€), Xurelo mariñado, soia, lima e mel (12.5€), Gilda de vieiras de Cambados (12.5€), Tartar de bonito e ovo frito (11.5€), Albóndegas de galo Celta, pataca palla e verduriñas (14.5€), Costela ibérica na brasa con chimichurri (18€), Picaña de vaca na brasa con patacas en cuarteiróns asadas e trigueiros (18€), Arroz negro e alioli (20€), etc…

BocaNegra 07 BocaNegra 09

Jordi Luque, colaborador de López Iturriaga en El Comidista, e nun artigo titulado 10 bocatas polos que viaxar ao fin do mundo (El Comidista), dicía do bocadillo de luras de bocanegra que é o mellor que probei xamais. Comezaba escribindo que é doutro mundo e acababa cunha descrición: pan de coca finísimo, crocante; maionesa co seu punto de acidez; luras frescas ata dicir basta co segundo punto crocante dunha fritura perfecta.
Subscribo. Só que o do mellor do mundo…, queda como en reserva. Habería que comparalo con aquel do Piri dos anos setenta. Se cadra medrou na miña memoria co tempo pero, cando menos, estaba ao nivel deste super-bocata do século XXI.
Pero abofé que o bocata de luras de Bocanegra está excepcional.
Un señor bocadillo, en tamaño e calidade.

BocaNegra 11 BocaNegra 13

A lura estilo Thai con tallaríns de arroz tamén me gustou moito.
Como ocorre sempre nestes casos, e ao non ser un experto en cociña tailandesa, non podo dicir se a elaboración era correcta, purista ou un refrito do orixinal; debo limitarme a comentar que o prato estaba moi rico; tanto os calamares como os tallaríns no seu mollo xelatinoso co seu punto de alegría en forma de picante.

BocaNegra 14 BocaNegra 16

A milfollas de crema de chocolate con xeado de vainilla foi, sen dúbida, o momento estelar da comida. Todo por separado, e en conxunto, moi bo. A clave, quizá, nunha masa follada excepcional e nun chocolate negro cunha consistencia moi lograda. Ademais estaban a Torta de queixo New York e o Brownie con crema inglesa e vainilla. Todas as sobremesas arredor dos 5€.

BocaNegra 06

Obviando a nova situación que, espero, pasará, Bocanegra é un deses locais de nova modernidade (previa), digno de visitar.
Coas bebidas (caña e copa de Ribera), pagamos 18€ por cabeza. Certo que non comemos moito, pero o prezo fala por si mesmo.

Paseo dos Menhires Coruña 14 Paseo dos Menhires Coruña 04 Paseo dos Menhires Coruña 05

Despois de comer, paseo polo Campo da Rata.
O Campo da Rata, xunto coa Torre de Hércules, é Patrimonio Mundial da Unesco.
Un paseo moi fermoso une o campo coa torre.
O Campo, próximo ao cárcere, foi utilizado polos sublevados para fusilar a centos de persoas durante a Guerra Civil. Un monumento, deseñado por Isaac Díaz Pado, lembra as vítimas da represión franquista.
Moi próximo hai un conxunto escultórico de Manolo Paz formado por doce pezas de granito chantadas na terra e bautizado como ‘Menhires pola Paz’; todos os menhires teñen un oco orientado para enmarcar a Torre de Hércules.

Inmolados nestes campos fronte ao mar tenebroso por amar causas xustas.

Bocanegra
Pablo Pizarro

Riego de agua 33
15001 A Coruña
881 89 54 64
conceptonegra.com
Facebook
Guía Repsol: Recomendado
Cociña: Mercado
Prezo: 20-30 euros


Translate »