descubrimento no salnés

A Casa do Zapateiro, na Cereixeira, Oubiña, en Cambados, combina as tapas tipo e prezo furancho, con pratos de carta convencional. Espazos enormes e tranquilos, servizo familiar e prezos baixos.

A Casa do zapateiro 1

A localización e os espazos son envexábeis.
Á carreiriña dun can do Umia, no medio de campos, un espazo exterior moi amplo e un par de comedores interiores tamén bastante grandes. Mínima decoración pero suficiente.
O servizo, dilixente e próximo, acompaña a unha estadía agradábel.
Croquetas caseiras (7€), Chipiróns (/.50€), Queixo á prancha con marmelada (7.50€), Táboa de queixos (9.50€), Polbo á feira (14€), Gambas ao allo (9€), Gambas abrigadas (8.50€),  Ensaladas (Aguacate, lagostinos e mazá 7.40€, Rulo de cabra, leituga, froitos secos e vinagreta de mel 8.50€, Tomate, cebola, espárragos, cenoria, remolacha, atún e millo 7€), Tostas (Polbo con queixo 6.50€, Lacón con grelos e crema de pataca 5.50€, Xamón tumaca 3.5€).
Bacallau á prancha ou á galega(13€), Linguado á prancha (13€), Arroz cremoso de lagostinos e berberechos (11.50€), Arroz negro con chipiróns (10€), Xamón asado (9€), Raxo á plancha (8€), cordeiro de leite (14€), etc.
Algúns dos produtos proceden da pequena horta propia.

A Casa do zapateiro 3

E, ademais, menú do día.
Entrante, prato e sobremesa, con bebida incluída, 9 euros. A elixir entre tres opcións.
De primeiro coincidimos nos callos. Están moi bos, cociñados á vella usanza, ben de especias, un lixeiro, case imperceptíbel toque de pemento picante. Moi ricos.

A Casa do zapateiro 4A Casa do zapateiro 5

De prato principal, uns ovos fritidos con chourizo e cordeiro estufado.
Un e outro cunhas pataquiñas da casas acabadas de fritir. Deliciosoas.
Os ovos ben fritos e o chourizo carnoso e rico.
O cordeiro, especialmente bo. Tamén traballado como manda a cociña tradicional; calculamos que será de onte (domingo), pero non se nota en absoluto; está tenro e zumento, e, sobre todo, moi saboroso.

A Casa do zapateiro 6A Casa do zapateiro 7

Para a sobremesa, unha tarta da avoa (bastante boa) e unha de queixo (sabor especialmente intenso e rico).

Coa caña e unha palomiña de tinto barrantes, son os 9 euros prometidos.

Gustounos todo.
Os espazos (ideais para ir cos cativos ou para non ter medo ás distancias), a atención, o prezo, e, moi especialmente a cociña.
Pensamos que pode ser unha gran alternativa para as merendas de verán desde a Illa.
Seguiremos informando.

A casa do zapateiro
A Cereixeira, 4
36635 Oubiña (Cambados, Pontevedra)
638 52 39 55
GPS: 42.526233N,  8.763994O
Facebook
Cociña: tradicional, caseira
Prezo: menú 9€. Carta 20
Peche: luns, martes, mércores e xoves noite