de tapas en areal

Sobrevivir ao paso do tempo non é doado; mellorar co paso dos anos é unha calidade reservada aos privilexiados. Tapas Areal segue aí, mellor que nunca, fiel a si mesmo.

1994-04-01-Vigo-TapasAreal   Tapas Areal 4

A primeira factura que teño de Tapas Areal é de 1994, de abril; a última, de onte mesmo.
Case trinta anos de diferencia, nos que o tícket de caixa non soubo interpretar o paso do tempo. Traduzo: a visita é do 1 de abril de 1994; dúas persoas; unha de ovas, unha tortilla española, uns riles ao xerez, un revolto de allos tenros e gambas, dous cafés e unha botella de ‘viño novo’; total 2.320 pesetas.

Onte, 2021, por unha comida semellante, pagamos 44€. Unha de empanada de xoubas, unha empanada de grelos con ourizos, salpicón de peixe sapo e lagostinos, revolto de grelos e salmón, tarta de mouse de limón con merengue, dúas cañas e café.
44€. Ao cambio (absurda comparación, pero que sirva como anécdota) virían sendo algo así como unhas 7.300 pesetas.

Tapas Areal 1

 

Hai restaurantes, como persoas, viños cadros ou libros, aos que o paso dos anos outórganlles soleira; outros, pola contra, o único que conseguen é envellecer.
Tapas Areal está entre os primeiros. Abonda con dicir que vén de ser recoñecido con ese novo invento da guía Repsol ao que chaman ‘soletes’, regalándolle un comentario no que dificilmente se poderían dicir máis perlas con menos palabras: Un clásico de Vigo para comer ben e rápido. Coidan o viño, a comida, o prezo e o trato. Riquísimas empanadas caseiras de zamburiñas ou espinacas con boi de mar.
Concordo.
O que máis cambiou co paso dos anos en Tapas Areal, é o local. Soubo actualizarse e hoxe loce cunha feitura moderna, campestre, alegre, informal, moi agradable.
A carta tamén evolucionou para adaptarse aos tempos; mantén a sona de Tapas pero ofrece, tamén, argumentos para unha comida tradicional de entrante, prato e sobremesa.
No tocante á cociña, segue viva a filosofía de sempre: cociña tradicional elaborada en base un receitario coidado e unha execución esmerada.
Respecto ao ‘trato’, diría que si, que resulta diferente; é rápido e servizal; ás veces un tanto esaxerado nas formas.

Tapas Areal Carta

Entrantes: Ensalada rusa (4.75€), Pastel de ourizo (8.10€), Croquetas (5.90€)…
Embutidos e queixos: Chourizo ibérico (4.90/8.50€), Queixo semi-curado (4.50/7.90€), Tetilla (3.80/6.90€)…
Vexetais: Setas á prancha (5.5€), Champiñóns ao allo (5.5€), Champiñóns á crema (5.5€)
Revoltos e tortillas: Revolto de setas, salmón e gambas (8.90€), de setas shiitake, espárragos trigueiros e xamón (9.90€); tortilla española mini/media/grande (5.25/6.5/7.5€)…
Peixes: Espetada de peixe sapo e lagostinos (16.90€), Filete de linguado en salsa de ourizo (19.90€), Polbo á galega ou á prancha (20€)…
Ensaladas, Mariscos, Carnes…

Fieis á tradición, elaboramos un menú a base de tapas para compartir:

Tapas Areal 5Tapas Areal 6
As empanadas, espectaculares. Como sempre. Merecida sona.
Algo mellor o compango que a masa, e, para o meu gusto, a de xoubas que a de ourizo

Tapas Areal 7
O salpicón, unha vez aderezado ao gusto, tamén está rico

Tapas Areal 8
Non convén pasar por alto que os revoltos son outro dos clásicos de Tapas Areal.
Este de grelos con salmón e tetilla, fantástico; destacan o zumarento que está, o punto de fusión do queixo, e os contrastes

A lista de sobremesas tamén é completiña e variada (todas a 4.25€): Tarta Tatin, Tarta da avoa, tarta tres chocolates, Tarta de queixo, xeados…

Tapas Areal 9
Gustoume, e moito, a tarta de mouse de limón con merengue

Tapas Areal segue en plena forma.
Un local de sempre, en Vigo, que raramente defrauda e que hai que re-visitar de cando en vez.
Por completar a nota de Repsol, diría que ademais das empanadas, son icónicos os revoltos e, moi especialmente, a tortilla de patacas: un clásico que, como o local, sabe manterse en primeira liña.

Tapas Areal
R/ México 36, 36204, Vigo
986 41 86 43
GPS: 42.232420N,  8.716045O
tapasareal.com
Facebook
Instagram
Cociña: tradicional, tapas
Prezo: 25-35€
Peche: domingo
Repsol: Solete
TripAdvisor: 5º de 742 restaurantes en Vigo


Translate »