de novo, nova

Os esforzos de Julio Sotomayor e Daniel Guzmán en Nova (Ourense), coa súa cociña de raíces e produtos, obteñen merecida recompensa, desde 2014, na revalidación anual da súa estrela Michelín.

Restaurante Nova 5

Visitamos Nova en novembro de 2014.
Viña de nacer, coma quen di, e xa recibía a estrela Michelín.
Creo que, punto por punto, podería re-escribir todo o que dicía daquela:

“Globalmente hei destacar dúas ideas que resumen a miña opinión sobre Nova.
Paréceme un restaurante que sen dúbida merece os mellores afagos, mesmo se se trata da codiciada estrela Michelín.
En segundo lugar, estamos anta unha relación calidade-prezo como moi poucas veces coñecín (de aí, creo, unha boa culpa do éxito inicial no boca a boca).
Un prezo total (menú intermedio, viño Régoa, auga, cafés) de 50 euros persoa non é un prezo de churrasquería… pero, nos tempos que corren tampouco é, nin moito menos, disparatado.
O limitado do número de lugares, a cantidade de persoas ao teu servizo, o meco ata nos mínimos detalles… e, en especial, a calidade e trato dos produtos (e a partir de agora, tamén, a nova estrela Michelín no peito), fan pensar nunha factura final significativamente máis elevada”.

NOVA_lutier_0002
Imaxe da web de Nova

De ter que actualizar sensacións, son bastantes e todas a mellor.
O espazo mellorou sensiblemente; o servizo, se xa era bo, agora é moi bo; os detalles, as vaixelas, a decoración… pegaron un chimpo cara adiante que axudan a confirmar uns méritos que sitúan a Nova á cabeza da restauración ourensá.
E, sobre todo, percibín unha madurez na cociña que creo que é a que realmente está detrás do éxito e do resto de valoracións.

Como vén sendo norma de casa, Nova ofrece tres menús de degustación que van desde os 45 aos 90€.
O más básico, o Raíces, consta e 8 pases: 1 aperitivo, 2 entradas, peixe, carne, pre-sobremesa, sobremesa e petits fours.
O segundo, Nova, engade dous pases: 1 aperitivo, 4 entradas, peixe, carne, 2 sobremesas e petits fours.
E o superior, Cima, vai aos 13 momentos: aperitivo, 6 entradas, peixe, carne, os queixos galegos, 2 sobremesas e os petit fours.
Calquera deles pode completarse coa maridaxe (30, 40 e 50€) e os dous primeiros cos queixos (16€).

Restaurante Nova 9

Somos catro, pedimos o menú Nova acompañado de dúas botellas de Alcouce (Mencía, Adegas Chao do Couso, Trives).

Restaurante Nova 11

A comida comeza cun consomé de vaca. Moi intenso, saboroso, perfecto para entoar o corpo e espertar as papilas.

Restaurante Nova 12   Restaurante Nova 14

O segundo aperitivo presenta un matiz para as persoas con intolerancia ao glute. Todo igual pero cambia a crema; o pastel de marisco é o mesmo. Todos os bocados moi elegantes, ricos.

Restaurante Nova 15

A ensalada de requeixo e atún vermello. Os entrantes comezan moi ben; o tartar casa á perfección co requeixo (bocado deliciosos) e combina á perfección cos complementos.

Restaurante Nova 17

O ovo, boletus e estufado de vaca é un dos momentos álxidos da comida; a crema de boletus ten tanto sabor como delicadeza; cando remexes o ovo, a mestura gaña aínda máis. O millo que vai por riba substitúese, para a celíaca cun raiado de ceboliño.

Restaurante Nova 18

Nabo daikon, puré de boinato e vieira. A Vieira cun tratamento no forno espectacular; textura óptima e sabor intenso. Mellor o puré que o nabo na prancha.

Restaurante Nova 19

Arroz cremoso de cantarelas e papada. Para min, arroceiro de pro, outro dos grandes momentos da comida. Arroz ao dente, co sabor perfectamente integrado; a papada pareceume unha gran idea pois axuda de xeito definitivo á cremosidade do arroz.

Restaurante Nova 20

O peixe do día é un rodaballo que vén sobre unha escuma do mar. Tamén impecable. Seica está en tempada pois coincide coa comida do venres pasado en Miguel González.

Restaurante Nova 21

A carne de vaca está exquisita, no seu punto. A estas alturas da comida fáiseme un pouco excesiva, pero xa se sabe que é defecto do animal.

Restaurante Nova 26

Menta, lima, iogur e o seu sorbete. Un estoupido de sabores e texturas que levanta os ánimos aos menos carnívoros.

Restaurante Nova 22  Restaurante Nova 23

Cabaza, canela e chocolate branco. Outro dos momentos do día. A cabaza, feita doce e envolta en milfollas, resulta espectacular. Para a celíaca cambian o cabaza por unha bica de coco.

Restaurante Nova 24  Restaurante Nova 25

Petit fours para acompañar o café, e delicadeza extra de bombóns de praliné.

Ao final, entre unhas cousas e outras, o prezo ascende aos 80€ por persoa.
Xa non son aqueles 50€ da vez anterior; xa non se trata daquela sona de ser o menú de degustación máis barato da guía Michelín. Pero a evolución decidida cara adiante e a madurez que presenta o menú ben xustifican o incremento de prezo.

Restaurante Nova
Julio Sotomayor e Daniel Guzmán

r/ Valle Inclán 5
32004 Ourense
988 217 933
Cociña: creativa
Prezo: 45-90€
Peche: (consultar)
novarestaurante.com
Facebook
Instagram
1 estrela Michelín
1 sol Repsol
Nª 1 de restaurantes de Ourense en TripAdvisor


Translate »