de copias, plaxios, piratas e outros palabros

Un blogueiro afeccionado que escribe sobre restaurantes de Galicia e norte de Portugal non pode abarcar a milésima parte da oferta que hai. Ás veces temos que recorrer aos préstamos.

osmeusrestaurantes

E digo ben: préstamos.
Un que vive dun traballo e dun soldo de mestre non pode visitar todos os restaurantes que querería; nin por tempo, nin por saúde, nin, sobre todo, por presuposto.
Coñece algo máis dos lugares que frecuenta (de aquí) e uns poucos dos que xa se fixeron unha certa sona (de máis alá).
Do resto, hai que buscar información como sexa e procurar estar ao día.
Antes era a través das guías…, hoxe xa só quedan un par delas. Logo chegou Internet e, despois dun período de maduración e depuración, foi o tempo dos blogs…, pero o cambio de regras, o cansanzo, os novos modelos de comunicación na rede… tamén acabaron coa maioría dos blogs.
Agora, no verán de 2017, un ten que fiarse (daquel xeito) dun par de guías (as que todos coñecemos, cos seus pros e contras), de dous ou tres blogs de traxectoria consolidada en Galicia e do trigo que queda despois de limpar a palla das redes sociais.

Hai cousa de oito ou dez anos foi o gran estoupido dos blogs; en Galicia foron moitos e chegaron a crear os ‘blogastrónomos galegos’, tantos, que mesmo houbo un que se autodefiniu na versión inglesa de ‘outra vaca no millo’ (Another Cow In The Corn fixo a súa derradeira participación en setembro de 2011). De pinchos, Lareira, Colineta… son nomes importantes que tamén deixaron de publicar ou perderon o interese pola reseña de restaurantes.
Pero hai tres que aínda seguen aí, dando caña e orientándonos de cando en vez sobre onde comer en Galicia.
Falo, como non podía ser menos, do gran pope do sector por estes lares: Manuel Gago e o seu Capítulo Cero coas míticas Paparotas. Imprescindible.
O segundo é o Gourmet de provincias (e o seu can gastrónomo): Jorge Guitián. Tamén sisudo e imprescindible.
E, en tereceiro lugar atopamos a Manoel Foucellas e o seu Pantagruel, supongo, no que fala un algo de aquí e outro pouco de acolá (Chile).

Onte fomos de excursión a Coruña e pasei un bo rato buscando ese restaurante novo  e de garantía, para probar. Así din cunha serie de entradas nas que, aproveitando a viaxe de vacacións de verán,  Pantagruel fai un repaso moi interesante do que se coce na Coruña. Entre as diferentes opcións decidímonos por Miga, do que vos falarei no comentario de mañá.

Pero, ademais, o tratamento e interese da análise animoume a resumir as propostas de Foucellas e presentalas en forma de post sobre os restaurantes que berran hoxe desde A Coruña (capítulo 1, capítulo 2, capítulo 3, capítulo 4, capítulo 5 e, a día de hoxe, capítulo 6).
Estaríamos, ao meu entender, diante dun préstamo que sempre haberá de levar por diante e en maiúsculas o nome do autor: Manoel Foucellas, Pantagruel…, supongo
Non se trata dunha copia. Moito menos dun plaxio ou dun roubo de propiedade intelectual. Non. Só pretendo axudar aos que seguimos este blog (normalmente xente de por aquí, do sur) para as nosas visitas ao norte. E, insisto na idea inicial: como me resulta imposible estar en todo, e as contadas veces que imos de excursión a Coruña (cantas?, unha, dúas, tres veces ao ano?) dan para o que dan e hai que aproveitalas ao máximo, pido a axuda, e así o escribo unha vez máis, a Pantagruel.

agadic

PD: Por certo, e xa que estamos.
Eu non son moi devoto da feitura que vai collendo todo iso da ‘propiedade intelectual’. A primeira vez que vin un cartelón da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais (en San Simón, hai, xa, uns anos), caeume a alma aos pés. Industria…, cultural?
Son dos que opina que a industria e a cultura son termos radicalmente opostos e, como aprendimos naquela Física de 6º de bacharelato, ‘non miscibles’.
Os derroteiros polos que vai a propiedade intelectual en Internet están moito máis próximos ao compoñente ‘industria’ que ao de ‘cultura’, e, mentres siga así, hai que collelos con alfinetes ou simplemente non collelos.

Etiquetado en: , ,

Translate »