de ceibes no monte a casa paco

Casa Paco, en Torroña (Santa María de Oia) é unha casa de comidas tradicional. Cociña caseira de alta cualidade, trato extraordinariamente amable e prezos que raian no ridículo. Grandísimo descubrimento.

SMOia-Casa Paco

Por Torroña non se pasa, hai que ir.
Pero a excursión en si mesma xa é unha festa. Falo da estrada que, saíndo de Baiona pola Virxe da Rocha, nos leva ata O Rosal atravesando os altos da serra da Grova e localidades esquecidas do mundo como a propia Torroña, Burgueira, Refoxos ou Loureza.
Estamos ante un dos derradeiros redutos desa gandería extensiva outrora parte fundamental da economía da Galiza. A estrada EP-2202 (Baiona-Loureza) é o Paraíso de cabalos, vacas e ovellas que viven en total liberdade polo monte. Ceibes no monte.

CeibesnoMonte

Os montes que pechan o Val Miñor concentran seis dos poucos curros que quedan en Galicia. Por unha banda está a Grova (sur e oeste do val) cos curros de San Cibrán, Torroña, Valga e Mougás; polo este temos a serra do Galiñeiro e o Aloia, cos curros de Morgadáns e Vincios.
Ademais, e por se non resulta suficiente, hai puntos (O Cortelliño) con panorámicas tan extensas e espectaculares que competirían máis que dignamente nun concurso polas mellores vistas do mundo.

Cabalos Ceibes na Paradanta 05

Casa Paco ten dúas zonas ben diferenciadas. A de entrada, coa barra e a feitura do bar de toda a vida, e o comedor do fondo que, sen renunciar á súa autenticidade, resulta algo máis coidado coa súa peculiar mestura de pedra e madeira.
Sábado de setembro, dúas menos cuarto do mediodía, e xa non hai lugares no comedor máis coqueto (completamente reservado); temos que conformarnos coa zona de fóra, un puntiño máis fría e amorfa, e que acabará, tamén, sen unha mesa libre.

A carta… En realidade non existe tal carta. Estamos ante o típico local no que o camareiro (neste caso sorrinte camareira) le a oferta do día dun pequeno caderno esborranchado de principio a fin. De entrante sopa, caldo, empanada, mexillóns con setas ao allo, mexillóns con fabas…; de prato principal, cocido, cordeiro, rabo estufado, poldro, filete de croca, etc.
Pedimos dous primeiros e un segundo para compartir (alguén nos soprou que aquí as racións, como a cociña e o trato, son familiares).

Casa Paco Torroña 01

A empanada, de marisco, das boas… Non, das moi boas.
Masa mestura de millo e trigo inexplicablemente fina, zumenta pero en absoluto graxenta ; compango saborosísimo, no seu punto, sen unha pizca de exceso de aceite, a cebola está pero non se nota… Unha festa.

Casa Paco Torroña 03 Casa Paco Torroña 02

As anchoas con focaccia (‘fogaza’) unha auténtica sorpresa para un local destas características. A focaccia (negra!!!) con sementes, algunha herba, tomate seco e oliva é unha delicia que se complementa á perfección coa forza das anchoas.

Casa Paco Torroña 04

E creo que xa non me quedan palabras para o cordeiro… E iso que é o que máis as merecería…
Como vedes, tiña razón a nosa informadora: estamos ante unha ración con catro anacos de carne e ben provista de abundantes pataquiñas, zanahoria, pemento e cebola: suficiente para comedores medios coma nós (ante os piropos que lle dedicamos ofrécennos repetir). Simplemente extraordinario.

Casa Paco Torroña 05Casa Paco Torroña 06

As sobremesas, sen estar ao nivel excepcional do resto da cociña, manteñen decentemente o tipo.
Bebemos o tinto Mencía da casa (este si, prescindible) e un auga e pagamos 18€ cada un. Creo que non se pode pedir máis. Quedamos en volver en breve para o menú de caldo (ou sopa) e cocido (disque é fóra de serie).

Casa Paco ten sona polos seus percebes (por encargo) e ofrece un menú de degustación de 25€: paté con pementos confeitados, empanada, mexillóns con setas ao allo, lagostinos asados, rabo poldro e cordeiro estufados, sorbete de limón, piña flambeada, filloas con nata e café (bebidas incluídas).
Tralo visto hoxe, non sei como podería quedar despois deste banquete anunciado no menú…

Casa Paco
Torroña 14
36779 Sta. María de Oia (Pontevedra)
986 362 171 – 610 453 347
GPS: 42.028745N,  8.836072O
Cociña: tradicional, caseira.
Peche: martes.
Prezo: 15-25€