de cando as cousas están ben feitas

Podemos comezar polo nome.
Desde que inaugurou, pasaron apenas dous meses. Neste tempo o ruxeruxe dixital non parou de falar deles, desde as redes sociais ata os blogs máis sibaritas.
Tampouco no murmurio constante dos iniciados do que se coce en Vigo sen que os seus gostos pasen pola rede.
Onte fomos probar o seu sonado menú do día e comprendimos o porqué.
Grazas ao ruxeruxe, un vernes, a pouco máis das dúas, no RuxeRuxe non quedaba mesa no comedor.

ruxeruxeruxeruxe tarxeta

O RuxeRuxe está na rúa México, na cerna dunha zona viguesa especialmente activa no que ás cousas do comer se refire.
Despois dalgún que outro intento de recuperación fracasado, O RuxeRuxe vén ocupar o local dun vello amigo, un pioneiro que, en tempos de seca, cando a oferta de restauración en Vigo resultaba escasa e aburrida, marcou camiño en moitos aspectos; falamos, como non, de Doméstica Causa (a onde terán ido todos aqueles recordos do vello Tamberlick?).
Dúas zonas perfectamente diferenciadas, a entrada, viñoteca-tapería, con barra e mesas informais, e o comedor, ao fondo.
Ambiente e decoración alegres e desenfadados, variado e ecléctico no tocante a feitura de mesas e cadeiras na busca do deseño equilibrado.

Ruxe Ruxe 06Ruxe Ruxe 08

A oferta é completa e variada cunha proposta de viños moi interesante.
Carta de tapas (Leitón prensado con emulsión de ‘ajoblanco’ e tallaríns de porro, Tempura crocante de mexillóns e algas, Ovo de curral a baixa temperatura con fungos e feixonciños…) con prezos que van desde o 4 ata os 11 euros.
Menús: curral, curral especial e menú do día. Os menús curral constan de entrante, prato e sobremesa e custan 15 e 20€ respectivamente.

Ruxe Ruxe 02Ruxe Ruxe 03

O menú do día é, tamén, de primeiro e segundo pratos, que, xunto co pan, a bebida e café ou sobremesa, van aos 10,50€ no comedor e a 9,50 na zona de viñoteca. Son dúas opcións de elección para cada momento e cambian diariamente. Pódense consultar no Faceboock do RuxeRuxe.
Por último está a carta, con encabezamentos coidados e suxerentes:
Para quitar a fame (Carpaccio de carne vermella, vinagreta suave de verduras asadas e lascas de arzúa curado, A nosa vieira á galega, crocante de pan e vidro de pemento…; entre 6,5 e 12 euros);
Sen escamas nin espiñas (“Da lonxa depende”, Pescada ao vapor con espinacas, san Simón cremoso e a súa pataca, Bacallau confeitado ao aceite de allos, risotto de trigueiros e tomatiños; arredor dos 15€);
Bestas e Fuciños (Leitón confeitado con puré de coliflor e tamarindo, Solombo de porco “de castaña”, crema de marmelo e salteado de fungos…; sobre os 16€);
Só larpeiros (Tortiña de améndoa con mousse de Cebreiro e cristal de mel, Torrixa caramelizada ao ron torrado con xeado de canela, Sorbete de froitos vermellos -apto para celíacos-…; sobre os 4,5€ de media).
Tamén carta de dixestivos.

Ruxe Ruxe 04

Ao non haber mesa no comedor, sentamos na viñoteca. Tocounos un mal lugar, de paso, de comunicación entre espazos, pero aínda así a comida resultou agradable e non tan exposta como cabía esperar. Ademais era zona de 9,50€.
O servizo é atento, agradable, dilixente, profesional; malia ausencia de tontería no proxecto, sabe perfectamente por onde se move.
Respecto ao proxecto, pouco queda por dicir que non estea xa escrito. Simplemente que nace da amizade de dous profesionais dos fogóns, Carlos e Gerson, ou Gerson e Carlos, que tanto monta… Entre os dous, paso por unha boa media ducia das cociñas viguesas que máis están a dar que falar. A idea, cociña de mercado con concepcións actuais nas que se coida ata o mínimo detalle, desde o trato ata a presentación do pratos; pasando por algo tan atípico nun menú do día como pode ser un snack oferta da casa (uns bocadiños de queixo magníficos).
E todo con algo tan importante nos tempos que corren como é o realismo, a adecuación ás circunstancias sen renunciar aos principios e aos pequenos detalles (ou sexa, prezos marcados cos pés na terra).

Ruxe Ruxe 10Ruxe Ruxe 11

Hoxe, de primeiros, unha Cazoliña de feixóns verdes con chourizo e pataca, e a Crema de porros con carochos. Sorprende que o chourizo dos feixóns (moi rico, de moi boa calidade), vén fritido e sen cortar, por riba; sen embargo, e estando os dous a un gran nivel, quedo co sabor e a suavidade da miña crema.

Ruxe Ruxe 13Ruxe Ruxe 12

Segundos: Albóndegas de tenreira en mollo de cervexa, e Grellada de peixes con pataca rota e emulsión de allos tenros. Pido as albóndegas; veñen sobre unha camiña de arroz branco e o mellor afago que podo facer delas é que, sen ese chisquiño de especias, ben poderían ser as de casa. Pero nesta ocasión quedo cos peixiños na grella, no seu punto, con esa variación de alioli moi suave que resulta un acompañamento magnífico.

Ruxe Ruxe 15Ruxe Ruxe 14

A miña sobremesa foi un Flan de queixo afumado con toffe e as Carmenes pediron a Mousse de mascarpone e froitos exóticos. A cada cal mellor.

Por se alguén ten a dúbida, as racións son abundantes e non hai sorpresas: coas cañas de bodega pagamos 9,50€ cada un.

Cando as cousas se fan ben desde un principio, e á apócema de catro boas mans para a cociña se lle engaden unha pingas de orixinalidade, un petisco de pés na terra, un puño de profesionalidade e mans cheas de ilusión e traballo, o éxito está garantido.

Espero que lles vaia ben.
E, utilizando o meu clásico baremo de puntuación, que eu poida velo e gozalo de novo; paga a pena.

RuxeRuxe. Espacio Gastronómico
Carlos Barreira e Gerson Iglesias
r/ México, 10
36204. Vigo.
Teléfono: 886 490 969
E-Electrónico
Web
Localización en Mapas de Google
GPS: 42.233536ºN  8.715234ºW