day of the galician letters

letrasgalegas
Pido desculpas a Nachortas e La Voz de Galicia por coller prestada a súa viñeta para ilustrar este Día das Letras Galegas de 2010.
A idoneidade xustifica o posíbel exceso de confianza.
O dezase de maio é un día que moitos aproveitamos para homenaxear a lingua galega saltando, por unhas horas, a expresarnos en galego.
Para min, hoxe, dezase de maio de dous mil dez, a obriga é a de falar DE lingua galega. Alí onde cada quen fale e fale do que fale, fale para quen fale e no idioma que habitualmente fale, hoxe é o día para falarmos de Lingua Galega.
E fixádevos ben que falo de falar de, de Lingua Galega, da lingua de Galicia, a nosa lingua. De pensar sobre o Galego. E tanto me ten o idioma en que pense cada quen sempre e cando deixe de lado os tópicos e reflexione de verdade sobre o galego.
Non falo de falar en galego para cubrir o expediente.
Para estar en disposición de disputar o voto.
Para arrincar unha bágoa fácil.
Fóra, pois, politiqueos demagóxicos, bandeiras ao vento que mellor sopra, tradicións rancias, sentimentalismos, turbios pronunciamentos, e demais farrapos de gaita.
Porque sexan os que sexan os desexos de uns, de outros, e os de máis alá, a realidade obxectiva é ben teimuda. Todos os estudos, as academias, as enquisas, os medios de comunicación, as universidades, a realidade cotiá dos que convivimos con ela, todos os indicadores dinnos que, aos poucos, paseniño, sen case decatarnos pero de cotío, o galego está a perder presenza en Galicia cada día que pasa.
Sexa a que sexa a lingua de pensar e actuar de cada quen, a realidade obxectiva a día de hoxe é a que é, e a que hai que saber (querer?) ver para poder utilizala como punto de partida de toda actuación: a Lingua Galega é unha lingua minoritaria nun país que dista moito de ser bilingüe.
É, malia que nos pese, e por mor do anterior, unha lingua en perigo de extinción.
Cando o único que pode salvar á Lingua Galega é un contorno de protección, co único que se atopa é cun contorno hostil na administración que precisamente debía velar pola súa protección.
As linguas son entes vivos que responden ás mesma leis de supervivencia definidas por Darwin para os seres vivos. As especies en perigo de extinción non se salvan con pronunciamentos e brindes ao vento, non chega con afirmar cara aos micrófonos e a todo o volume que nos dá a gorxa: ‘si, son galego’, ‘defendo o galego’, ‘quero o galego’, ‘salvemos o galego’.
Chegamos este maldito punto de inflexión en que as palabras non abondan, en que só con palabras o galego está condenado a quedar sen esas mesmas palabras que o definen todo, ‘si’, ‘eu’, ‘son’, ‘galego’.
En que todo quedará reducido á nostálxica proclama para berrar nas rúas nos vindeiros dezasete de maio:

‘Yes, I Love Galego’
Etiquetado en: , ,

Translate »