david couñago e os seus arroces

Malasangre Food&Club é a aposta persoal do chef David Couñago, gañador da última edición (2019) do concurso de Mellores arroces de España. Cociña entre clásica e atrevida nun ambiente singular.

Malasangre 1

O concurso celebrouse en Murcia o pasado novembro, e David Couñago accedeu á final da que sería vencedor despois de ser o gañador da fase rexional (Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e León, Navarra e País Vasco).
Este prato gañador levaba por nome Marisqueo e o seu arrociño con infusións e emulsións de mar e terra.

ArrozDavidCouñago
Arroz de David Couñago (De: Pomarus, revista gastronómica da rexión de Murcia)

Despois de envexar á Coruña polo seu nivel gastronómico de locais innovadores de prezo medio, xa é hora de berrar que Vigo, nos últimos anos, tamén soubo poñerse as pilas. Xunto cos Morro Fino, Niño Corvo, Rokuseki…, Malasangre é un deses restaurantes de nova fornada de Vigo que está a dar moito que falar.

O local é rompedor. Decorado, sen complexos, nun estilo étnico, é quen de mesturar con criterio unha cabeza de antílope con unha máquina de Coca-Cola dos anos sesenta; sofás en cores rosadas con flores e enredadeiras que colgan do teito; o exceso de dourados coa madeira escura dominante; un rechamante papel pintado de loros coa caveira rematada na man con cornos símbolo da casa e un enorme espello de inspiración árabe. O ambiente resulta cómodo e moi agradábel.
O servizo é atento e próximo, interesándose a cada pouco polo noso estado de satisfacción.
Para adaptarse á nova desfeita do coroavirus, accédese á carta a través dun código QR.
Entre semana propón un interesante menú do día (un primeiro a elixir entre dous, un segundo, tamén entre dous, pan, bebida e café, 12.5€). Un exemplo de menú das últimas semanas pode ser: Primeiros: Gaspacho de cítrico de sandía, crudités e costróns, ou Crema de coliflor, ovo e setas. Segundos: Salmón, crema de pataca e puré de tomates asados, ou Wok asiático de lombo de porco, verduras e tallaríns.
Tamén ten unha proposta para enviar a casa ou recoller no local. Aquí inclúense moitos dos pratos da carta habitual do restaurante, nos que non faltan algúns dos arroces estrela para ‘acabar de facer na casa en só 5 minutos’ (explicacións con rigor case matemático para acabar de cociñar o arroz na cociña de casa).
Xamón ibérico de cebo, allo, pan e tomate (18€), Carpaccio de vaca, crocantes, vexetais en vinagre e follas (15€), Tartar de atún, salmorejo e hortelá (17€), Croquetas artesás de xamón (12€), Lagostino fritos, alfábega e maonesa de chipotle (14€), Faceira de tenreira estufada con crema de batata (16€), Wok de udon con verduras e aliño de coco, curry e tamarindo (14€)…, e os Arroces: De costela ibérica (16€), Cremoso de peixe sapo e lagostino (22€) ou o de Vieiras e cocochas (22€).

Malasangre 4 Malasangre 6

Comezamos compartindo unhas Anchoas do Cantábrico Sanfilippo, sésamo, mazá e pan de noces. Desde o primeiro bocado, unha conxunción marabillosa. O pan de noces, co seu aire de manteiga, coa anchoa enriba e o dedal de mazá resulta espectacular. A clave, o produto, sen dúbida, as anchoas, a manteiga e a mazá son de primeira; pero, para min, o éxito xira arredor da perfecta ensamblaxe do pan caseiro de noces (morniño) coa anchoa.
Non é un prato barato. A ración consta de 10 anchoas dunha das marcas de máis prestixio de Santoña (se non a máis), por un prezo de 20€.

Malasangre 8 Malasangre 10
Malasangre 11 Malasangre 9

Probamos dous arroces. O de lagostinos e peixe sapo e o de vieiras e cocochas. A sona é ben merecida. Calquera dos dous resultan melosos, no seu punto, extraordinariamente saborosos, exquisitos. Se tal, quedo co de vieiras, un puntiño menos salgado que o de lagostinos. Aquí, de novo, e ademais da elaboración, volve destacar a materia prima.

Malasangre 13

De sobremesa compartimos o sorbe de mango con gin. Cumpre á perfección para arrastrar a forza dos arroces.

Bebemos con cañas e auga e pagamos 37€ cada un.
O prezo paréceme xusto. Non é unha comida barata, pero dado o menú e a calidade da materia prima, tampouco creo que se poida considerar caro.
Un restaurante moi interesante. Divertido, coidado, moi persoal. Para repetir.

Malasangre Food&Club
David Couñago

República Arxentina 6
36209, Vigo
986 12 53 72
Facebook
Cociña: actual con pratos clásicos
Prezo: 25-40€
Peche: domingo; luns noite