restaurante, cervejaria, marisqueira, snack-bar

Cufra, en Porto (Boavista), é a típica cervejaria portuguesa: tomando como base a cervexa ben fría e un marisquiño, podes saltar a case que calquera prato por un prezo accesíbel.

20200209_144158_HDR2

Segundo a nosa benfeitora Galipedia, Cufra fai referencia a unha rexión do sueste de Libia; trátase dunha depresión do deserto na que se concentran os principais oasis do Sahara. O étimo vén do árabe ‘cafir’, palabra utilizada para referirse aos non musulmáns, aos, vulgarmentev ‘infieis’ (literalmente, ‘aqueles que esconden a verdade’).

POR-Porto-Cufra2020

Cufra, vén, polo tanto, de oasis, de auga e vexetación no medio do deserto, de solaz, de restauración, de cervexa e alimento no medio do asfalto portuense.

Está formado por dous locais. Un, o orixinal, amplo, informal, respondendo á configuración clásica de cervejaria, con barra e moitas mesas, moi próximas, e, moitas delas corridas. O outro espazo é algo máis requintado e agradábel, menos ruidoso. Tocounos neste.
E grazas. Domingo ao mediodía, sobre as dúas menos cuarto, e o local xa está cheo, conseguimos pillar a última mesa. A partir de aí, importantes colas e tempos de espera máis ou menos salientábeis. Tamén hai cola de xente que vén buscar a comida para levar a casa.
Ambiente moi portugués e familiar. Penso que somos a única nota discordante. Predominan as familias e, entre estas, tres ou catro mesas de arredor de vinte persoas.
O servizo, de estilo tradicional nun local coma o Cufra, aberto desde 1974, e sen excesivos espaventos, é dilixente e eficiente sen perder a boa cara.

20200209_13300620200209_133021

A carta afronta sobradamente todos e cada un dos cualificativos dos que se gaba o local: cervexería, marisquería, restaurante, bar.
No tocante a mariscos, algúns, só algúns, exemplos: Ameijoas à Bulhão Pato (23.5€), Sapateira (34.90€ o quilogramo), Gambas (56€ o kg.), Lagosta (95€ o kg), ou o Camarão do nosso (110€); neste apartado non poden faltar o arroz ou a açorda de marisco. Tamén atopamos unha Parrilhada à Cufra (60€ persoa).
Xa como restaurante ten entradas (Creme de marisco, 2.6€; Canja de galinha 3.5€, Presunto com broa de Avintes 12€, Chouriço regional na brasa com broa 7.5€, etc.), peixes (Robalinho na brasa 13.5€, Bife de atum de coentrada 12.5€, Bacalhau com natas 14.5€, Feijoada do mar com gambas 20.5€, Filetes de pescada com salada rusa 14.5€, etc; ademais, hoxe, en tempada, Lampreia à bordalesa 26.5€ ou Arroz de lampreia 18.5€; e, sempre, peixes especiais para grelhar, Salmão a 39.5€ o quilogramo, Rodovalho a 55€ o kg ou o Linguado a 66€). No apartado de carnes, tamén moitísimo onde elixir: Bife no grill à pimenta 14.9€, Tripas à moda do Porto 11.5€, Javali estufado com cogumelos e enchidos 14.9€, Picanha na grelha com mollo de alho 17.9€, Cozido à portuguesa, Lingua estufada com puré e ervilhas, Rojões na caçarola com castanhas e legumes, Costelinhas de javali com piripir, Pica Pau, Costeletas de porco na brasa, etc.
Noutra banda un tanto diferente –e atípica–  a carta conta, tamén, cunha oferta vexetariana (Lasanha vegetariana 6.9€ ou Arroz selvagem salteado –ervilhas, soja, abacate, milho, cenoura, noz, courgette, rúcula…- 13.9€).
Baixo ese horríbel nome de Snack-Bar, seica destacan as francesinhas, consideradas por moitos como as mellores de Porto. Está a especial (fiambre, mortadela, afiambrado, salsicha fresca, linguiça fresca, lombo assado e queijo gratinado, por 9.5€), a bautizada como Francesinha real à Cufra (fiambre, mortadela, afiambrado, salsicha fresca, linguiça fresca, bife, bacon, queijo gratinado e 4 camarões grandes, 19.5€), ou a Francesinha com bacon em pão de cruz (fiambre, mortadela, filete afiambrado, salsicha fresca, linguiça fresca, bife picado, bacon, queijo gratinado e ovo, 13.5€).
Ademais das francesinhas, unha boa selección de sandes variadas: Cachorro normal, com fiambre, 3.1€, Tosta mista 4.5€,  Prego em pão com queijo gratinado e molho 7.6€, Prego em pão com fiambre 5.2€, Hamburguers, etc.).
E, por se non é suficiente, apartados especiais para as omeletas e as saladas.

Cervejaria Cufra Porto 9Cervejaria Cufra Porto 10

En fin, malia o mareante da oferta, témolo bastante claro e pedimos o caldo verde (2.3€) e o Cabrito assado com arroz de forno (a dose completa, ración para dúas persoas, 26.5€, e a meia dose, ou ración individual, 23.5€).
Típica comida de domingo portugués. Perfecta. Tanto o caldo coma o cabrito, elaborados de xeito tradicional, moi saborosos, ricos, con aire a pobo, de auténtica festa. O cabrito vén cunhas pataquiñas excepcionais, un arroz de forno con miúdos moi, moi rico, e unha crema de legumes que non nos gustou tanto.

Cervejaria Cufra Porto 11

Entre o Pastel de nata, o Leite creme, a Tarte de maracujá, o sublime de laranja, o Semi frio de bolacha e café, os Profiteroles 3 chocolates, etc., compartimos unha Torta divina (folhado de framboesa); para non romper a tendencia, tamén tipicamente portuguesa: moi, moi doce, raiando (se non pasa) o límite do exceso de empachoso.

Bebemos auga e viño Meia Encosta (Tinto Dão 2017, rico en boca, aromático, intenso, meloso, persistente; moi boa elección para os 5.70€ que custa esta garrafa pequena). Co café pagamos 21€ por cabeza. Pareceume un prezo máis que razoábel.
Coñecemos o Cufra hai vinte anos, alá polo dous mil, cando aínda se pagaba en escudos. Había tempo que non iamos e a valoración segue a ser exactamente a mesma: nunca defrauda e mantén os prezos bastante axustados.
Seica o tempo non pasa para este oasis no Porto.

Terminal Cruzeiros Matosinhos 03Terminal Cruzeiros Matosinhos 09Terminal Cruzeiros Matosinhos 20Terminal Cruzeiros Matosinhos 27Terminal Cruzeiros Matosinhos 30Terminal Cruzeiros Matosinhos 36Terminal Cruzeiros Matosinhos 46Terminal Cruzeiros Matosinhos 51Terminal Cruzeiros Matosinhos 58Terminal Cruzeiros Matosinhos 62Terminal Cruzeiros Matosinhos 67Terminal Cruzeiros Matosinhos 82

A saída foi para coñecer a nova Terminal de Cruceiros de Porto (Matosinhos), que só abre os domingos pola mañá e para visitas guiadas.
O proxecto do arquitecto Luis Pedro Silva (ex-alumno e agora profesor da Escola de Porto) en pouco tempo converteuse nunha escala obrigatoria nas numerosas xiras que se organizan pola arquitectura moderna da cidade.
Gustoume. A visita guiada paga a pena. Ademais de percorrer espazos non abertos ao público, as explicacións do guía son magníficas e axudan a coñecer un edificio que, no seu diálogo permanente co mar, en moitos casos non precisa de explicacións.
Visitas: domingo pola mañá; saídas ás 10.15, 11.15 e 12.15 horas; duración aproximada unha hora; billete normal, 5€.

Cervejaria Cufra
Avenida da Boavista 2504
4100-119, Porto
351 22 617 2715
GPS: 41.162045N,  8.652921O
cufra.pt
Facebook
Cociña: tradicional
Prezo: desde 10 a 100€
Peche: luns