cruel. un exemplo da modernidade en porto

O Cruel, na zona da movida, rua Picaria, representa á perfección esa modernidade que levou a Porto a situarse no pelotón de cabeza dos destinos turísticos máis codiciados do mundo.

POR-Porto-Cruel

A vida pode ser Cruel. Coma e esqueça. Comer. Beber. Partilhar.
Cruel. Capaz de fazer esquecer as crueldades do dia-a-dia.

Chegamos a Cruel con (e grazas a) Hugo e Carmen. Foi unha comida agradable e divertida que cómpre repetir.
Cruel é un local de moda en Porto cunha carta asinada por un chef de absoluta garantía, o polifacético e  ‘nervioso’ (non para) Luís Américo (Cantina 32, Puro 4050, Largo de Sao Domingos, Typographia Progresso…).

20190203_153043

Responde a todas as esixencias da modernidade portuense. Local coqueto, moi ben decorado, nunha comedida liña nórdica anos 50; o trato é amable, moi próximo, xuvenil, coma se foses un amigo máis da casa; o menú é moi atractivo e rompedor e os prezos aptos para a maioría dos petos.
A carta é moi ampla (difícil decidirse) e ten tres niveis diferentes de experiencia: o ‘cruel’ para os máis ousados, o ‘cauteloso’, para os que queren ser ousados mais non moito, e o ‘medroso’ para os menos ousados. Logo, dentro de cada nivel, diferentes propostas de entrantes, pratos e sobremesas.

Cruel. Bolas de Berlim com mousse de salmão e crema de wasabi (6€), Carpaccio de novilho com flor elétrica e pesto (5.5€), Tempura negra de língua de bacalhau com puré negro de cebola e sangue (7.5), Novilho crú(el) com papadamus de especiarias (13€), Risoto de coumelo em alucinação (14€), Tiramisú de lima em coma alcoólico (4€).
Cauteloso. Cogumelos recheados com queijo de cabra queimado e compota de pimentos (5€), Tataki de peito de pato com puré de alperces e cebola crocante (10€), Francesinha dupla à diávola (13€), Lombo de salmão na brasa mal passado, molho de manteiga, quinoa e salada (14€), Abacaxi com chocolate de menta e pimenta (4.5€).
Medroso. Abacaxi com presunto e orégãos (5.5€), Cogumelos salteados com bacon azeite e alho (5.5€), Naco de novilho na brasa com molho especial, batata-a-murro e salada (18€), Cruel e Cruela (Doce de abóbora com Terrincho DOP) (5.5€).

20190203_13575820190203_140544

Pedimos dous primeiros para compartir, os dous na liña dos máis medrosos: o Meio queijo de Azeitao com tostas, presunto, molhos e compota (5€), e os Ovos rotos com mozzarella (5€). Ben. Destaca a idea de engadir queixo aos ovos rotos; rompe coa esencia inicial do prato pero resulta moi agradable.

20190203_14262620190203_142651

Para o prato, dividímonos; un, tamén, medroso, o Bacalhau com broa, batata-a-murro e cebolada de presunto (16) e a Orelha de elefante com arroz de tomate (25€, recomendado en carta para 2 ou 3 persoas), que entra no grupo ‘cruel’, para os máis decididos. A orella de elefante vén sendo unha enorme tallada de carne de vacún, empanada, e con queixo derretido e rúcula por riba; o arroz de tomate, sensacional.
O bacallau estaba bo, sen grandes espaventos, pero a un nivel máis que digno.

20190203_15105320190203_15111320190203_151137

Para as sobremesas tiramos por dúas ‘crueis’ e por unha máis ‘cautelosa’:  a Torre de chocolate (preço único 8€ pero pódese pedir en medida medrosa, cautelosa ou cruel, e mesmo repetir calquera delas…; o de cruel vén polo tamaño!), o Tiramisú de lima em coma alcólico (4€), e a Escuma de baba de camelo com maça caramelizada e amêndoas merengadas (5€). A ‘torre’, torta de chocolate enorme, para compartir, case, entre os catro; para dous acabou facéndose algo seca, demasiado contundente.
O tiramisú e a baba de camelo moi boas, calquera das dúas.

Bebimos, semella que está moi de moda en Porto, sangría: unha ‘tradicional’ (con viño tinto), unha con viño branco e dúas con espumante portugués. Uns copos grandes, cheos, a 5€ cada un. Bebida divertida e acorde co menú, pero onde estea un bo viño tinto…

Pagamos 25€ por cabeza. Podemos falar dunha boa comida; gustoume ir; e a gran pregunta, repetiría? …pois creo que non; pero non porque non o mereza, ollo!, porque sabedes que son un cu inquieto e que me gusta probar. En Porto hai unha chea de restaurantes na liña da modernidade e dareille oportunidade a outros.

Cruel
(Luís Américo) (Asesor)

Rua da Picaria 86
4050-447 Porto
351 924 400 259
www.cruel.pt
Facebook
GPS: 41.149705N,  8.612941O
Cociña: creativa
Prezo: 25€