cozinha da se braga

Novo local, nova imaxe…, pero a calidade dunha das cociñas máis clásicas de Braga permanece inalterable. Servizo ao nivel da comida e o prezo por debaixo do que sería esperable.

Cozinha da Se, Braga, tarxeta

Lembraba a Cozinha da Sé como un local recomendable.
Desprazouse uns números máis arriba, na mesma rúa Dom Frei Caetano Brandao, a outro edificio da vella escola (pouca superficie en varios andares) que neste caso ocupa por completo. Interesantes tanto a rehabilitación do edificio como a decoración clásica, requintada, pero sinxela e sen excesos. Tócanos no último andar, na baixo-cuberta, nun comedor especialmente atractivo e acolledor. Ao longo da comida uniranse dous grupos familiares numerosos que, máis que nada polo balbordo, baixan un chisco a comodidade do espazo.

O servizo é o de sempre; probablemente tamén nas caras, pero seguro nunha feitura inconfundible de camareiro obsequioso, dilixente, próximo e moi amable.

Eses mini-entrantes típicos de Portugal veñen nunha gran bandexa para elixir na mesa. Melón con xamón (4.50€), Ovos de paspallás (3.50€), Sopa do día (2€), lagostinos, polbo, mexillóns…
Collemos un pratiño de queixos con compota de tomate que, ademais de axudar a levar o tempo de cociñado, están moi ricos.

Cozinha da Se Queixos

Na carta destaca unha sección de pratos para dúas persoas: Caril ou Açorda de camarão (26€), o Arroz de tamboril (28€), Polbo à lagareiro (28€) ou Lombo de boi no churrasco (27); todos os prezos para dúas persoas.
As carnes individuais pasan polo Bife da vacia grelhado (13€), Peito de frango recheado com queijo, mangericão e presunto (13,50€), Espetada de novilho em pau de loureiro (15.50€) ou Bife pimenta (14.50€).
Peixes: Robalo grelhado (12.50€), Grelhado de lulas (13€), Bacalhau á Cozinha da Sé (14€), ou com broa (15€), Feijoada de polvo (17€).

Estamos entre uns Panadinhos de polvo com arroz de grelos, que é para dúas persoas, e o Lombelo de porco grelhado com pure de maça e castanhas. O camareiro, moi amablemente, sácanos de dúbidas ofrecendo o polbo en ración simple, así que comezamos por unha de polbo para compartir e outra de lombiño de porco, tamén para compartir.

Cozinha da Se Polbo empanado

O polvo en rodelas, empanado e frito está exquisito; tenro, sabroso, o empanado xusto… O arroz de grelos é un deses arroces típicos de Portugal que, partindo de case nada, acaban converténdose nun acompañamento perfecto.

Cozinha da Se Lombo de porco

Gustoume a carne. Moito. Feita na grella e nun punto perfecto; pasadiña por fóra e zumenta a máis non poder; a mazá acáelle de luxo e paso un pouco das castañas (das que segundo a teoría do meu avó, non convén comer por tempada máis alá das que collen en ringleira nun palmo).

As racións individuais son abundantes, perfectas para este modelo de pedir dúas e compartilas; globalmente a comida foi un pouco excesiva en cantidade. Comemos con auga e copas de viño; sobremesa non e café si, e pagamos 22€ cada un. Pareceunos un prezo moito máis que apetecible para a feitura do local e a calidade e cantidade de comida.

Pasan os anos e Cozinha da Sé segue a ser un acerto seguro en Braga, un local máis que recomendable e ao que sempre gusta volver.
Hoxe martes, e a piques de entrar nas papatorias de Nadal, está todo completo con xentes locais. Isto sempre é un bo sinal.

Cozinha da Sé
Rua Dom Frei Caetano Brandão 129
4700-031, Braga
+351 253 277 343  /  912 068 881
GPS: 41.549271N,  8.428383O
cozinhadase.pt
Facebook
Instagram
Cociña: tradicional
Prezo: 20-35€
Peche: domingo noite; luns

Publicado en portugal, portugalNorte, restaurantes e etiquetado , , , .