um cozido à portuguesa no rápido

O Rápido, en Porto, promóvese cun slogan algo desconcertante: 100% portuguese food. Local mínimo, tradicional e agradable, servizo amabilísimo e un auténtico cocido portugués de domingo por 15 euros persoa.

Restaurante O Rápido Porto 12

Neste percorrido que estamos a facer polo cocido, non podía faltar un bo cocido portugués.
E non podía ser un calquera. Necesitaba un bom cozido, tradicional, auténtico, enxebre, que representase e servise de modelo.
Aproveitando a visita a Porto (mais, quen foi antes, o ovo ou a galiña?, Porto como desculpa para o cocido ou o cocido como desculpa para pasear por Porto?), en todo caso e antes de decidirnos fixen un estudo que nos orientase cara ás nosas pretensións.

Non tiven que profundar moito; foron varias as fontes (TimeOut Porto, Visão, Sapo-Viagens…) que coincidían, e apuntaban por riba dos demais a dous nomes propios: Antunes e O Rápido.
E, feliz casualidade, O Rápido ten o seu cozido de domingo todas as quartas ao mediodía.
Ademais cómpre salientar que, grazas á súa presenza no Mesa Marcada, e á recomendación do Boa Cama Boa Mesa, O Rápido ocupa un máis que salientable 17 lugar na nosa lista de mellores restaurantes de Porto segundo as guías, sendo o número un entre os restaurantes de corte tradicional (restaurantes de sempre) na Invicta.

Restaurante O Rápido Porto 6

Pero, antes da visita había que facer un pequeno exercicio documental: en que consiste un auténtico cocido portugués? Que é o que leva? Pois, como calquera outro “auténtico” cocido que se prece, un pouco de todo (ao gusto rexional ou persoal) sobre unha base máis ou menos común.

Os ortodoxos dividen o cocido portugués en tres grandes bloques: as carnes, os vexetais e os enchidos.
As carnes. Case que por lei, algo de vaca e algo de porco; en moitos casos, a maioría, pero ao parecer de incorporación moderna, inclúen a galiña ou o frango. O corte da vaca debe ser ‘sucio’, máis graxa que magro, e preferiblemente graxa entreverada; nun par de receitas atopei o sempre recomendable chambão (xarrete-brazuelo).
No tocante ao porco, unanimidade na entremeada (touciño con febras) e no entrecosto (costelinhas), e case unanimidade na orella e na chispe (pezuño). Menos concordancia en bocados como un toucinho fumado, e un anaco da pá ou de presunto.

Até aquí, nada que non se poida dicir dun bo cocido galego.
As variacións chegan coas verduras e outros accesorios. A couve lombarda (variedade de repolo), a pataca e a cenoria son imprescindibles (algún, un par deles, substitúen a couve lombarda pola portuguesa). A gran maioría, sen chegar a unanimidade, apostan polo nabo. No feijão tamén concordan, pero disenten na variedade (branco, vermello ou verde); nun par de casos asoma, tamén, o grão (garavanzo).
Neste punto hai que destacar un ingrediente que resulta tan imprescindible para eles como chocante para nós: non hai cocido á portuguesa se non se acompaña de arroz branco. É innegociable.

Os enchidos, en esencia, pero con diferencias irreconciliables, son os nosos embutidos: o resultado de encher-embutir moi diversos ingredientes na tripa do porco.
Enchidos son os chourizos, e o de carne está en todas as receitas. A cotinuación atopamos a farinheira (case que en todas) e o chourizo de sangue (na maioría). Xa máis distantes o salpicão, a salsicha fresca, a morcela, etc.

Restaurante O Rápido Porto 7

O rápido, 100% cociña portuguesa para turistas (ou isto é o que fai pensar a súa redación en inglés), é un pequeno local nacido á calor da estación de São Bento; das que consideraríamos unha fonda das de sempre para viaxeiros humildes que viñan facer xestións á capital.
Hoxe, mércores, está ateigado de xentes locais que dobran e mesmo triplican mesas. Certo que o local é pequeno, pero está moi ben aproveitado para sacar o máximo rendemento a un mínimo espazo (mesmo poñendo en serio compromiso os mínimos recomendables pola Covid). As xentes repártense entre homes e mulleres traballadoras da city (traxe, gravata, fixador e tacón alto) para o menú do día por unha banda, e bastante xente guapa para comer á carta. Agás nós, que ben poderíamos pasar inadvertidos neste segundo grupo, hoxe cero turistas.

Restaurante O Rápido Porto 15

O Rápido ten unha serie de especialidades que elaboran por encomenda: o bacalhau à Norte ou assado no forno, o polvo assado no forno ou à Espanhola, o cabrito assado no forno, o rabo de vitela estufado con ervilhas e, no mes de decembro, o capão recheado e assado no forno.
Logo hai ofertas diarias como os filetes de polvo com arroz de polvo e os filetes de pescada fresca.
E, xa para rematar, os pratos do día. Segunda-feira: bacalhau à espanhola, feijoada trasmontana e rancho de vitela. Terça: peixe do día, tripas à moda do Prto, rojoes de porco preto e posta de vitela à Rápido. Quarta: peixe do día, cozido à portuguesa (entre outubro e abril), nispo de vitela assado no forno e mão de vitela estufada con ervilhas. Quinta: bacalhau à Gomes de Sá, tripas à moda do Porto, pernil assado no forno e miminhos de porco preto assados nor forno. Sexta: bacalhau à Rápido, bacalhau à João de Grão, cabrito assado no forno e costela mendinha assada no forno. Sábado: polvo à bordalesa, bacalhau à Rápido, galo de cabidela, galo estufado à moda d’avó, cabrito assado no forno e costela mendinha assada no forno.

Despois deste atracón, e como é norma no Porto, o domingo descanso.

Restaurante O Rápido Porto 16

E agora, xa, sen preámbulos, sen máis marear a perdiz, pasemos ao cozido do Rápido.

Bastante axustado á norma tradicional.
Da carne de vaca non sei dicir de que corte se trataba pero si que estaba moi boa, ben tenra, saborosa e “sucia”. Non tiña polo nin galiña.
Porco: touciño e touciño afumado, pata, orella e lacón. Ademais, algo que aparecía de xeito residual nalgunha das receitas: uns anacos (ricos, substanciosos, co seu puntiño picante) do que semellaban ser compoñentes dun botelo.
Acompañamentos: pataca, cenoria, repolo e arroz branco.
Enchidos. Aquí non podo ser moi explícito pois descoñezo este mundo tan particular como variado. De certo, chourizo de sangue, e menos seguro dunha especie de chourizo (cor pemento) pero con textura de fariñeira. En todo caso non son moi dado a estes enchidos trasmontanos e tiña bocados abondo aos que meter o dente.

Restaurante O Rápido Porto 19

Utilizando a construción á que son tan afeccionados os irmáns portugueses, dicir que gustei moito do cocido. Gustei moitísimo.
Malia as diferencias evidentes, que poden facer pensar nun abismo insalvable, creo que son máis os aspectos que unen que os que separan o cocido galego do portugués.
Nun cocido, no que por definición tes cantidade e variedade de bocados, podes coller aquilo que máis che gusta e facer caso omiso do demais. Baixo este presuposto, onte podería ter comido un bo cocido galego. Con tenreira, orella, touciño, lacón, pezuño, a pataca e o repolo iría ben servido; só botaría en falta un bo chourizo de carne.
Pero non. Iamos ao cocido á portuguesa. Máis que as similitudes, había que pór en valor as diferenzas; e, para min, houbo dous grandes descubrimentos: a cenoria, que embebida nos zumes da cocción, resulta un bocado exquisito aportando un toque de dozura moi agradable. E, cos ollos pechados, o arroz branco. Comentando isto de acompañar o cocido con arroz branco non atopei ningún galego (ou galega) que non torcese a boca; semella chocante e mesmo anacrónico, absurdo, disparatado. Pero, unha vez superado o prexuízo educacional que xorde de primeiras, direivos –sen paliativos– que a min me encantou a idea.

Restaurante O Rápido Porto 23

De sobremesa, unha tentación inherente ao Rápido: os matateus. Trátase dun doce típico do restaurante a base de crema de ovo, améndoa e algo de coco sobre unha base de masa follada e anacos de améndoa e azucre por riba.
Un deses deliciosos bocados portugueses que rebentan o padal de pura dozura e que revalorizan aínda máis, se cabe, a festa do cocido.

Viño Quinta dos Aciprestes, Douro, moi apropiado, auga, sobremesas e café, 26 euros por persoa. Festa redonda a un prezo moi asequible.

O Rápido
Rua da Madeira 194
No lateral da estaçao de Sao Bento
4000-330 Porto
+351 222 054 847  /  966 528 924
GPS: 41.146119N,  8.609702O
restauranteorapido.pt
Facebook
Cociña: rexional, tradicional portuguesa
Prezo: 20-30€
Peche: domingo