costela de boi no bafo

Despois de máis de corenta anos, o chefe Antonio Carvalho mantén o seu Brasão (Refontoura, Felgueiras) como un dos restaurantes de referencia de comida tradicional na zona norte de Portugal.

Restaurante Brasao Felgueiras 01

É como un segredo á vista dos que queiran ver.
Non aparece nas guías, pero está en boca dos profesionais, do público en xeral.
Está no lugar de Refontoura, en Felgueiras (un pouco ao sur de Guimarães, autopista case ata a porta), e paga ben o desprazamento.
O local é amplo, con diversos espazos, mesmo para celebracións; acabado de restaurar despois de toda unha vida que vén desde o ano 1975.
O comedor principal resulta moi agradable; recollido, luminoso, branco, sen excesos nin disonancias. Hoxe, mércores, está ao máximo de ocupación.
Atención esmerada e próxima; o chefe Carvalho pasa un par de veces pola mesa para interesarse polo resultado das súas preparacións.

Centro Estudos Camilianos 58

A carta si que non ten segredos: cociña tradicional portuguesa con toques gourmet e máis dunha reinvención.
Moi ampla e tamén moi variada. As grandes especialidades da casa (carnes), non están a disposición a diario. O cabrito asado no forno, por exemplo, queda limitado aos venres, sábados e domingos, e a vitela asada aos sábados e domingos…

Centro Estudos Camilianos 59

Entradas. Bolinhos de bacalhau (0.75€ unidade), Polvo guisado com tostas (10€), Pastel de camarão (1€ unidade), Croquete de cozido (1€ unidade), Robalo marinado (5€), Sopa de legumes (1,5€), Sopa de garoupa (27.5€ para dúas persoas), Tábuas de queixo, presunto, fumeiro, mixtas…

Peixe. Bacalhau lascado no pão tradicional (12.5€), Bacalhau recheado com presunto (15€), Arroz de lavagante (45€ dúas persoas), Arroz de bacalhau com pataniscas de línguas (14€), Filetes de pescada (10€), Polvo à lagareiro (15€), Cataplana de peixes (40€ para dúas persoas), Moqueca de camarão (20€), etc.

Carne. Picanha na caçarola (30€ dúas persoas), Bife de lombo folhado (30€ dúas persoas), Bife à pimenta (12.5€), Bochechas de porco (11€), Cabrito assado no forno (16€), Rojões à portuguesa (10€)…

Restaurante Brasao Felgueiras 05

Para comezar, conformámonos coas iguarias que xa están na mesa cando sentamos: manteiga e queixo de untar, olivas, un par de patés (atún) e unhas verduriñas aliñadas. Pouco que dicir; os pratos elaborados (os patés e as verduriñas) axudan na espera.

Restaurante Brasao Felgueiras 11

O bacallau à Brasão ten moitos seguidores; trátase do típico bacallau con maionesa, rebozado, con puré de patacas e todo gratinado ao forno.
Está bo, pero…, queda totalmente eclipsado pola carne.

Restaurante Brasao Felgueiras 09

O prato por excelencia do Brasão, o que move montañas e comensais afastados por moitos, moitos quilómetros, é a costela de boi no bafo. Sen estar planificado, teño a sorte dos novatos. Só se prepara os mércores, sábados e domingos.
Na crítica que lle dedica Fernando Melo en Evasões leo, textual, que a costela de boi é magia pura…, produto da transformação de oito horas sobre brasas mortiças.
Traen á mesa a peza enteira (ou o que queda dela) e cortan e serven unha xenerosa ración; logo, os acompañamentos; o arroz branco, os feijões negros e unhas pataquiñas fritidas (tipo churrería) que están de rechupete. Ao final, posibilidade de repetir.

Restaurante Brasao Felgueiras 10Restaurante Brasao Felgueiras 07Restaurante Brasao Felgueiras 06Restaurante Brasao Felgueiras 08

Os que me coñecedes, sabedes que cada vez son menos das grandes talladas de carne (ou de simples talladas de grandes carnes); fánseme pesadas, chegan a aburrirme, a empapuzar, a saturar o padal; en máis dun menú de degustación teño afirmado que me sobraba a carne final…
Todo o escrito non vai con esta costela do Brasão.
Resulta, simplemente, espectacular. Había moito tempo, moitos anos, que non comía un prato de carne que me satisfacese tantísimo. A carne magra é manteiga pura, está deliciosa; a capa de grasiña está case fundida da calor e rompe marabillosamente a uniformidade do magro; e a pel…, brutal! Triscante, coa textura do vidro, estala só con mirar para ela, desfaise na boca nun sabor deses que quedan marcados para sempre…
Un prato estrela deses con consistencia para pasar á túa biografía gastronómica.

Non tomamos sobremesa, bebemos unha botella pequena de Esteva (tinto Douro), auga e café. Pagamos 19€ por cabeza. Non está nada, nada mal.
Restaurante máis que recomendable. Compensa amplamente o desprazamento.

Igreja de Lagares FCC 01Igreja de Lagares FCC 02Igreja de Lagares FCC 03
Igrexa de Lagares (FCC Arquitectura)
(GPS: 41.368438N,  8.218694O)

A excursión estaba centrada na arquitectura.
En concreto, a visita a dúas igrexas de FCC Arquitectura que descubrín a través de Plataforma Arquitectura. Unha, a de Lagares, completamente nova; gustoume, pero quizá resulta algo desproporcionada, excesiva para o entorno rural e localidade de tamaño menor na que se atopa.
A segunda é unha rehabilitación interior; partindo da base tradicional do barroco tardío portugués (pedra e branco), co seu campanario e planta rectangular, FCC fixeron un espazo interior absolutamente atractivo, de curvas e formas orgánicas, de mármores e brancos. O único problema é que só abre para o culto. Xa de segunda volta tivemos a enorme sorte de atopala aberta aproveitando o momento de limpeza.

Igreja de Várzea FCC 02Igreja de Várzea FCC 05Igreja de Várzea FCC 06
Igrexa de Várzea (Interior, FCC Arquitectura)
(GPS: 41.348642N,  8.189925O)

Moi cerca, en Lousada, está o Centro de interpretación do románico, do grupo spaceworkers. Ademais de proporcionar abundante información sobre a arte románica nos tres vales próximos (ríos Sousa, Tâmega e Douro), a actuación arquitectónica ten recibido críticas moi salientables (e, a verdade, con merecemento).

Centro Interpretacion Romanico 01Centro Interpretacion Romanico 03Centro Interpretacion Romanico 05
Centro de Interpretaçao do Românico, Lousada (spaceworkers arquitectos)
(GPS: 41.278616N,  8.283530O)

Para rematar a excursión regresamos por Famalicão. Alí, a tres ou catro quilómetros do centro, está San Miguel de Seide, e aquí, na estrada principal, a Casa Amarela, a residencia na que pasou os últimos anos Camilo Castelo Branco.
A casa forma parte do conxunto unitario do Centro de estudos camilianos, cuxo edificio principal é obra de Álvaro Siza, e é Siza en pura esencia.

Centro Estudos Camilianos 02Centro Estudos Camilianos 03Centro Estudos Camilianos 06
Centro de estudos camilianos, Seide (Álvaro Siza)
(GPS: 41.396832N,  8.463610O)

Pechar o día cunha longa parolada co director do Centro foi un auténtico luxo.
Pasei a hora completa con dentes longos escoitando e comparando o meco e rigorosidade con que os irmáns portugueses coidan e difunden a memoria dos seus homes de prol da cultura.

Centro Estudos Camilianos 61

Restaurante Brasão
António Carvalho

Rua da Liberdade 4082
4610-670 Refontoura, Felgueiras
Teléfono: 255 336 118 / 965 101 587
Facebook
GPS: 41.337823N,  8.194409O
Cociña: tradicional
Peche: domingo noite
Prezo: 20-25€