cordeiro pascual en casa rodiño

Non é que sexa moito destas cousas, pero o certo é que por un aquel que non acabo de entender, este domingo antollóuseme cordeiro.

Casa Rodiño 01

Pensando, pensando, lembramos o cartelón amarelo que nos saúda á entrada de Meaño, e pensei tamén, que algo me roldaba na cabeza sobre comentarios satisfactorios desta Casa Rodiño.
Así que alá nos fomos.

Casa Rodiño 05 Casa Rodiño 06

A primeira impresión resultou bastante descorazonadora.
Comedor enorme –publicítanse para bodas e banquetes–, moi clasicote no seu estilo castelán; semella un restaurante de estrada de hai quince ou vinte anos. Hai unha única mesa ocupada por dúas persoas, feito que acentúa a desproporción dos espazos e unha certa sensación de friaxe.
Logo, aos poucos, vai chegando xente e máis xente e o comedor acaba bastante máis animado e cunha sensación de calor radicalmente distinta á inicial.

A carta tamén resulta clásica. Entrantes, Mariscos, Pescados… Anexo a bolígrafo coas que semellan ser as especialidades da casa; no día de hoxe: calamares fritos, croquetas caseiras, linguado na prancha, entrecosto de tenreira, paleta de cordeiro, cordeiro ao forno e cocido.
Ovos caseiros con chourizo, espárragos con maionesa, ensalada mixta, polbo, gambas, sopa do cocido, etc.

Casa Rodiño 07 Casa Rodiño 08

Probamos unhas ameixas a mariñeira que manteñen perfectamente o tipo.
Vexo que os que os que semellan clientes da casa tiran polas navallas. Por algo será.
E logo, claro, o cordeiro. Seica é o leitmotiv do local pois, ata onde a vista me alcanza, é o que pedimos practicamente todas as mesas (agás unha, que se vai polo cocido).

Casa Rodiño 09 Casa Rodiño 12

E comprobamos que hai motivos.
O cordeiro vén directamente do forno en tarteira de barro. Asado sen máis, no seu propio mollo, sen máis historias, tan simple como delicioso; acompañado dunhas pataquiñas fritidas no momento que saben a gloria.
O cordeiro xustifica con creces a súa sona e, sabendo ao que vas, fai esquecer os pequenos inconvenientes do espazo.
Racións moi amplas con variedade nas talladas; desde unha pata –a miña debilidade–, ata un par de anacos de costela –bocado preferido por Carmen–.

Casa Rodiño 13 Casa Rodiño 15

Sobremesas tamén típicas. Torta de queixo, queixo con marmelo, xelados… Pedimos as cañitas recheadas de crema e o flan caseiro. Sendo dous clásicos, acadan un bo nivel para rematar a comida.

Bebemos auga e un par de copas dun Mencía normal, sen maior historia, e pagamos 22 euros cada un.
Coincidimos en que se trata dun prezo moi axustado para unha comida que, globalmente, pagou a pena.

Casa Rodiño
Cuvela 17
36968, Meaño, Pontevedra
Teléfono: 615 680 522
GPS: 42.447918N,   08.783621O