comidas de nadal

Hoxe refírome ás regularmente chamadas comidas de empresa, non ás outras, ás familiares, a esas nas que todos temos que lidiar co noso particular cuñado, xenro ou sogra (e afortunados daqueles que aínda poden facelo!)
A miña non é ningunha empresa, é un centro educativo, un instituto da ESO.
Mágoa que cada vez máis, desde fóra, pero, parvos de nós, algúns tamén desde dentro, estamos mercantilizando a educación (a sanidade, a cultura…) de xeito que estamos a reducir os centros de ensino a unha simple cuestión de rendibilidade e clientelismo.

Nesta ocasión, e aproveitando a proximidade, baixamos ata Caminha, ao Muralha de Caminha. Tiña moitas e moi boas referencias e vaia por diante que non me decepcionou en absoluto. 
Eramos soamente oito (de máis de trinta, é unha parte do prezo que hai que pagar pola industrialización do ensino: esnaquiza os claustros) e iamos con mesa reservada pero sen máis, sen concertar nin menú nin prezos.

Comezamos por uns entrantes portugueses co necesario chisco á terra: gambas con allo, pataniscas de bacalhau, empanadillas de carne. Máis que correcto: boa elaboración e, sobre todo, acabados de facer no momento.
Para os pratos principais houbo case de todo: variedade de bacallaos (con broa, á brasa, especial da casa), carnes brasileiras (picaña) e mesmo lombiños con mollo de cogumelos.
Creo que catei de todos os pratos e a cada cal mellor.
O meu era o bacallao Muralha (ao forno, cunha capa de queixo fundido por riba, algunha gambiña entre o queixo e o bacallao, e de acompañamento puré de pataca); realmente especial; por momentos lembroume ao mítico bacallao do Napoleón de hai quince anos.

 

Para as sobremesas tamén un pouco de todo: algún xelado, mousse de chocolate, ananás, mazá asada, torta de bolacha… Tampouco neste apartado houbo queixas: todas as sobremesas desapareceron dos pratos como por arte de maxia.
Bebimos con auga e tres botellas de Chamine (Alentejo 2013, bo viño de tipo medio ou medio-baixo, recomendable, saboroso, con certo corpo, moi goloso); tomamos cafés e pagamos 24€ por cabeza.
Gustoume. Tanto como para repetir en calquera momento. Está aí ao lado, o local é moderno e luminoso (sen pretensións pero en perfecto equilibrio), a atención excelente, as vistas sobre A Guarda marabillosas, o paseo por Caminha para facer a dixestión inmellorable… e a comida é comida portuguesa de sempre a prezos tamén de sempre (por certo: local clásico de doses e meias doses, dos que máis ao norte xa case non quedan; salvo que sexas un campión –como o noso compañeiro Ángel cos seus lombiños– diría que tires polas medias racións ou pola ración completa só se é para compartir entre dous).

Restaurante Muralha de Caminha
Rua Barao de S. Roque 69
4910-128. Caminha
(351) 258 728 199
E-Electrónico
Web
Facebook
GPS: 41º 52.682’ N,   8º 50.371’ W