comida trasmontana en montalegre

A Tasca do Açougue (Montalegre), sen alardes nin espaventos, é unha das mellores mesas de Tràs-os-Montes. Petiscos, posta barrosã, fumeiros… Comida tradicional a bo prezo nun entorno típico e acolledor.

Tasca do Açougue

Montalegre é a capital da parte máis oriental do Gerês e o municipio que máis superficie aporta ao Parque Nacional.
Forma parte, ademais, da comarca do Barroso (serra do Barroso, dentro do Parque Peneda-Gerês, dacabalo entre os municipios de Montalegre e Boticas), orixe xeográfico da valorada vaca barrosã, irmá da galega cachena.
Xa postos, tamén produce variedades de fumeiro moi prezadas polos entendidos.

Geres 2021 182 Castelo de Montalegre

Un dos grandes atractivos turísticos de Montalegre é, sen dúbida, o castelo, dos máis fermosos e mellor conservados de toda a Fronteira.

Desde Montalegre achegarémonos a Pitões das Júnias (1200m. de altitude), punto de partida imprescindible para entrar en todo un mundo de natureza máxica.

Geres 2021 147 Vacas do Barroso   Geres 2021 149 Vacas do Barroso

A presenza de vacadas polas estradas vai ser unha constante do día e, aos poucos, transfórmase nun aliciente máis da paisaxe.

Cheguei á Tasca do Açougue, unha vez máis, grazas á publicación Tapas e Petiscos do Expresso (complementaria ao Boa Cama Boa Mesa).
Está situada no Terreiro do Açougue, ao pé do castelo, no lugar de festas, feiras e festivais gastronómicos. Casa antiga, de pedra e madeira, tanto por dentro como por fóra. Segundo entramos, á esquerda, un pequeno faladoiro no que manda a cheminea a chispear; decoración rústica que contrasta co colorido e modernidade da colección de cadros que colgan nas paredes.

Tasca do Açougue   Tasca do Açougue

A carta, como a decoración, mestura de conceptos.
A oferta empeza polas entradas e petiscos, cunha clara presenza das especialidades locais e rexionais. Carnes do cozido (6€), Tábua Barrosã (9.75€), Presunto-Queijo (5€), Pernil (6€), Pastelão de chouriça (5.50€), Orella, Moelas, Picadinho, Caracois, Polbo… Saladas (mista, da casa, con atum, 4-7€).
Especialidades máis propias doutro tipo de local: Hamburguer (4€), Prego no prato (9.75€), Francesinha (9.75€), Tostas (8.50€), e mesmo uns Esparguete Bolonhesa (7.50€).
E, por suposto, as especialidades da casa: Cozido à Barrosã (13.50€), Costela (12.50€), Alheira (9.75€) e, como non podía ser menos, un Bacallau grelhado.

Tasca do Açougue

Fóra non pasa dos 4º, así que o entrante é case obrigado: a sopa de legumes. Moi boa, como case todos estes pratos quentes feitos dun revoltallo de legumes e pataca pasadas polo batedor cuns barquiños de verdura. Neste de hoxe mandan a cenoria e a cabaciña. Non ten moita ciencia pero está moi boa (e quente).

Tasca do Açougue

Despois da sobredose de carne de onte no Lusitano (ver entrada), hoxe, o sensato, era descansar.
Pero estamos en Tràs-os-Montes, no Barroso, en Montalegre…
Na carta hai unha opción que vén ás mil marabillas para probar un pouco de todo: a espetada (11.75€) é unha das especialidades desta Tasca. Consta de vitela, alheira, chouriço, sangueira, e, polo medio, cebola e pemento. O prato complétase con pataca asada, tomate e repolo cocido con cenoria.
Un festín. A tenreira un auténtico bombón, e os fumeiros, calquera deles unha delicia. A novidade para min é a sangueira típica desta zona: “A Sangueira de Barroso-Montalegre IGP é um enchido fumado, em forma de ferradura, com cerca de 3 cm de diâmetro, obtido à base de carne, gordura e sangue de porcos da raça Bísara e pão de trigo, condimentados com sal, alho, vinho, colorau picante e/ou doce, salsa, cebola e azeite. De cor preta e aspeto rugoso, é constituído por uma pasta mole e seca na qual se podem aperceber pedaços de carne” (Web Produtos tradicionais portugueses). Esta non é picante, domina a cor escura do sangue callado e, torradiña como vén, está moi, moi rica.
En conxunto, o prato é unha xoia da cociña barrosã.

Tasca do Açougue

De sobremesa, un doce que empeza a ser habitual, a torta de bolacha. Especialmente rica; nada empachosa e na boca fúndese nunha saborosa crema. Moi lograda.

Con viño maduro da casa, auga e café, o prezo é de 17€ por persoa.
Pódese pedir máis?

Tasca do Açougue
Terreiro do Açougue (a carón do castelo)
5470, Montalegre
+351 276 511 164
Facebook
GPS: 41.825434N, 7.791597O
Cociña: portuguesa, rexional
Prezo: 15-20€
Peche: luns e martes