comida tradicional desde 1938

O Pipeiro (Ponte Caldelas) leva 80 anos dando de comer cun éxito recoñecido. Por algo será. Comida de sempre, de ‘aldea’, racións xenerosas a un prezo que tira ao baixo.

PonteCaldelas-CasaPipeiro

Chegamos á Casa Pipeiro grazas ás ferventes recomendacións do amigo Emilio; creo que tardarei en agradecerllo o suficiente.
Xa o tentara ata en tres ocasións e nunca atopara un oco; desta, para o sábado de gloria, reservamos con tres días de antelación e así foi como o conseguimos; e menos mal, porque estaba totalmente cheo.
Deses locais familiares que, despois de varias xeracións, e con moito meco, medran en vez de caer na rutina. Non necesita publicidade, é deses restaurantes que corren de boca en boca.

Restaurante Casa Pipeiro Ponte Caldelas

Local amplo, con varios comedores, o maior no primeiro andar; decoración sinxela pero en perfecto estado, clásica pero sen excesos innecesarios. O servizo é amable e moi dilixente, co valor engadido de atender en galego.
Carta de viños curta pero suficiente e coidada (o fundador da casa alá a principios do século XX, Antonio ‘O Pipeiro’ era do Ribeiro e debía o seu nome a comerciar con viños galegos), acorde ás funcionalidades do propio restaurante; con opcións de base para satisfacer a maioría dos seguidores do local.

RestauranteCasaPipeiro 02

A clave, como xa imaxinades, está na carta e na cociña. Cociña galega, caseira, de sempre, da que algúns identificamos como cociña de aldea, pratos elaborados con tempo e moito meco, contundentes, amplos, nos que prima o sabor, a substancia, servidos en racións xenerosas. Cinco ou seis especialidades que arrasan e unha boa oferta de produto de tempada.

RestauranteCasaPipeiro 08

Como entrada, a raíña absoluta é a empanada; variable segundo o día; hoxe en concreto de zamburiñas, de xoubas ou de cocido; sexa a que sexa, espectacular. Moitos coinciden en votar pola de zamburiñas pero, crédeme, vai en gustos e, se podes, proba, unha por unha, de todas. A de zamburiñas, 6.5€; o resto a 5.5 euros a ración. Ademais, croquetas de xamón caseiras (6€), o polbo (10€), ou salpicón de marisco (8€).
Entre os pratos principais hai un que tamén destaca como icono da casa: o cabrito ao forno (16€); pero tamén, a carne asada (12€), a chuleta (14€) ou as faceiras estufadas (15€). Se falamos de peixes, a pescada (14€), o rodaballo (15.5€), o linguado (16€) ou o bacallau da casa (15.5€). Para os peixes dan a elixir a preparación.
Ademais, e por tempada, ten sona o cocido (15.5€), as troitas (12€), o xabaril con castañas (15.5€) ou a perdiz á cazadora. Cuestión á parte son os callos que preparan nos días de feira en Ponte Caldelas (días 5 e 20 de cada mes) ou as recetas especiais como, algún día, a carne ao caldeiro.

Como traemos ben aprendida a lección pedimos seguindo as instrucións de Emilio: dúas de empanada, unha ración de cabrito para os dous e a tarta de queixo, icono das sobremesas (ademais doutras opcións como as cañitas de crema, a torta de chicharróns, o flan de queixo… Todas as sobremesas a 4€).

RestauranteCasaPipeiro 06 RestauranteCasaPipeiro 07 RestauranteCasaPipeiro 09

A empanada responde a ‘un secreto moi ben gardado’ e, efectivamente é diferente ás moitas coñecidas; un toque follado, esa fariña gorda por riba… Probamos a de xoubas e a de cocido; calquera das dúas, excepcional, con todos os valores que debe ter unha boa empanada (das de por aquí, que logo cada zona de Galicia ten as súas propias feituras). Empanada sobresaínte; por si mesma, merecedora da visita.

RestauranteCasaPipeiro 11RestauranteCasaPipeiro 10

O cabrito, servido cunha espectacular ensalada con magníficos tomates raft, patacas fritidas e pementos de Padrón está, tamén, fantástico. Pequeno, moi tenro, saboroso, cun mollo (para Carmen un pouco forte de máis) para mollar nel sen descanso. (Ración suficiente para os dous).

RestauranteCasaPipeiro 13RestauranteCasaPipeiro 14

De sobremesa, as cañitas recheadas de crema (boa masa, crema moi rica e un toque especial cos grans de améndoa). A tarta de queixo é a sobremesa máis clásica e certificamos que ten motivos abondo para selo.

Bebemos auga, media botella de Montecastrillo tinto de 2016 (Ribera do Douro, da finca e bodega Torremilanos, con etiqueta de viño biodinámico e ecolóxico); ben, sen máis espaventos. Con café, pagamos 23€ cada un. Indiscutiblemente volveremos en breve (persoalmente quero probar as troitas nunha das capitais galegas deste peixiño polo que, se é de río aberto, sinto paixón).

Casa Pipeiro
Cándida e Miguel
Avenida de Vigo, 5
36820 Ponte Caldelas (Pontevedra)
986 750 583
​664 361 138
casapipeiro.com
Facebook
GPS: 42.388435N  8.501925O
Cociña: trdicional, caseira
Prezo: entre 25 e 30€
Peche: luns; todas as noites
TripAdvisor: número un dos restaurantes en Ponte Caldelas


Translate »