comer en porto segundo as guías. 2016

Máis alá de preferencias ou gustos persoais, trátase de analizar os restaurantes da cidade de Porto que recomendan diferentes guías.
Antes de resultados concretos, que irán nunha segunda entrada, ocórrenseme algunhas xeneralidades que poden definir tendencia na resposta ao título xenérico do que, segundo as guías, se coce no mundo gastronómico de Porto.

aguilarvisuallonelyplanetmesamarcadamichelinBCBMrepsoltimeouttripadvisor

Para empezar, as propias guías.
As de arriba, son as oito que utilicei para o traballo. Apenas cambian das manexadas na revisión de hai un ano (Comer en Porto segundo as guías), e moi pouco con respecto á de 2010 (Comer en Porto seguindo as guías gastronómicas).
No tocante ao tipo de guías, catro conclusións básicas:

  • As guías gastronómicas impresas puras e duras perden espazo inevitablemente.
  • Manteñen o tipo as referencias a restaurantes en guías turísticas.
  • Caia quen caia, o presente é Internet.
  • En Internet gañan peso as guías colaborativas nas que a opinión recae nos usuarios de a pé.

Aclarado o anterior, e o motivo polo que consultar unhas guías e non outras, centrémonos, xa, na cidade de Porto. Aquí son tres as consideracións previas:

  • Máis alá da miña debilidade por todo Portugal, recoñezo que son incondicional da cidade de Porto.
  • E máis alá das miñas preferencias particulares, Porto é unha cidade que duns anos para acá está a acadar un protagonismo espectacular como destino turístico internacional (NYT xaneiro 2016, 36 Hours in Porto, Portugal).
  • En pouco máis dunha década, Porto converteuse nunha cidade cosmopolita, moderna, activa, efervescente, de modas…, modas que van en veñen. Sen dúbida a capital da cultura urbana do Atlántico ibérico.

the-yeatmanpedrolemosopaparicopalcocafeina

E no referido ao obxecto da análise, os restaurantes recomendados polas guías, as conclusións xenéricas resúmense nos seguintes puntos:

  • Comparada con 2015, os cambios son importantes… pero non tanto. Con respecto a 2010 si hai unha revolución absoluta.
  • Hai unha serie de restaurantes que xa podemos considerar ‘clásicos’ e que se afianzan na elite. Falamos dos Yeatman, Pedro Lemos, Cafeína, etc.
  • Entre os auténticos clásicos da cidade de Porto son poucos que conseguen manter o tipo despois dos anos. Destacan locais como O Paparico, Portucale ou Casa Inês.
  • Observamos unha efervescencia de restaurantes que podemos asociar á movida que inunda Porto duns anos a esta parte.
  • Son bastantes os proxectos gastronómicos que acaban facéndose un oco no mapa da cidade (Camafeu, LSD, Book, Casa de pasto de Palmeira…), pero moitos máis os que tiveron os seus sábados de gloria e quedaron polo camiño.

Algúns aspectos relacionados coa análise comparativa da evolución dos resultados nos cinco últimos anos podemos salientar:

  • Dos restaurantes que ocupan os 10 primeiros lugares, soamente dous repiten pertenza a este grupo de elite con respecto a 2010: Pedro Lemos (que ascende ao segundo lugar desde o 32 de hai dez anos), e Cafeina (ao 5 desde o 11).
  • Hai tres restaurantes (Boa Nova, Cantina 32 e Camafeu) que, sen referencias previas, entran directamente no podio. A cuestión do Boa Nova é para analizar á parte (xestión de Rui Paula), pero tanto Cantina 32 como Camafeu son restaurantes que poderíamos enmarcar no contexto da movida.
  • Ben por desaparición no seu modelo clásico (Bull&Bear, 2º en 2010) ou por outros motivos, restaurantes como Shis (6º), Dom Juan (7º), Casa Branca (8º) ou Buhle (13º) desaparecen practicamente dos lugares destacados (caen por debaixo do lugar 50).
  • O caso máis sorprendente (e desde o meu punto de vista inxusto), é o de Foz Velha; mellor restaurante de 2010 segundo as guías e terceiro en 2015, este ano dilúse arredor do posto número 20.

Despois deste aperitivo, empezo a preparar a entrada, exhaustiva, dos resultados concretos da análise.

Etiquetado en: , , ,

Translate »