comendo no salón de casa

Comer no restaurante Retrokitchen de Braga é como comer en casa. Ao mediodía, menú de 5.5 ou 6.5 euros, e, pola noite, pequena carta con especialidades portuguesas. Comida caseira tradicional.

Restaurante RetroKitchen 06

Nun momento en que Braga está en plena efervescencia (segundo mellor destino europeo para 2019, por votación popular, na European Best Destinations, só por detrás de Budapest), o Retrokitchen é o local de moda en Braga.
Chegoume a referencia grazas a un recente artigo no País dos Viaxeiros dedicado á cidade (É o momento de descubrir Braga), e, por outra vía, a través do Braga Cool (A casa da avó no centro da cidade).

Restaurante RetroKitchen 05 Restaurante RetroKitchen 09

O local é a antítese da moda, do minimalismo, do ‘cool’. Trátase dun espazo cen por cen retro con ducias de obxectos recuperados dos anos sesenta, setenta e oitenta; como eses legos xigantes, ou a abella Maia, a lámpada da barra, os cadros, o póster…, en fin, un regreso ao pasado en toda regra.
Consonte á decoración, o trato é moi familiar, coma se estiveses, efectivamente, no salón comedor desa casa particular dos setenta; como di o Braga Cool, a casa da avoa.

Ao mediodía funciona sen reserva, con lista de espera, e ofrece unicamente un limitado pero saboroso menú do día. Un prato a elixir entre dúas opcións que, con pan, auga e café, sae por 5.5€; se lle engadimos a sopa do día será por un euro máis.

A oferta da noite podemos lela na pizarra que ocupa toda a parede fronte ao balcão. Alheira (4.5 €), Amêijoas à bulhão pato (4.5 €), Moqueca de peixe e camarão (8.5 €), Magret de pato com arroz de setas (11 €), Pasta au vin com espargos (8.5 €), Bife à casa (9.5 €), etc. Entre as sobremesas (algunhas pódense pedir a maiores ao mediodía), a Baba de camelo (1.5 €), Tarte de lima (2 €), Bolo de chocolate (3 €), Leite creme (2.5 €)…

Como ben se indica no pizarrín exterior, hoxe, de prato forte, toca elixir entre o Robalo assado e un Grao de bico com pernil e vitela.
Apenas sentas e xa tes na mesa unha botella de auga e o cesto do pan con tres modalidades diferentes. E a pregunta: queredes a sopa do día?

Restaurante RetroKitchen 12

Pois si, comezamos pola sopa do día que chega de xeito inmediato. Trátase dunha desas cremas portuguesas que semellan feitas de refugallos pero que (case) sempre resultan marabillosas. Neste caso, e ademais doutros moitos sabores apenas insinuados, destacan o repolo e a pataca (alguha en anacos, sen bater). Moi rica.

Restaurante RetroKitchen 13Restaurante RetroKitchen 17

Como adoitamos facer en ocasións coma esta, e para ter unha idea algo máis completa do local, pedimos un de cada un dos pratos da oferta. O robalo asado, coas súas pataquiñas e as verduras (cebola, cenoira, brócoli, coliflor), está boa, pero, sen dúbida, as miñas preferencias –son moito de pratos de culler- recaen sobre o potaxe de garavanzos con anacos de carne, xamón e chourizo, cun arroz branco de acomañamento que, inevitablemente, acaba mesturado co mollo sabrosón e un aire picantiño do guiso; un prato sinxelo, caseiro, tradicional, que pode facer as ledicias de calquera gourmet.

Co café, o prometido: 13 euros entre os dous.
Neste senso destacar que cada día quedan menos cidades como Braga (e Braga, despois de Lisboa e Porto con todos os seus satélites, é a terceira cidade de Portugal en pobación –e primeira en relixiosidade–) que aínda logran manter uns prezos dos ‘de antes’, dos que xa non existen nin en Lisboa nin en Porto.

A xornada tiña unha clara vertente turística. Despois de visitar centos de veces Braga, e de caer sempre nos grandes tópicos (a Sé, o Paço arcebispal, o Bom Jesus, o Arco da porta nova, o Palácio dos Biscainhos, etc.), hoxe tocaba investigar novos horizontes.

Braga 4 2  Braga 32 2

Así pasamos do máis antigo, a meritoria Fonte do Ídolo (santuario rupestre do século I dedicado a divindades locais –Tongonabiagus-, que é catalogada por especialistas coma unha obra evergetista –produto do ‘bo facer’–, posúe cualidades que a fan extraordinariamente importante desde o punto de vista da historia da arte) ou a marabillosa capela de São Frutuoso de Montélios (pre-románica, de mediados do século VII, con elementos suevo-visigóticos e clara inspiración bizantina)…

Braga 103 2
Braga 69 2

… E saltamos á máis que salientable arquitectura actual, na que destaca a fantástica e xa icónica Capela Árbore da Vida (Cerejeira Fontes arquitectos, vencedora do ArchDaily Building of the Year Awards en 2011 na vertente de arquitectura relixiosa) ou a Galeria Mario Sequeiros (Atelier Carvalho Araújo). Por certo, Cerejeira alzouse de novo neste 2019 co ArchDaily Building of the Year (relixioso) pola nova Capela da Imaculada Cheia de Graça, tamén en Braga…
… E non podemos pasar por alto rehabilitacións á altura do Mosteiro de Tibães, a reconversión do vello cuartel da GNR no espazo cultural GNRation, ou o novo espazo, tamén cultural, Vita.

En fin, motivos máis que sobrados para unha comida en Retrokitchen e outra visita, máis polo miúdo, a Braga.

Retrokitchen
Rua do Anjo 96
4700-305 Braga
351 253 267 023
GPS: 41.548401N,  8.425309O
Facebook
Cociña: tradiconal, caseira
Prezo: 5.5-7.5€; 20€
Peche: domingo, martes


Translate »