comendo en barrantes (ribadumia)

Continuando coa nosa peregrinación culinaria polo Salnés, os dous últimos sábados comemos en Ribadumia.
Buscamos as dúas casas de comida máis populares na zona e acabamos no Pintos e, onte mesmo, con Luz e Luis e un frío de bigote, no Tío Benito.

Restaurante Pintos Cartel  Restaurante O Tio Benito Cartel

Malia que toda comparación resulta odiosa, os dous teñen moito en común. Están no centro de Barrantes, na estrada que vai de Cambados a Pontevedra (Bouza Martín). Son locais tradicionais desa cociña chamada caseira ou tamén da avoa, moi boa cociña, feita con mans ao tempo curtidas e agarimosas que sacan o máximo partido ao produto da zona. Os dous son populares, sen luxos, sen estridencias, de trato afable e caloroso e neles o tinto Barrantes (a pelo ou con gasosa) abrolla máis que se fose auga bendita.

Restaurante O Tio BenitoRestaurante Pintos Ribadumia

Cada unha coas súas peculiaridades, as dúas cartas están baseadas no tradicional galego, tirando máis ao mar que á terra. Entrantes a base de empanadas, polbo, salpicón, peixiños fritidos… O prato forte pasa polo cordeiro, os chocos, diferentes peixes con diversas preparacións, os ovos con chourizo… Sobremesas clásicas: filloa, cañitas, torta de queixo, mousse de limón, queixo con marmelo, flan…

Empanada do Tio Benito   Viño Barrantes do Pintos

As racións son abondosas e, en calquera dos casos, os tres pratos, con viño Barrantes, gasosa, cafés e pingas, entre os quince e os vinte euros por persoa.
Mentres fago as fotos de rigor coa miña nova s95 (a fidelidade a Canon despois do accidente mortal da Lumix, en Solla, creo que vai ser unha boísima elección), teño a sensación de estar a facer imaxes diso que está tan de moda en chamar ‘fondo de armario’: fotos para ilustrar unha supervivencia gastronómica en Galicia.

Linguado   Cordeiro

Por poñer un exemplo, os ovos con chourizo do Pintos resultan perfectos: caseiros, coa puntilla tostada e triscante, a xema, laranxa e intensa, case máis para beber que para comer… Os choquiños do Tío Benito, negros como os seus pecados (dos chocos, non do Tío), moles, moi saborosos, sedosos, untuosos.

Ovos fritidos con chourizo do Pintos    Choquiños do Tío Benito

Temos que seguir coa investigación por todo o Salnés así que dubido que repitamos nalgún tempo. Pero algún día volveremos, e chegado o caso, calquera dos dous son dignos lugares para contar con eles. Se me apurades, e xa que por riba do feo costume das comparacións creo que neste caso si debo mollarme, cando volva pasarei primeiro por onda o Tío Benito.

O queixo con marmelo  As filloas
Restaurante O Tio Benito
Avenida Bouza Martín 4
36636 Ribadumia
986 710 287
GPS: 42º50’18”N 8º76’82”W
Localización en Mapas de Google
Restaurante Pintos
Avda Bouza Martín 30
36636 Ribadumia
986 710 008
GPS: 42º 50’ 04”N 8º76’93”W
Localización en Mapas de Google
Posted in pontevedra, restaurantes, salnés and tagged , , , .