cociñando contos. a comida, en bagos

Despois dunha moi agradable mañá (Cociñando contos), a comida estaba pensada en Bagos (rúa Michelena 20, Pontevedra).

bagos

Bagos, en principio, é unha viñoteca. Pero, unha vez probado, hei dicir que vai moito máis alá, ata ocupar un espazo propio entre un dos modelos de local de restauración que está máis de moda.
Por suposto que serve viños, para todos os gustos, en copa ou botella, branco ou tinto, de dentro e de fóra, caros e máis asequibles, fríos e máis mornos, en barra ou nas mesas, vellos, novos e en idades intermedias…
Pero para dar sentido pleno ao placer do viño hai que complementalo cun bocado sólido; e, para que a proposta fose completa, a xente de Bagos tivo o acerto de contactar con Pablo Romero (Allo e Aceite) para que organizase a cociña.

Estamos ante a tendencia de moitos dos cociñeiros de máis ou menos sona que están a aplicar a súa sabedoría aos pequenos bocados, ás racións, ás tapas, a unha cociña menos encorsetada, disque para compartir, máis rápida, máis asequible (sostible), sen por todo o anterior perder os sinais de identidade.
(Neste senso, atentos a Platea Madrid, o proxecto que está a montar Pepe Solla xunto con cociñeiros da talla de Paco Roncero, Ramón Freixa e Marcos Morán).

Viñoteca Bagos 05 Viñoteca Bagos 06

Bagos ocupa un semisoto en plena rúa Michelena, a escasos metros da Peregrina.
Quizá para compensar a falta de luz natural o local vive da cor branca e dunha xenerosa iluminación indirecta. Resulta agradable e divertido. Nun único espazo conviven a barra, as mesas tradicionais e recunchos con mesas altas e taburetes. Destaca a mesa poligonal central, elevada, tipo barra, para 6-8 persoas.
O servizo é rápido, próximo e profesional.
A carta conta cos lugares comúns dunha viñoteca-tapería ao uso (as tostas –de cecina con pemento do Bierzo, de queixo de cabra con rúcola e noces…–, os embutidos e os queixos).
Ademais, a oferta propia: a celebrada tempura de lagostinos con maionesa de curry, as croquetas –de xamón ou de choco da ría–, o polbo con escuma de cachelos, as navallas con aire de ourizo, a hamburguesa de tenreira ecolóxica galega, etc.
Ademais, e fóra de carta, hoxe nos ofrecen unha pescada e un solombo.

Viñoteca Bagos 08 Viñoteca Bagos 11Viñoteca Bagos 13 Viñoteca Bagos 14

Comemos con tres racións: os lagostinos (realmente magníficos), o cucurucho de piardas (máis que correcto, o bogón non deixa de ser bogón pero é moi fresco e o rebozado está moi logrado), e por fin as croquetas de chocos da ría, sen dúbida e a pesar dos éxitos anteriores, o bocado máis rico dos tres. Delicado, con moito contraste, saboroso, identificable
Todo cun pan de bola que axuda e un vaso de viño cada un.

Viñoteca Bagos 16 Viñoteca Bagos 17

Marca da casa –Pablo Romero– tamén son as sobremesas.
Tiramos pola Torrada con xeado de vainilla e a Mousse de chocolate con xeado de abelá pero perfectamente podería ter sido o Xeado de framboesa con escuma de queixo e crocante de améndoa ou os Amorodos con ruibarbo e xeado de iogur.
Calquera deles, na teoría, pero tamén na práctica, sobremesa digna dun bispo.

Pagamos 18€ cada un, prezo que nos pareceu xusto, equilibrado para as características do local e o que comimos.
Co meu particular baremo, é deses locais aos que temos que volver.

Viñoteca Bagos
R/ Michelena 20
36001 Pontevedra
Teléfono: 986 852 460
E-Electrónico
Web
GPS: 42.431188ºN  8.645203ºW
Localización en Mapas de Google