cociñando ao pé da letra

A comida en dona Branca era para celebrar os nosos aniversarios (de Carmen e o meu propio, os dous moi xemelgos).
Pepe e Merce regálanlle a Carmen o último de Isabel Allende e a min ‘Cociñando ao pé da letra’ (Galaxia, 2011), de Yolanda Castaño e Andrea Costas.

Ao pé da letra. Portada

O gran mérito que para min ten este libro é que poucas veces podes atopar reunidas nun único libro as túas tres grandes afeccións: a cociña, a escritura, a fotografía.
Varias escritoras galegas (ademais da recompiladora e a fotógrafa, en número mandan ‘elas’ e polo tanto así, en feminino, habemos de referirnos ás 11 autoras e 10 autores que participan no libro), dicía que vinte e unha escritoras galegas nos prestan un pequeno texto de seu e nos deixan unha receita de cociña. Yolanda Castaño fai a honra das presentacións e Andrea Costas regálanos unhas soberbias imaxes.

Fotografía do libro Ao pé da Letra  Fotografía do libro Ao pé da Letra

Sonas imprescindibles na literatura galega como as de Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Manuel Lourenzo, Helena Villar ou Rosa Aneiros preparando pratos entre os que están a ‘Empanada de millo (de croques)’ o ‘Pisto (multiétnico e multicolor’), o ‘Bonito ao forno (con ‘caponata’) ou o ‘Coello (ao xeito de Isolina’)

Ao pé da letra. Lista de Autores

Gústame a presentación que fai Yolanda Castaño de cada unha das autoras. Procura levar á escrita de cada quen e mesmo a algunha obra concreta as cualidades necesarias para cociñar os pratos que esa escritora-cociñeira nos brinda.
Paréceme formidable a creatividade de Xabier Docampo xogando ás canicas con abelás, de Xavier Castro enarbolando a bandeira dunha folla de bacalao, de Marica Campo recheando unha pescada cun libro ou de María Reimóndez calcetando rosquillas. Logo están as mans faenando, o estoupido de cores, as formas e as texturas, a representación condensada (unha imaxe máis que mil palabras, mesmo se de palabras se trata) das preparacións….

Ao pé da letra. Lista de Autores   Ao pé da letra. Lista de Autores

Se es xente de literatura galega… ou se es xente de fogóns e especias… ou se es xente de boas fotografías… non dubides, este é o teu libro.
E non che quero nin contar se, coma min, es xente dos tres.
Por certo, no libro está, non podía faltar, Xavier Rodríguez Baixeras, autor dun deses textos (miles de textos) que (envexa sa) teríame gustado asinar a min: o Diario de comidas. Algún día falareivos del máis polo miúdo…