cociña da terra dos dous mares

O amigo Carlos Núñez (Pombo) vén de publicar un fermoso libro de receitas.
Faimo chegar cunha agarimosa dedicatoria.

carlos_nunhez

Bautizou este seu penúltimo fillo como ‘Cociña da Terra dos dous mares’ e, como el mesmo desvela na Xustificación, trátase de corenta receitas de seu que preparou para un puño de afortunados. Cociñounas ben a bordo do balandro Joaquín Vieta, ben no Tabernáculo da Santa Sede ou ben, e na maioría dos casos, en ambos lugares (aínda que, como a da ubicuidade é unha das poucas calidades que lle faltan, en momentos diferentes).

carlos_nunhez

Son receitas moi variadas. De mar e terra; de Galicia, do norte de Portugal e de Asturies; de mariscos, de peixes, de carnes e tamén dalgunha que outra sobremesa; orixinais e adaptadas…
Pero, dentro da variedade, son receitas con máis elementos en común que aspectos poidan diferencialas.
Pero, que poden posuír de común uns Lagostinos ao allo con fideos e o Arroz de fumeiro? Ou as Filloas cunhas Cebolas recheas de bonito? Ou o Bonito á romana co Polbo estilo Illa?
Pois da man de Carlos, todo… ou case todo.
A escaseza medida nos condimentos a utilizar aprendida de don Álvaro Cunqueiro; esa sinxeleza nas elaboracións que só chega da man da experiencia; a pureza de sabores que moitos perseguen e só os elixidos acadan; o agarimo que arrodea a todo un proceso que vai desde a compra á degustación, da limpeza á cocción con parolada e vaso de viño.
Porque nisto si que don Carlos segue a ser un mestre (e que ninguén ouse nin sequera pensar en xubilalo deste maxisterio!): da cociña feita toda ela con, entre, por e para os amigos.
E aí está a clave.

Bonito con pisto Solombo ibérico Peras ao viño

Proclamaba Eça de Queiroz, don José María, algo como ‘Cozinha-se bem quando se estima às pessoas para as que se cozinha’.
Estamos, malia súa feitura física, ante un gran libro de cociña. Un libro escrito por Carlos Núñez Pombo para esas persoas ás que el estima, para aquelas nas que nalgún momento puidemos gozar do seu saber e sentido culinario (no balandro Joaquín Vieta, no Tabernáculo da Santa Sede, en calquera curruncho no que haxa un lume e unha pota) e tamén para as que antes ou despois pasaremos a formar parte deste grupiño de elite de seguidores das súas instrucións ao mando dos fogóns.
Usemos esta Cociña da Terra dos dous mares e deixémonos guiar por Carlos Núñez. Imitemos o seu xeito de cociñar con, entre, por e para os amigos.
Temos o éxito garantido.

Cociña da Terra dos dous mares
Carlos A. Núñez Pombo
Editorial ToxoSoutos
Noia 2012