un cocido por cinco euros

En O Cortixo, na Illa de Arousa, onte mércores, o cocido era prato do día. Pataca, repolo, chourizo, tenreira, touciño, costela e mais polo. Quen quere máis por cinco euros?

Cocido Cortixo 3

Xa falamos nalgunha ocasión das bondades de O’Cortixo na Arousa (Prato do día en O’Cortixo).
Naquela ocasión escribía que os prezos, ás veces, chegan a causar un certo rubor. Hoxe pode ser un deses días.
Porque entre os pratos do día está o barato (hoxe, entre outros, lirios abertos pola metade e rebozados, con pataca frita e ensalada) e o caro, o cocido de cinco euros.
Un pouco curto no porco, do resto non hai queixa. Ademais, en xeral, todo está rico e a ración é máis que suficiente.

Cocido Cortixo 2

Hai que vai coa pota para levar e comelo na casa.
Tamén están os que prefiren as tapas (o pincho moruno con patacas está moi solicitado) ou os bocadillos, e, entre eles, as hamburguesas.

En fin, un local moi aplaudido polas xentes locais no que podes comer un bo cocido, con copa de Rioxa e café por 8 euros.

O Cortixo (A Consulta)
r/ do Cruceiro 2
36626 Arousa (Pontevedra)
986 55 15 97
GPS: 42.562489N,   8.870648O
Cociña: tradicional, tapas, bocadillos
Prezo: Desde 4€
Peche: martes