cocido de entroido no robledo

A festa de entroido no instituto foi todo un éxito. Coma sempre.
É a actividade de maior e máis intensa participación de todo o curso.
Iso si, cada vez con menos tradición e máis tendas de chinos. Menos mal que aínda quedan bastantes rapazas e rapaces que aproveitan o día para sacar fóra toda a imaxinación e inhibición que levan dentro, mancheas de talentos ocultos que hoxe si, hoxe poden ser libres.

Entroido 2012 a  Entroido 2012 11

Nós, os profes, imaxino que coma moitos ao longo do país, disfrazámonos de crise.
Non, máis que de crise, dun ensino público podado case ata a raíz a base de golpes de tesoura; de verdade, moito, ata límites que semella un pobre indixente que non ten máis que vagar polo mundo exhibindo unhas vergoñas que desexaría poder gardar para si.

Entroido 2012 05   Entroido 2012 08
Entroido 2012

Ao acabar fomos comer o cocido ao Robledo. Algúns, máis ben poucos, que o forno non está para moito bólo. Poucos pero suficientes para que a comida resultase moi, moi agradable.

IMG_02983

O Robledo está en Prado, na estrada que vai ao Aloia. Por certo, un paseo que paga a pena para relaxar os excesos da crise. Entrar por Vincios, polas canteiras, facer toda a faldra do Galiñeiro, pasar a Prado e seguir ata ao Aloia.
En tempos era unha das miñas andainas favoritas. Pero iso, en tempos…

IMG_0298

O Robledo é da familia dunha das rapazas do instituto, de Verónica, e seica está a coller un pulo que obriga a facerlles unha visita que xa me tardaba. Anúncianse como ‘comidas caseiras por encarga; especialidade en cochinillo e cordeiro á braxa’; sei tamén dunhas chuletas fritidas con patacas e pementos que quitan o himpo; ou doutras carnes ou peixes na braxa… Disque ás fins de semana é de obriga reservar pois parece que empeza a atraer a moita xente guapa da capital.
Prado é un oasis de natureza virxe e isto nótase na materia prima; máis boa man para a cociña caseira, máis Begoña a atender e organizar, e temos a receita máxica do éxito.

IMG_0296 IMG_0295 IMG_0293

Comimos nun comedorciño de fóra, un reservado todo de madeira e unha estufa de leña que reforzaban a sensación de calidez do ambiente.
Realmente cómodo, privado, moi agradable.

IMG_0268   IMG_0272

Hoxe viñamos a polo cocido así que non nos andamos con mexericadas. Tampouco a sopa do propio cocido que nos ofreceu Begoña e que debía de estar de morte… ou quizá mellor de resucitar aos mortos. Viño tinto da casa, augas e gasosa.

IMG_0270 IMG_0271

Cando entrou a primeira fonte, fumegante,  chea de verduras a sobordar –repolo, grelos, patacas, algunhas fabas espalladas por alí-, o que me chegou ao nariz foi o oloriño do cocido do Pinto, a aldea da miña nai; por desgraza un cocido que xa vive unicamente de imaxes, sabores e olores no maxín.

IMG_0274

Logo chegaron as fontes de carne. Creo que non faltaba de nada. Desde a galiña á tenreira pasando polo porco, este, do fociño ao rabo. Orella, parte da cacheira, touciño, pata, lacón, costela, os chourizos… en fin, para que seguir.
E de cantidade… xa non falo… Unha fonte como as que vedes para cada tres.

IMG_0276 IMG_0280

De sobremesa unhas filloas recheadas de chocolate e orellas.
As orellas sensacionais. Masa rica e moi crocante, acabadas de fritir, no seu punto. Para o meu gusto sobráballe o sirope que tiñan por riba (estes bocados gústanme ao natural, só co peso da tradición, sen engadidos innecesarios).

IMG_0288

Xa por fin, cafeses, chupitos e parolada ata ben entrada a tarde.
Xa sabedes como van estas cousas: tentamos arranxar o mundo e non fomos quen nin de arranxar o noso instituto.
E todo por dezaoito euros cabeza.

Café-Bar Robledo
Subida ao Aloia
Prado, Gondomar, (36389)
Teléfono: 986 369 522
GPS: 42° 6′ 21.69"N   08° 41′ 36.16"W
Localización en Mapas de Google

Posted in pontevedra, restaurantes, vigo and tagged , , , .