o cocido de casa soutomayor

Cociña tradicional caseira no corazón de Vigo. Os mércores, por 12€ persoa, un cocido galego histórico e carismático na cidade. Decoración rústica, ambiente e trato amigables e recomendación de reservar.

Casa Soutomayor 3

Nisto da gastronomía, ás veces, as intencións non se concretan en realidades. Poucas veces atoparemos unha defición máis clara e concisa dun local: cociña tradicional caseira no corazón de Vigo.

ComidaSotomayor

O de Soutomayor vén de Fernando Álvarez de Sotomayor (Ferrol 1875, Madrid 1960), pintor e académico galego cunha importante proxección na pintura rexionalista. Foi director do Museo do Prado (en dúas ocasións) e da Real Academia de Belas Artes de San Fernando.

José Fernández, propietario do local desde 1999, quixo manter o nome e unha feitura que destaca polas seis reproducións de pinturas de Sotomayor. Entre elas non pode faltar un fragmento de Comida de boda en Bergantiños. Ademais. José, pola súa conta, ampliou o fondo artístico do local con diversos debuxos e acuarelas algunhas delas dedicadas.

Casa Soutomayor ten carta pero a súa cara máis forte ao mediodía vén da man dos menús.
Hai un prato estrela diario: luns, xamón asado ao Soutomayor; martes, callos; mércores, cocido; xoves, carne ao caldeiro; venres, lacón con grelos; sábado, cocido galego.

Ademais, un menú do día con entrante, prato, bebida, café e sobremesa. Hoxe, por exemplo, de primeiros atopamos o caldo do cocido, sopa, ensalada de pasta e revolto de espinacas; de prato principal, o cocido, zorza de pavo, costeleta á prancha e peixe do día.
O menú diario pode consultarse no facebook. O último publicado, o venres 4 de febreiro: empanada da casa, caldo galego, ensalada da casa, tortilla española; Lacón con grelos (12€), fideo con ameixas, escalopíns ao limón, peixe do día.

O menú diario é de 10€, mentres que o especial (o menú completo co prato estrela do día) son 12€.

De xeito amable e dilixente, sen perder en ningún momento o humor, unha única moza move todo o comedor (por certo, ateigado e con duplicando máis dunha mesa).
Pedimos o tinto da casa; acae moi ben á feitura do local e ao cocido.

Restaurante Casa Soutomayor 7

Vimos ao cocido, así que pouco hai que pensar; se acaso, entre a sopa e o caldo e os dous optamos pola sopa.
Domina o sabor á verdura e ten a graxiña do porco. Está quentiña e boa.

Restaurante Casa Soutomayor 9

O cocido é completiño. Pataca, repolo e garavanzo; chourizo de cebola e de carne; costela, touciño, lacón e bocados da cacheira sobre todo orella, pola banda do porco; carne que semella xarrete de tenreira. O único que máis de un botaría de menos (non é o meu caso) é a galiña.

Restaurante Casa Soutomayor 11

En xeral todo está bo. Se valoramos a relación calidade prezo, diría que moi bo. Gústame especialmente o touciño, o lacón (punto exacto de sal) e todo bocado relacionado coa cachucha.
As racións son máis que suficientes e hai dereito a repetir.

Restaurante Casa Soutomayor 12

De sobremesa filloa de nata e filloa de crema. Quizá algo pasadas de canela, pero é cuestión de gustos.

Quen pretenda comparar o cocido de Casa Soutomayor cun cocido de Lalín en plena feira vai moi desencamiñado. Xogan en ligas moi diferentes. Un, este de hoxe, xoga na liga do menú diario, da comida do día a día, mentres que un cocido en Lalín xoga na liga das comidas dun día especial, dun domingo, do día do santo patrón.
Claro que pola comida de hoxe pagamos 24 euros dúas persoas, mentres que no último cocido en Lalín (Ver Mesón o Cruce) pagamos 60 euros.

O cocido de Casa Soutomayor (e xuraría que calquera outro prato do menú) é altamente recomendable.

Casa Soutomayor
Rúa Manuel Núñez 8
36201 Vigo (Pontevedra)
986 22 95 47
GPS: 42.234987N, 8.720627O
casasoutomayor.es
Facebook
Cociña: tradicional
Prezo: menú do día 10-12€

Publicado en pontevedra, restaurantes, vigo e etiquetado , , , , .