cociña tradicional no salnés

Alfar é un curioso local de cociña tradicional situado no lugar de San Roque do Monte, en Deiro (Vilanova de Arousa). Cociña salientable, trato excepcional e prezo accesible. Moi recomendable.

Tapería Alfar 01

Vivimos tempos complicados.
Tamén están a resultar especialmente raros.
Falamos dun venres santo ao mediodía, dun local de relativo éxito (ocupa un destacado segundo lugar en TripAdvisor entre os restaurantes de Vilanova de Arousa), e a nosa era a única mesa ocupada.
O tempo climatolóxico non animaba, pero temo que esta friaxe, o illamento, a distancia, o medo, o receo, a inercia negativa, estean a rañar nos nosos ósos ata contaxiar o maxín colectivo.
Unha mágoa á que hai que poñer remedio de contado.

Tapería Alfar 17

Alfar ocupa unha casa moderna do lugar de San Roque do Monte.
Comedor interior mediano e terraza moi recollida e amigable. Decoración austera e sen maior pretensión.
A atención consigue compensar a indefinición do espazo: no podía ser mellor.
A carta ten obviedades da zona e do tipo de local, pero tamén algunha que outra sorpresa. Toma forma a través do manteliño individual.
Entrantes moi variados. Van desde a orella de porco (4,80€) á grellada de verduras (10.10€), pasando polas ensaladas, o salteado de polbo e lagostinos (14.90€), o ovos rotos con xamón (6.5€) ou o revolto de lagostinos campesiña (9€).
Breve oferta de mariscos menores. Gambas na prancha (11€), ameixas á mariñeira (14.90€), zamburiñas, berberechos, navallas…
Para os pratos principais un par de peixes (bacallau asado, 15.90€, linguado na prancha, 18.30€ e rodaballo, 18.80€) e outras tantas carnes (entrecosto de tenreira 14€ ou milfollas de carne 11€).
Pero disque as estrelas da casa son os arroces. Pode ser o de lumbrigante (23.5€ persoa) ou os fideíños con gambas e luras (11€).
Limitada oferta de viños. Somos 5 e bebemos dúas botellas de Ribeiro Viña do Campo e augas.

Tapería Alfar 03  Tapería Alfar 04

Empezamos con unha de empanadillas. Son de bacallau e están moi boas. Masa algo follada e compango abundante e saboroso.

Tapería Alfar 05  Tapería Alfar 06

Seguimos coas croquetas. Unha de xamón e outra de marisco. Pequeniñas, con forma de bóla, son substanciosas, delicadas, amables ao padal. Tamén moi ricas.

Tapería Alfar 07   Tapería Alfar 08
Tapería Alfar 09   Tapería Alfar 10

Logo repartimos dúas racións de arroz mariñeiro e dúas de arroz con verduriñas e bacallau.
Por querenza persoal (non son moito de arroces de cunchas, e este ten mexillóns, berberechos, croques e gambas), decántome claramente polo arroz de bacallau; no lugar da receita clásica, co bacallau esfiañado, o arroz vén coas dúas postas do peixe enteiras por riba. A variedade e cantidade de verduriñas dan sabor á forza do bacallau.
Alguén podería opinar que os arroces estaban nun punto excesivo ao dente, pero a min gústanme así.
Os cinco da mesa coincidimos en que ambos estaban moi ricos. Hai que tira máis polo mariñeiro.

Tapería Alfar 12
Tapería Alfar 13
Tapería Alfar 15

Para as sobremesas, unha tarta de queixo, dúas racións de filloas (catro unidades) e un coulant de chocolate.
O apartado dos doces é especialmente suculento. Ademais do pedido, podería ter sido o flan de café, a copa de nata e froitos vermellos, a crema queimada, etc.
Todos son caseiros e especialmente ricos.
No meu, as filloas, chama a atención a deliciosa crema pasteleira caseira coa están recheas e a finura da masa da filloa.

Tapería Alfar 18

Cos cafés e os chopos pagamos 22 euros por persoa.

Saímos moi satisfeitos da comida.
Todas opinamos que estivo moi ben e que hai que volver.
A min quedoume na cabeza a milfollas de carne.

Alfar
San Roque do Monte 30 C
36627 Vilanova de Arousa
986 554 994
GPS: 42.54769N, -8.82146O
Facebook
Cociña: tradicional
Prezo: 20-25€
Peche: (consultar)
2 lugar en TripAdvisor Vilanova


Translate »