cociña sen vergoña

Niño Corvo é a aposta persoal de Adrián Albino. Nun local mínimo e recóndito, foi quen de asentar unha proposta que xa se converteu en todo un referente en Vigo.

Niño Corvo 01

Niño Corvo está, como quen di, na praza do Berbés, ao principio da rúa San Francisco, unha de tantas rúas en pendente imposible que nos definen como cidade.
Ocupa o espazo dun vello amigo, un daqueles locais nos que, cando mozos, nos tirabamos tardes enteiras arredor dunha cunca da beberaxe bautizada como Ribeiro.
Logo (ou antes), a parada no Guinda, no Tumba, no Porco
Para nós sempre foi o Ourense, quizá polo viño, talvez porque non tiña sona coñecida e nos pareceu a definición axeitada. Cando soubemos o seu nome verdadeiro xa non había remedio. Na memoria quedaría para sempre como Ourense.

Niño Corvo 07

Trátase dunha estraña mestura entre todo e a nada.
Por momentos, nada que ver co que foi; sénteste nun mundo moderno e luminoso, pracenteiro, moi agradable. De súpeto, e sen transición, cres regresar ao principio dos setenta e que todo segue igual, a barra ao fondo agora cociña á vista), o revestimento das parades, os baños (ao fondo á esquerda), o chan esvaradío polas serraduras, a atmosfera cargada de fume de tabaco da que ti mesmo es cómplice, a nosa mesa…

En fin, a encargada do ritual de acollemento é Lorena; do minuto cero á calor das despedidas será a acompañante perfecta. Dilixente, amable, alegre, falangueira na xusta medida, atenta, próxima, servizal nos antípodas do servil, sempre coa palabra xusta; cunha exquisita explicación da carta, de cada unha das propostas, da filosofía do local, do prato que agora mesmo tes diante, que é, como se elaborou, como aproveitalo sen fisuras…
Forma parte intrínseca e necesaria de Niño Corvo.
Ah!, e que utilice o galego é un valor engadido.

Niño Corvo 31

O de cociña sen vergoña, bandeira do local, é totalmente apropiado…, pero antóllaseme insuficiente. Podería completar o comentario a base de adxectivos e seguiría a quedar curto.
Todo empeza cun ideario claro e contundente (o peixe e as formas actuais de traballalo, os sabores básicos e os seus contrastes e complicidades, a técnica, a concreción do miesiano menos é máis á cociña, o respecto a unha profesión, a paixón por un traballo…).
Logo pasamos ao produto impecable. Ao trato con meco. A unha técnica salientable. Imaxinación. Descaro. Mestura. Coherencia. Fusión… Para que seguir?

Niño Corvo 04

A carta é xusta e equilibrada.
Debuta co peixe cru; como non podía ser menos, nos seus principios, Adrián case se limitaba a cortador de peixe. O tiradiño de sargo (12.50€), o Xurelo+soia+sake+arroz (13€), o Robalo curado + allada (15€).
A continuación, outro clásico: as cunchas. Vieira salsa corvo (2 ud, 14€), Croque á feira (10), Tartar de carabineiro + a súa cabeza (15€).
Antes de pasar ás sobremesas, é o tempo dos pratos principais: Peixes, carnes e máis. Pescada ao vapor+oliva (14.50€), Gyozas de boi de mar fritidas (4 ud, 10€), Ovo+pataca+setas+panceta (9€), Faceira+curry suave+arroz (16€), Canelón recheo de rabo e setas (16€).
A proposta de bebidas é bastante limitada pero variada, seleccionada e basicamente da zona; difícil non atopar un viño que satisfaga as túas expectativas. No noso caso, un Guímaro Camiño Real cun magnífico rendemento.

Vale.
E a que vén tanta literatura?
Pois era o que me pedía o corpo.
As circunstancias reman a favor (a celebración, a primeiro día post-peche, as lembranzas…), pero a comida no Niño Corvo resultou absolutamente excepcional.
Ía escribir que foi a mellor en moito tempo, pero xa sabedes como vai isto: era a primeira despois de moito tempo…

Niño Corvo 13

Pedimos dous entrantes, dous principais e dúas sobremesas para compartir, e así veñen, dosificadas nos tempos, nas cantidades, e nos cortes.
Os croques á feira.
Adianto que a min foi o que menos me gustou. Non son moito de cunhas. Non podo escribir que se trata do peor dos pratos probados; simplemente, o que menos me gustou a min…, e iso que estaban excepcionais! (imaxinade o resto). A intensidade do mar máis bravo na boca, suavizado polo pemento e o aceite.

Niño Corvo 15

O segundo entrante: o tartar de carabineiro coa súa cabeza. Tal e como o vedes. Por unha banda o arroz coa cabeza do carabineiro pasada pola prancha por riba, e as dúas racións do tartar en cadansúa base de pan de millo de gambas. Vén con instrucións: expremer a cabeza polo tartar e, o que quede, polo arroz.
O bocado de arroz estilo sushi, co seu toque acidiño e os miolos do carabineiro, é un bocado bestial, de sabor, de intensidade, de contraste.
O tartar, exquisito.

Niño Corvo 19

A Falsa lasaña de atún vermello. Seguimos con conceptos orientais para outro bocado impecable. Tamén trae manual de uso: romper todo, incluída a xema de ovo (especialmente a xema de ovo) e deixar que embeba a masa e o atún.

Niño Corvo 25

O Brioche con steak tartar era unha recomendación explícita de Pepe. E, como sempre, as recomendacións do mestre non fallan. Podería comer o pan a bocados e xa sentirme satisfeito…, pero cando se mestura na boca o pan, co picado de vaca perfectamente traballado, e os mollos, o resultado é un deses bocados que deixan pegada, dos que chegan directamente ao padal case sen pasar pola cabeza.

Niño Corvo 29 Niño Corvo 30

A oferta de sobremesas pasa pola Tarta de queixo case feita, o Culant de Chocolate e a Milfollas rechea de crema pasteleira. Probamos esta última e a primeira. A tarta de queixo é a típica de forno pero vén a medio facer, co queixo cremosiño, sen acabar de callar, sabrosón, suave, delicado. A masa da milfollas é espectacular; case un aire de vidro que se desfai na boca triscando coma se o fose; os rachóns, na boca, no lugar de cortar, mestúranse cunha crema pasteleira que dá fe dos inicios de Adrián Albino na especialidade de repostería e confeitería no Instituto Manuel Antonio de Vigo.

Unha festa redonda.
Para repetir en calquera momento.
Pagamos 41 euros por cabeza.
Non é pouco, pero coincidimos en que a comida ben o valeu e polo tanto non a cualificamos como cara. Prezo xusto.
Ah!, e nestes difíciles tempos para o mundo da restauración, Niño Corvo reivindica a inxustiza que se está a facer, mentres se mantén ao pé do canón, no local (só ao mediodía, por imperativo legal), e para levar a casa.

Niño Corvo
Adrián Albino
Rúa San Francisco 13 (O Berbés)
36202, Vigo (Pontevedra)
986 115 064
www.niñocorvo.com
Facebook
Instagram
Cociña: fusión
Prezo: 30-40€
Peche: (consultar cando pase toda esta milonga das restricións)