cociña de sempre, cinco estrelas

Despois do fugaz achegamento no Nadal (Casa Moncho), eran tempos dunha nova visita máis polo miúdo. Fomos comer o sábado e dicir que nos encantou, que mesmo mellorou a primeira impresión.

Casa Moncho 00

De entrada, sensacións de contraste. Por unha banda –sábado de febreiro, sobre as dúas da tarde– local baleiro, sen comensais, certa friaxe na atmosfera e non precisamente pola situación climatolóxica. Pola outra, un arrecendo que che asalta nada máis traspasar a porta e que fai chegar moreas de evocacións (e o temor de saír cun exceso de cheiro a fritanga que logo non se concretaría).
A min úleme a cea de nadal, a cociña da avoa, a festa; a Carmen a comida de domingo no vello restaurante La Cueva, en Velázquez Moreno.
O aroma é a forno de vieiras de toda a vida. Ao fritido do rustrido, á mestura co pan relado, á calor que se une a eles e á propia vieira…

Esa é, precisamente, a definición da cociña de Moncho: cociña caseira, tradicional, galega…, cociña de toda a vida elaborada cunha grandísima calidade.

Casa Moncho 01Casa Moncho 02

A carta é ampla pero convén deixarse levar polo camareiro, polos destaques colgados aos lados da porta, ou polas insinuacións do propio Moncho. A carta pode ser para ‘picoteo’ (croquetas caseiras 7€, fritura de peixes pequenos 1 variante 7€, dúas variantes 9€, zamburiñas na prancha 10€, solombo de porco Duroc con tetilla 7.5€, secreto de porco Duroc con ovos rotos 7.5€, tortilla caseira de patacas 10€, polbo á feira con patacas 14€…), ou ‘de prato’ (peixe sapo ao allo con lagostinos en salsa de albariño e ovo 18€, pescada do pincho en salsa verde 17€, rodaballo da ría ao forno 21€, robaliza salvaxa á sal 21€, guiso de peixes 18€, entrecosto de vaca 15€, chuletón de boi 33€…).

Casa Moncho 03Casa Moncho 04Casa Moncho 05

Despois dos champiñóns en mollo de queixo (invitación, moi ricos), chega un dos buques insignia da casa: a empanada, hoxe de xoubiñas; tamén había de lamprea. Vén directamente do forno e resulta, simplemente, espectacular. De tan fina, semella que non ten masa, pero está, e boísima, acompañando a unha zaragallada de cebola, pemento e xoubiña que sabe a gloria. Unha empada perfecta. Pasa, de inmediato, a formar parte da elite das nosas empanadas favoritas.

Casa Moncho 06Casa Moncho 08

Chipiróns encebolados seguindo as receitas máis tradicionais, sobre unha cama de patacas fritidas e cun sabor que lembra os de antes; moi, moi boas.
A carta anunciaba ‘raxo ao albariño’ pero ante a falta de raxo propóñennos secreto. Destacar o tenra que está a carne, o mollo, saborosísimo, e a pataca, acabada de fritir, perfecta; ou sexa, destacar todo o prato.

Casa Moncho 11Casa Moncho 10

As caniñas son caseiras, con masa moi fina e recheadas de nata; moi boas.
Pero o sabor pegado ao padal quedoume do doce de Carmen, unha torta de mazá absolutamente espectacular. Todos os bocados da comida foron moi especiais, todos, sen excepción; a empanada, como dicía, fantástica, pero esta torta de mazá é punto e á parte de todo doce coñecido.

Bebemos auga e un vaso de Ribera; un café; de empanada son dúas racións e do resto unha de cada (racións abundantes; incluso chegan a ser un pouco excesivas para os dous) e pagamos 22€ por persoa. Valorei o prezo como tirando a barato e a comida, en xeral, como para repetir.

Casa Moncho
Dr Cadaval 24
36202, Vigo (Pontevedra)
986 483 478
Facebook
Cociña: tradicional, galega
Prezo: sobre 30-35€
Peche: domingo noite; luns


Translate »