chiringuito coco-bao. a illa de arousa

Despois da visión xeral sobre o conxunto dos chiringuitos de praia da Illa de Arousa, e por recomendación de Flori e Luis -falan del entusiasmados-, hoxe ao mediodía tocunos visitar máis polo miúdo o Coco-Bao, na praia do Bao.

Chiringuito Coco-Bao 01

De entrada salientar que, escriba o que escriba, escoitedes o que escoitedes, estamos a falar dun chiringuito. Nin máis nin menos.
É que case o único que ten de chiringuito de praia o Coco-Bao é a estética.

Chiringuito Coco-Bao 1

A caseta de madeira e feitura rústica co balcón para atender, a pizarra á altura do camiño para captar turistas, o cartel dos xelados, mesas e sillas pregables ciscadas arredor da caseta, sombriñas de cores variadas e rechamantes con cadanseu selo de propaganda, marcas publicitarias por todas partes, nos vasos, nas papeleiras, nos servilleteiros, polas paredes, na carta…

Chiringuito Coco-Bao 3

Cómpre salientar que as mesas están estratexicamente distribuídas para loitar contra o vento que, hoxe en concreto, é moi forte e apenas notamos. Tamén un cuberto para os máis mixiricas ou para condicións excepcionais de auga ou frío.
A partir de aquí entramos nun mundo por descubrir.

Chiringuito Coco-Bao 02Chiringuito Coco-Bao 03

O primeiro, a carta. Moi ampla e cun par de pinceladas de orixinalidade que serven para afastala radicalmente da normalidade. A cociña, dentro da tradición, aporta leves toques de diferencia, un chisco de aneto empoado por aquí, un pouco de vinagre con personalidade propia esparexido por alá. O servizo, amable e próximo, solícito e rápido, atento á túa satisfacción e desexos, recomendando as especialidades ou os produtos especiais da xornada.
Malia o día -moito vento, finais de agosto, martes, apenas xente na praia- e os moitos lugares cos que conta, está practicamente cheo, pero apenas hai que esperar, o ritmo da cociña e do servizo son óptimos.
Onde moitos locais de máis categoría e ínfulas (baldeiras) mesturarían ás tolas os  compoñentes para elaborar, por exemplo, unha simple ensalda, no Coco-Bao esméranse por seleccionalos, por casalos, por cortalos, por distribuílos de xeito que forman un conxunto colorista e harmónico.

Chiringuito Coco-Bao 13Chiringuito Coco-Bao 14

Para beber pedimos un par de ‘tintos de verán’, versión moderna e reducida da clásica sangría. Frío e pecando de dozura entra ás mil marabillas.

Chiringuito Coco-Bao 04Chiringuito Coco-Bao 05

As principais novidades da carta son as ensaladas -orixinais e variadas- e as algas. Estas están presentes en varias das ensaladas, nun revolto con gambas, tamén mesturadas con gambas ao allo ou simplemente rebozadas e fritidas (‘espagueti do mar rebozado’). Optamos por unha ensalada con algas, a que bautizaron como ‘Ensalda do mar’ e que, ademais da leituga e a alga -himanthalia-, leva tomate, cebola, lombarda, gambas, meixóns e mexillóns; como condimentos, aceite e vinagre de boa calidade, algo de allo e aneto. O resultado, unha ensalada moi variada e diferente, ben conxuntada, moi rica.

Chiringuito Coco-Bao 11

A continuación pasamos a unhas croquetiñas.
Metade de mexillón e metade de marisco, están moi boas. Coa envoltura crocante e por dentro cremosas, untuosas, identificables, moi saborosas.

Chiringuito Coco-Bao 06

Ameixas ao aneto. Trátase dun prato especialmente recomendado. As ameixas son rubias e de primeira (non en van as rapazas do Coco-Bao no seu ‘tempo libre’ son mariscadoras -ver ‘E aínda din que o peixe vai caro’-), e a preparación escapa da uniformidade da ‘mariñeira’ (que por certo cada quen interpreta como entende e quere). O mollo non é moi gordo e o aneto esparexido por riba é o que dá consistencia ao prato. Realmente moi boas.

Chiringuito Coco-Bao 07Chiringuito Coco-Bao 08

De sobremesa un marabilloso flan de queixo que, en si mesmo desdí a súa orixe de doce dun simple chiringuito.

Chiringuito Coco-Bao 15

Por todo o anterior (un de cada da ensalada, das croquetas e das ameixas, dous tintos de verán, dous flans e un café) pagamos 17€ por cabeza.
Seica 17 euros por persoa nun chiringuito de praia podería semellar un pouco moito, pero se temos en conta a xenerosidade das racións, o produto utilizado, a atención, a orixinalidade e o esmero na cociña… o prezo antóllaseme bastante máis axustado.
O Coco-Bao, un chiringuito de praia na Illa que de chiringuito apenas ten o nome; un descubrimento que vén enriquecer a oferta gastronómica de Arousa; moito máis que recomendable e ao que -segundo o noso particular criterio de valoración- sen ningún xénero de dúbidas volveremos.

Chiringuito Coco-Bao
Praia do Bao.
A Illa de Arousa.
Teléfono: 661 215 052
Teléfono: 686 175 232
GPS: 42° 32′ 46.73"N   8° 51′ 46.83"W
Localización en Mapas de Google


Translate »