En fin, hai uns anos, e como exercicio final dun curso de deseño de páxinas web, facíamos o noso exame sobre a Gastronomía de Galicia. O apartado estrela da web pretendíamos que fose aquel que demos en chamar Bandulladas, ou, o que é o mesmo, daquelas reflexións máis pensadas co bandullo que coa cabeza. Ou mellor dito, para precisar, e como se de receita culinaria se tratase, digamos que eran reflexións cuxo ingrediente básico era o bandullo, aderezado, isto si, cunhas pingas de sentido común, uns graniños de razón e unha boa cullerada de corazón.
Isto de bautismar sempre ten o seu aquel.
O nome dunha persoa é parte intrínseca dela, de xeito que con outra sona, sería un alguén diferente. Da mesma maneira, os nomes acaban embebéndose da esencia de todos aqueles que o sufriron, nuns casos, ou tiveron a sorte de gozalos nas máis das ocasións. Pedro, Verónica ou Magdalena non son nomes abstractos e baleiros, non son Pedro, Verónica ou Magdalena senón que cada un deles evoca en nós a lembranza dalgún coñecido, no físico ou tamén na imaxinación. E cada quen asociará á Magdalena, segundo sexa, cunha alumna de hai moitos anos (moniña pero a pobre bastante vaguiña), cos santos evanxeos ou coa versión humanizada das santas escrituras que fixo o mestre Sabina.
Imos tentar contar as cousas do comer que pasan ao noso arredor; para nós, para vós, para todo o que queira lelas, ou comentalas, ou criticalas… ou mesmo, e por que non, tamén escribilas. E faremos todo isto desde o punto de vista do que somos, un par soldadiños de a pé no mundo da gastronomía; uns don ninguén sen afáns críticos, nin periodísticos, nin literarios, nin cociñeiros…, todo isto queda para os profesionais. Dous modestos afeccionados que non teñen nada que ver con ningún mundo profesional relacionado coa gastranomía pero si todo que ver con todas e cada unha das súas consecuencias.
Agora, isto si, antes que cociñeiros os dous somos mestres.