cênô, ergo sum

Con perdón pola presunción do latinaxo pero, esteticamente, cando todo isto comezou, non nos quedaba nada ben un mesmo texto (o de como, logo existo) dúas veces tan seguidas.
En fin, hai uns anos, e como exercicio final dun curso de deseño de páxinas web, facíamos o noso exame sobre a Gastronomía de Galicia. O apartado estrela da web pretendíamos que fose aquel que demos en chamar Bandulladas, ou, o que é o mesmo, daquelas reflexións máis pensadas co bandullo que coa cabeza. Ou mellor dito, para precisar, e como se de receita culinaria se tratase, digamos que eran reflexións cuxo ingrediente básico era o bandullo, aderezado, isto si, cunhas pingas de sentido común, uns graniños de razón e unha boa cullerada de corazón.
Superado o curso, e quizá polo mesmo exceso de pretensión e inxenuidade que nos levou a un proxecto tan desmesurado, a páxina quedou en nada, o esqueleto completo, a semente da ilusión, unha chea de intencións, e… pouco máis.
Pero as bandulladas seguían aí, ao axexo, acazapadas, berrando en silencio dun xeito cíclico, nun longo letargo de cinco anos. E hoxe, por fin!, renacen a un novo formato máis levadeiro para os que, como para nós, como para a maioría dos que andamos nestas lerias, os apaixonantes mundos da informática e internet non pasan dun hobby.
Renacen… ou máis ben nacen, pois cambia radicalmente o formato, cambian os temas e, obrigado polas circunstancias, mesmo vai cambiar o nome.

Isto de bautismar sempre ten o seu aquel.
O nome dunha persoa é parte intrínseca dela, de xeito que con outra sona, sería un alguén diferente. Da mesma maneira, os nomes acaban embebéndose da esencia de todos aqueles que o sufriron, nuns casos, ou tiveron a sorte de gozalos nas máis das ocasións. Pedro, Verónica ou Magdalena non son nomes abstractos e baleiros, non son Pedro, Verónica ou Magdalena senón que cada un deles evoca en nós a lembranza dalgún coñecido, no físico ou tamén na imaxinación. E cada quen asociará á Magdalena, segundo sexa, cunha alumna de hai moitos anos (moniña pero a pobre bastante vaguiña), cos santos evanxeos ou coa versión humanizada das santas escrituras que fixo o mestre Sabina.

Na procura da inspiración, e mergullando no mundo dos blogs gastronómicos atopamos con decepción que xa existe un Bandullo. Descubrimos, ademais, unha chea de nomes fantásticos e irrepetibles que, máis que estimular, coartan a imaxinación. Así, despois de descartar outras opcións e seguindo a liña daquel Pantagruel, supongo, poñémonos a reflexionar e, conxuntamente con Descartes, acabamos parindo este Como, logo existo que xa sabemos onde empeza pero non nin como, nin cando nin en que vai acabar.

Imos tentar contar as cousas do comer que pasan ao noso arredor; para nós, para vós, para todo o que queira lelas, ou comentalas, ou criticalas… ou mesmo, e por que non, tamén escribilas. E faremos todo isto desde o punto de vista do que somos, un par soldadiños de a pé no mundo da gastronomía; uns don ninguén sen afáns críticos, nin periodísticos, nin literarios, nin cociñeiros…, todo isto queda para os profesionais. Dous modestos afeccionados que non teñen nada que ver con ningún mundo profesional relacionado coa gastranomía pero si todo que ver con todas e cada unha das súas consecuencias.
Agora, isto si, antes que cociñeiros os dous somos mestres.