,

celebrar cada día coma se fose unha festa…

A cita é de Carlos de la Cruz Iglesias, do seu relato Regreso a Itaca, gañador do III Concurso de Micro-Relatos Martín Berdugo.

_1110344Gastromanía Palmeira 11

Copio da etiqueta traseira da botella de Martín Berrugo, Crianza de 2006, Ribera do Duero que nos bebemos co menú de degustación da Gastromanía, Casa de Xantares.
Grazas á comida, o día converteuse nunha festa.

Gastromanía Palmeira 02

En plena reflexión sobre o que resulta asumible e o que non, sobre o prezo e o valor do que comes, sobre a necesidade de recortar gastos e seleccionar cada vez máis os restaurantes aos que vamos… nun momento no que acosan as conciencias por uns prezos que poden escandalizar e un gastos que poden chegar a ser indecentes, atopamos esta perla ata agora oculta para nós.

Gastromanía Palmeira 01

O Gastromanía está en Palmeira, en plena estrada xeral que vai de Ribeira á Pobra, nun emprazamento que a verdade non anima demasiado.
Logo, cando entras, a cousa cambia: local pequeno, decorado nunha psicodélica estética ‘anos 60’, con toques divertidos e desenfadados que lle dan personalidade e fan que o comedor resulte acolledor e agradable.

Gastromanía Palmeira 05Gastromanía Palmeira 08Gastromanía Palmeira 04

A sensación de acollemento aumenta coas atencións do camareiro, un rapaz novo que sabe estar á altura do guión, amable, próximo, con chispa, moi correcto. Mesmo rebela algúns dos secretos da cociña…
Tiñamos reserva de mesa pero non de menú, e seica serven menú de degustación unicamente por encargo; solícito vai á cociña e despois dun bocado (o necesario para montar unha proposta de 6 pratos) regresa para sometelo á nosa aprobación.
Sen necesidade de coñecelo polo miúdo dicimos que si, que está ben, e pedimos para acompañalo unha botella pequena do viño antes mencionado e unha de auga (do tempo, que o día está de cans).

Gastromanía Palmeira 12Gastromanía Palmeira 13
Gastromanía Palmeira 14Gastromanía Palmeira 15

Como para alabar as bondades dos pratos individualmente me faltan calificativos (abondaría co ‘fantástico‘), e antes ou despois caería na repetición, resumir en que se trata dun menú realmente especial.
Aí van, por orde, os pratos que, por certo, coinciden cunha carta que resulta non moi longa pero si atractiva e a prezos moi asequibles:
Un caldiño ardente para abrir boca e quecer os corpos.
Os buñuelos de bacallau (cen por cen pataniscas portuguesas).
O salpicón de peixe sapo e lagostinos con xema de ovo.
Arroz negro con chopos.
A pescada en tempura sobre base de cebola e pemento.
O lombo de vaca con setas.

Gastromanía Palmeira 16Gastromanía Palmeira 17

Os pratos, quizá, un pouco excesivos para o número de propostas.
Chegamos con dificultade á carne e non a valoramos na que creo sería a súa xusta medida: foi o bocado que menos me convenceu. Pola contra, e de ter que destacar, o arroz pareceume excepcional, e, a continuación o salpicón.

Gastromanía Palmeira 18

Momento doce: unha torta-empanada de mazá sobre masa follada acompañada de crema de iogurt con vainilla; morniña, acabada de saír do forno, contraste de temperaturas, de texturas, de sabores… gustoume moitísimo.

Gastromanía Palmeira 10

O menú deste Gastromanía que vides de escoitar ten un prezo de 30€ (30!!!) por persoa; xunto coas bebidas ímonos a pouco máis dos 35.

Ah!, xa me esquecía! 🙂
A alma mater deste local e artífice do menú é Nacho Rodríguez.
Se a miña información é correcta, antes de pórse pola súa conta aprendeu dos fogóns de Atrio (Cáceres), España (Lugo), Solla…
O resultado: as ideas perfectamente claras nunha liña de sinxeleza e autenticidade case a contracorrente que hai que agradecer.
Produto (basicamente do mar de Arousa). Mercado. Sinxeleza. Pureza. Técnica. Ausencia absoluta de concesións á galería, nada de efectismos nin disfraces, ningunha sorpresa. A pescada, por exemplo, pescada, cun aire de cocción y un rebozado perfecto, sen máis (pero tampouco menos).
Pequenos toques (pan morniño) que fan pensar nun local de prezo disparado.

En resumo, produto de mercado, tratado con moito sentido e agarimo e a un prezo que anima a volver canto antes para probar novos bocados da sabia man de Nacho Rodríguez. Gustoume moitísimo.

Gastromanía Casa de Xantares
Nacho Rodríguez Bello
Rúa do Norte, 22
Palmeira.
15950. Ribeira.
Teléfono: 687 746 302
Localización en Mapas de Google
GPS: 42.583721ºN   8.957389ºO
E-Electrónico
Web (en construción)
Web (en Wix)
Facebook