casa sánchez en rodeiro

Casa Sánchez, en Rodeiro, é un clásico da cociña galega. Referente na zona, basea o éxito na calidade do produto, nunhas elaboracións tradicionais con criterio, e na boa relación calidade-prezo.

Casa Sánchez 2

Rodeiro está entre Lalín e Monforte, ao pé da serra do Faro.
Casa Sánchez xa hai bastante tempo que está aí, destacando, sempre que preguntas por locais para comer na zona.
Nós iamos visitar o mosteiro de Oseira e preguntamos.
Fóra O Carballiño (que tiñamos que entreter algo máis estradas adiante), e fóra Lalín (que xa está moi visto), atopei coincidencias en tres nomes: O Barazal (clásico onde os haxa, en Maside, xa o coñeciamos e sempre é unha garantía), o restaurante hostal Ateneo (Piñor, moi boas referencias) e Casa Sánchez.

Oseira 4    Oseira 16

O primeiro que me vén a cabeza é que estamos ante un irmán xemelgo do Nixon da Estrada (a nosa última visita).
Exterior pouco atractivo por non dicir directamente neutro; típico café-bar-restaurante de localidade interior de Galicia; coas súas mesiñas de aluminio, os toldos, os cristais opacos…
Acceso ao restaurante a través dun bar que non mellora a imaxe.
O comedor racha coa vulgaridade anterior. Amplo, moi espazoso, ten un certo atractivo. Cando menos, aquí si se percibe un interese por agradar ao cliente. Podes compartir ou non o estilo, pero hai un estilo, o típico estilo galego-burgués dos anos oitenta, un tanto requintado, sobrio, un chisco de veludo de máis, cadros nas paredes…
Non é a miña decoración predilecta pero cumpre a súa función e o ambiente resulta agradable para gozar dunha boa comida.

Sábado ao mediodía e hai tres mesas ocupadas. Segundo a persoa que nos atende, está a custar moito recuperar o ritmo tras o virus.
Aínda así, a comida resulta moito máis acolledora que a do pasado mércores.
Gustoume moito o trato. Profesional e próximo nun equilibrio destacable.

A carta é sinxela e directa, non moi ampla e sen arestas: coidado do produto e clasicismo. Entrantes. Ameixas á mariñeira (15€), Polbo braseado en crema de patacas (14), Ensalada morna con panceta afumada (12), Chacina de vaca con tomate (10), Salpicón de gambón e peixe sapo (15). Peixes. Sargo con allada negra (17€), Bacallau á brasa (21), Ollomol á brasa (22). Carnes. Entrecosto de tenreira con crema de setas (19€), Xarrete de tenreira en salsa (15), Paleta de cordeiro ao forno con salsa de regalicia (23). Arroces. Mariñeiro (21€), Negro (21€).
Carta de viños suficiente, con destaque para as etiquetas galegas.

Casa Sánchez 4 Casa Sánchez 5

Comezamos co Cremoso de Arzúa-Ulloa acaramelado. Unha exquisitez. Contraste perfecto entre o puntiño de acidez do queixo e a dozura da capa externa de caramelo. Moi rico.

Casa Sánchez 6Casa Sánchez 7Casa Sánchez 8

Coincidimos no Bacoriño de porco celta. Coa súa ensaladiña e as patacas acabadas de fritir, excepcional. O bacoriño dun tamaño mínimo, perfectamente asado ao estilo castelán, só con auga, ben torradiño por fóra e tenro como acabado de nacer. Sabor como había tempo que non probaba. Prato dun nivel moi, moi alto.

Casa Sánchez 10  Casa Sánchez 11

De sobremesas, o Lemon Pie e o Coulant de chocolate con xeado de vainilla. Tamén podería ter sido a Torta de queixo ao forno ou o Flan de coco. Todas as sobremesas 3.5, agás o coulant: 5€. Paga a pena o prezo. Os dous doces manteñen o altísimo nivel da cociña.

Comemos con Vía Romana e auga e pagamos 36€ por cabeza.
O prezo pareceume bastante axustado para a comida que foi. Trátase dun prezo medio, normal, a cambio dunha comida de moi alto nivel.
Gustoume esta Casa Sánchez. É un restaurante moi recomendábel, ao que paga a pena volver.

Oseira 1Oseira 3Oseira 12Oseira 14

E, case mellor, despois dunha visita ao mosteiro de Santa María a Real de Oseira.

Casa Sánchez