casa pintos e o albariño o montiño

Di a voz popular que cando o río sona…
Hoxe soubemos porque os ríos todos do Salnés levan a sona de Casa Pintos.

Casa Pintos. Tarxeta   Casa Pintos. Tarxeta

Casa Pintos é un bar de toda a vida, de mariñeiros e para mariñeiros, na parte menos visitada e máis auténtica da turística Cambados, no miolo do porto de Santo Tomé.
Hoxe, despois de roldar de boca en boca, chegan aquí xentes mesmo desa fábrica de pesadelos que é o Hollywood de Gwyneth Paltrow. E logo a actriz vai por aí facendo patria… (Ver)

Casa Pintos

Estamos ante un local clásico, nunha ruela perdida típica de bisbarra de porto de mar, estreita, sen beirarrúas e algo encostada. Porta de aluminio, chan de baldosa, moita madeira e paredes agochadas detrás de carteis que publicitan os indiscutibles encantos de Cambados, o viño embotellado pola familia e os reis indiscutibles da casa: as ostras e as zamburiñas.

Casa Pintos. O local   Casa Pintos. O local

A carta é tan suficiente como típica; mariscos (con presenza destacada de toda a familia dos bivalvos da ría de Arousa), polbo, empanada, ensaladas, tortillas, peixes (pescada, bacallao, raia…), algunha que outra carne sen moita pretensión. Logo, pegado nunha esquina da carta base, un papeliño co que trae a marea do día, hoxe en concreto, cigalas, acedías e pixín.
Viño albariño da casa, embotellado, en botella pequena (5 euros): O Montiño. Cumple co seu obxectivo de xeito bastante máis que decente.
Pedimos unha ducia de zamburiñas, Carmen acedías e eu a raia en caldeirada. Por conta da casa traen uns mexillóns; non están na carta pero seica llos veñen de regalar para a familia e como, polo momento, estamos unicamente nós no comedor…

Os mexillóns de Casa Pintos

A este paso acabarei afeccionándome aos mexillóns. Aínda mornos, cunha pinguiña de limón están para comelos. Grandes, gordos e saborosos.

As zamburiñas de Casa Pintos   As zamburiñas de Casa Pintos

Neste local tan típico as zamburiñas rompen o tópico; resultan ser ao forno: un fondo de cebola, a zamburiña e por riba pan raiado. Están fantásticas; non me extraña que movan montañas que chegan aquí só por elas.

Casa Pintos. Acedía de ración

A acedía (unha, de ración) á prancha e con pataca cocida cun aire de aceite de oliva. Afeitos á acedía pequena, das que tomas media ducia e quedas tan pancho, esta grande resulta igual de rica; loxicamente máis carnosa, gaña en sabor pero perde naquilo de chuchar nas espiñas. Ben preparada, moi rica.

Casa Pintos. Caldeirada de raia   Casa Pintos. Caldeirada de raia

Da raia avísannos de que unicamente queda unha ración. Resulta que non vale calquera, que ten que ser raia macho e sufrir todo un proceso de preparación antes de acabar na pota. Así está como está. Autenticamente excepcional. Claro que tamén axudan a pataca e a allada, as dúas nun punto maxistral.
As sobremesas frouxean un pouco. Flan, torta de queixo e xelados. Xa que quedamos ben e o doce non aporta moito, decidimos pasar directamente á conta.
Pagamos 46 euros, 23 por cabeza. Coido que non está nada mal.

Torre San Saturnino. Cambados

Para facer a dixestión, aquí cómpre unha pequena andaina polo paseo marítimo e unha visita á torre de san Saturnino.
Globalmente estamos ante un dos avantaxados da cociña tradicional dentro do Salnés. Sen dúbida para ter en conta se queremos regalarnos unha homenaxe galega. Atendendo á miña propia referencia, creo que non tardaremos moito en volver.
Casa Pintos
Montiño do Medio nº 14
Porto de Santo Tomé
36630 Cambados
986 542 435 begin_of_the_skype_highlighting            986 542 435      end_of_the_skype_highlighting
GPS: 42º30’30”N  8º49’03”O 
Localización en Mapas de Google