casa enrique. cobas

A busca do furancho perdido levounos, hoxe, a un dos máis visibles, a un clásico: Casa Enrique en Cobas.
Está alí, no meollo (ver como chegar aos furanchos de Cobas), na Aldea de Abaixo, a carón de Juan, un pouco antes do de Manolo e Bea, co resto dos furanchos de Covas arropándoo por todos os puntos cardinais.

Casa Enrique Cobas 01   Casa Enrique Cobas 02

Ten aparcamento propio e un xardín que promete ser un auténtico exceso no verán.
Por fóra é algo distinto aos demais; semella máis o bar-tenda de sempre, en concreto o Spar, que aínda mantén a pegatina, e esta pode ser a mellor referencia, que o típico furancho da zona.
De feito entramos por un primeiro espazo no que conviven o mostrador do bar e o da pequena tenda, moi pequeniña, case de supervivencia…

Casa Enrique Cobas 04

A continuación pasamos directamente ao enorme comedor.
É moi grande, de batalla, sen ningunha concesión, vese ás claras que foi ideado pensando na funcionalidade por riba de calquera outro criterio. En todo caso dá un bo aspecto, claro, cos mobeis de madeira novos, limpo, luminoso…
Semella cheo. Nun momento chego a botar contas e calculo que haberá unhas dezaoito mesas ocupadas –aínda libres non máis dun par-, e sobre sesenta persoas a comer, beber e falar ao mesmo tempo.

Casa Enrique Cobas 05

Como a maioría, tinto Barrantes e Albariño.
Pedimos o branco, a botella, da que non chegamos á metade; o viño vén cunha proba de empanada de carne; masa un pouco grosa para os nosos gustos pero xa se sabe que isto do espesor das empanadas vai moito por teimas e zonas… Carmen alaba especialmente o viño; iso quere dicir que non pica en exceso do acedo, que é moi afroitado, amable, en definitiva que entra ben. 
A empanada, polbo, carne con patacas e pementos, tortilla, chuletas…

Casa Enrique Cobas 06

Pedimos tortilla e a carne; a tortilla, pequena, consonte aos dous que somos.

Casa Enrique Cobas 07

Seica o tamaño da tortilla vai como o da empanada, non tanto polo diámetro como pola altura; visualmente semella demasiado fina, tanto que parece seca. Logo a realidade contradí totalmente á feitura: está perfecta; o ovo zumega lixeiramente, a pataca no seu punto e ben embebida no zume, algunhas chispas de chourizo espalladas aquí e alá que dan algo máis que cor, sen cebola, feito que eu aplaudo especialmente pero polo que Carmen pon o seu pero.

Casa Enrique Cobas 08
Casa Enrique Cobas 09

A carne anúnciase exactamente como carne con patacas e pementos, e non como a richada ao uso nos furanchos. De feito é tenreira máis magra, semella un filete de media altura cortado aos anacos. Está rica, moi moi rica; a min, e por diferenciala doutras, gústame especialmente o pemento.

Sen sobremesa (non preguntamos pero si vemos queixo e flan caseiro), sen café (de pota), pagamos 13 euros. Ollo!, trece euros entre os dous, non por cabeza.

Casa Enrique
Aldea de Abaixo. Cobas
363    Meaño.
Teléfono:
GPS: 42º28’41”N   08º46’41”W
Localización en Mapas de Google.

Posted in furanchos, pontevedra, salnés and tagged , , .