casa de pasto manuel da feira

En Espinho, lonxe do mundanal ruído, está esta casa de pasto portuguesa de toda a vida. Boa comida caseira e petiscos a prezos que fixeron de Portugal un destino gastronómico.

Casa de Pasto Manuel da Feira Espinho 02

A Casa de pasto Manuel da Feira é un deses locais que nas guías portuguesas merecería a valoración de ‘muito simpático’. Por la decoración, pola comida, pola simpatía…, pero tamén por eses chistes escritos en xiz que cogan das paredes.
Trátase dun novo descubrimento ao que chegamos grazas á, ultimamente, omnipresente guía do Expresso Tascas e Petiscos (e cito, textual: ‘Popularmente elixida como a ‘catedral do petisco’, é parada obrigatoria polas Tripas à moda do Porto –4,80€- e a Fancesinha. O Lombo –4.80€-, as Iscas  de fígado -2€- e pica no chão, son sempre opcións seguras para compartir. Ao final, é obrigatoria a letite-creme feita no momento’).

Sitúase no interior da vila, afastada do mar, do casino, da praia, do bulicio…, e dá de comer en Espiño dende 1930.
Tres comedores que hoxe, xoves ao mediodía, teñen unha ocupación case que completa; polo que semella, todas son xentes locais e, en moitos casos, de comercios e obras próximas para o menú do día.
O servizo e próximo e moi eficiente; máxima rapidez cando apuntamos que levamos un chisco de présa.
Decoración portuguesa moi rechamante, alternando as cores romperdoras, coa madeira, a pedra, os manteis brancos de papel… Todo o anterior, xunto coas botellas de todas as cores e licores, a gran vitrina con recordos dun pasado moteiro, a agradábel música ambiental…, converten esta casa de pasto de sempre no que hoxe se daría en chamar un local moi ‘cool’.

Casa de Pasto Manuel da Feira Espinho 09        Casa de Pasto Manuel da Feira Espinho 06

Nós, somos oito, chegamos aquí camiño da visita de turismo industrial que temos concertada para as dúas e media en Sao João da Madeira e, sobre todo, porque esta noite cearemos no Nave Nove de Porto. Toca, pois, ser comedidos co que lle metemos ao corpo, apurar, e reservarnos un pouco para a noite.

Casa de Pasto Manuel da Feira Espinho 15  Casa de Pasto Manuel da Feira Espinho 19  Casa de Pasto Manuel da Feira Espinho 24

Sen ver sequera a carta, optamos pola inmediatez do prato do día mentres nos entretemos cunhas deliciosas olivas aliñadas na casa.
Repartímonos entre os filetes de pescada con patacas fritidas e arroz branco, os filetes de pescada con ensalada rusa, e as bochechas de vaca acompañadas de arroz branco e patacas estufadas. Tamén poderían ter sido, terceira opción do menú, as febras estufadas con patacas, chícharos e cenoria.
Eu pido as faceiras e non me arrepinto en absoluto. Están de escándalo. Creo ter dito nalgunha ocasión que cada día son máis fan destas carnes ‘sucias’, graxentas, con tendóns, xelatinosas, e menos das grandes postas vermellas nas que o que manda é o magro, a carne pura e dura, e hoxe é un gran día para confirmame na miña opinión. Hoxe a faceira (unha por ración, unida ao seu óso) córtase co garfo, sen necesidade de coitelo; está tenriña, zumenta, saborosísima; o arroz, e en especial as patacas, axudan a un conxunto perfecto.
Claro que os que pediron os filetes de pescada (sobre todo os da ensala rusa, que probo, e está magnífica) tamén quedan felices e contentos coa súa elección.

Sen máis demora pasamos a pagar. Os oito que somos, coas olivas, o pan, auga grande, cervexa sen alcol, caneca grande de viño da casa branco e outra de tinto (os viños son evitábeis), pagamos a barbaridade…, de 52€, ou sexa, exactamente 6.5€ cada un.

Esta Casa de Pasto Manuel da Feira é un local clásico, tradicional, cunha cociña caseira, a prezos de risa, que ben merece unha excursión desde Vigo.

SJ Madeira 022 Fábrica Lapis Viarco SJ Madeira 024 Fábrica Lapis Viarco SJ Madeira 025 Fábrica Lapis Viarco


SJ Madeira 028 Fábrica Lapis Viarco SJ Madeira 034 Fábrica Lapis Viarco SJ Madeira 041 Fábrica Lapis Viarco

Por certo. A visita ao museo do zapato, ao museo do chapeu e, en especial, á fábrica artesanal de lapis Viarco (e tamén a propia sede do Turismo industrial da Madeira, na vella fábrica metalúrxica de A Oliva), quedan na pequena historia do noso grupo coma un xeito novidoso de facer turismo que nos encantou.
Da cea en Nave Nove, falamos outro día…

Casa de Pasto Manuel da Feira
Rua 26, 625
4500-299, Espinho
227 311 382
GPS:
Facebook
Cociña: tradicional, caseira
Prezo: a partir de 7€
Peche: domingo