Arturo Fontán é un trotamundos que tras regresar a Ribadumia montar este espazo gastronómico de corte clásico no lugar de Leiro.
O local resulta un tanto amorfo no seu cacarexado uniforme galego-castelán de confusa adega tradicional; apenas aporta nada; moito máis agradable é o portico exterior, para unha tardiña de verán.
Oferta clásica de tapeo galego ao xeito ‘polbo-luras‘: tortilla, ameixas, mexillóns, luriñas, zorza, xamón asado, ensaladas… e por suposto o polbo –feira e prancha– e as luras -rebozadas-.
Bastante máis aberta a carta de pratos fortes, con boas recomendacións de peixes (polbo estilo Ons, raia en caldeirada, ventrecha de bacallau, cocochas de pescada e peixe do día –linguado, sanmartiño ou coruxo–; por encargo previo, arroz de lumbrigante ou de marisco). No tocante ás carnes, entrecosto de boi, costeletas de tenreira ou cordeiro, churrasco, ovos de curral con patacas e chourizo, cordeiro estufado…
Por recomendación explícita de Luz pedimos as ameixas á moda da casa; abertas nun fondo de aceite con albariño e cociñadas co propio mollo resultante e abundante pirixel o resultado final queda próximo ao mollo verde e está realmente rico.
Carmen as costeletas de cordeiro con patacas e pemento (moi boas) e eu o coruxo na brasa cunhas patacas cocidas que, se non fose porque o peixe tamén está boísimo, poderían converterse no obxecto do prato; sensacionais.
O dixestivo da casa vén sendo unha torta xeada caseira con amorodos e un mollo de ‘fórmula secreta’; moi recomendable.
Estamos ante un local cun perfil coñecido, na liña dos moitos que hai na zona para unhas tapas en verán; malia todo, se me antolla varios puntos por riba da media; as materias primas son escollidas, apuntan elaboracións diferentes, oferta bastante máis alá do típico tapeo, variedade de pratos de ‘comida’…
Chama a atención, por exemplo, a carta de viños; ademais dos típicos do país (albariño da casa, barrantes, catalán, mencía), poucos pero moi estudados viños nacionais da Rioxa (exactamente catro, un caro –relativamente caro e prestixioso– o Muga, a 29€, un asequible, Marqués de Griñón, a 10€ e dous medios: Ballopera e Beronia. Algo semellante pasa con DO Ribeira do Douro: dous buques insignia a 29€ (Pago de Carraovejas e Cillar de Silos), dous intermedios (o Protos Roble e o viño novo de Silos), e un quinto no límite dos 10€: Mayor de Castilla.
No noso caso, como vén sendo costume e ademais da auga, bebemos un vaso de Albariño -Carmen- e eu de Mencía.
Casa Castor presenta as súas peculiaridades (no horario, por exemplo, como se ve na nota, imprevisible), pero creo que polos 17€ por cabeza que pagamos (comida do mediodía), paga a pena sobrevoar as rarezas (quen non as ten?) e volver para confirmar unha boa oferta de comida a un prezo moi ben cociñado.
Casa Castor
Noval 27. Leiro
36635 Ribadumia
Teléfono: 679 234 299
GPS: 42º31.713’ N 8º44.784’ W
Localización en Mapas de Google