carvalho: entre as mellores mesas trasmontanas

Carvalho, en Chaves, reúne todas as condicións para estar entre as mellores mesas de Tras-os-Montes… se non é, efectivamente, a mellor.
Todo se reduce a unha simple cuestión de gustos.

Portugal-Chaves-Carvalho

No momento que decidimos pasar un par de días en Chaves, achegueime ao noso estudo de 2016 sobre os Restaurantes do norte de Portugal segundo as guías.
Aquí atopo unha pechada ‘loita fratricida’ entre o Carvalho (Chaves, 5º lugar, 31 puntos), o Flor de sal (Mirandela, 6º lugar, 30 puntos) e o Solar Bragançano (Bragança, 7º lugar, 29 puntos), os tres moi próximos ao cuarto restaurante do norte (DOC, Amares) e ao terceiro (São Gião, Guimarães). Tamén podes consultar a nosa opinión sobre o Flor de sal.
Por orde de puntuación (e porque estamos en Chaves e non en Bragança) decidímonos polo Carvalho. (Ollo!, pillámolo polos pelos; sábado ao mediodía e houbemos de reservar e agardar á segunda tanda de comidas, alá para as tres e pico…).

A comida trasmontana é fiel reflexo da rexión e das súas xentes. Comida contundente, completa, rexa, forte, orixinal, saborosa… para combater o frío do inverno e a calor en verán, para repoñer forzas do traballo diario tanto en verán como en inverno.
Comer no Carvalho ou no Solar Bragançano é comer Tràs-os-Montes.
Leo no Boa Mesa que ‘mais do que um Restaurante, o Carvalho, em Chaves, é uma espécie de museu, onde a história e a tradição regional se cruzam com as mais clássicas receitas, servidas de forma a perpetuar também todo o legado gastronómico da região de Trás-os-Montes’.

Chaves Outono 13

O restaurante está ao pé dun pequeno xardín hoxe tinguido dun fermoso lenzo de outono. É un local pequeno que, aínda que bastante posterior, imita a estética dos anos sesenta. Malia o que podería parecer polo seu carácter rexional e popular, nada excesivo, nada recargado, ao contrario, local franco e acolledor, sinxelo e con certos toques de requinte.

A carta, como se prezan en anunciar, cen por cen rexional. Podemos comezar por algunha das sopas (2.20€), de favas com presunto ou de canja de vitela. Logo vén o apartado dos peixes: rodovalho selvagem escalado grelhado (para dúas persoas, 25€), o rodovalho grelhado com legumes (15€), a cabeça de pescada cozida (15€), o bacalhau assado na brasa (18€) ou a açorda de peixes com camarão (16€). E, como non, as carnes: vitela no tacho com castanhas (15€), os rojoes á moda da casa (13.50€), a alheira com grelos (8.50€), o naco de vitela no borralho (19€ ou 1/2 dose 9.50), ou o clásico arroz de frango de cabidela (14.50).

Dado que estamos no corazón dos fumeiros, optamos por un prato descoñecido para nós, pero que se cadra debe resumir todo o espíritu trasmontano: un arroz de fumeiro. Como contamos con que vai ser unha especialidade contundente, comezamos cuns filetes de pescada com arroz e salada aos que engadimos de acompañamento ananás grelhado (unha ración de cada para compartir entre os dous; as racións son trasmontanas: só coa dose de arroz teriamos comido dúas persoas de xeito satisfactorio). Para beber (gran carta de viños rexionais, nacionais e algún que outro internacional), o viño da casa: Tons 2015 (Douro tinto); como moitos Douro descoñecidos, rico, amable, de calidade suficiente e barato (garrafa pequena, 4.50€).

Chaves Restaurante Carvalho 08 Chaves Restaurante Carvalho 09

Os files de pescada están fantásticos. Segundo metín o primeiro bocado na boca veume á cabeza a imaxe dos veráns da infancia, baixo os piñeiros, nas mesas de pedra do vello Patouro en Samil. Había tempo que unha simple pescada non me facía sentir así.

Chaves Restaurante Carvalho 10 Chaves Restaurante Carvalho 11

O arroz de fumeiro resulta ser unha especie de potaxe con base de arroz.
A pesar desta definición xeral, que podería tirar para atrás a máis de un, a diversidade de verduriñas e afumados acaban por dar un sabor espectacular a un arroz que está no seu punto exacto e no que podes alternar a ‘chicha’ con bocados exclusivos de arroz (algo que aos arroceiros nos resulta especialmente agradable). Sendo un prato totalmente novidoso e diferente a calquera outro coñecido, encantounos. Unha gozada.

Chaves Restaurante Carvalho 12

E xa para rematar, a carta de sobremesas. Inmensa. Variada. Atractiva. Case indecente… pero xa chegamos sen forzas. Carmen conténtase cun xelado de morango e eu cun ‘Trio de gelado, chocolate e café’.
Doces caseiros (entre 3 e 4 euros): Migas do Carvalho, Leite creme torrado, Aveludado de laranja, Mousse de chocolate, bolo tarte ou torta caseiros, Rabanadas à Carvalho, Pudim caseiro, Molotof, Crepes doces…
As froitas (tamén 3-4 euros): Gelado com fruta tropical, Salada de Fruta ao Natural, com Vinho do Porto ou com natas, Salada de Morangos com Natas, com Vinho do Porto ou com Leite condensado, Pera bêbeda…
O queijos e as compotas (entre 3 e 6,5€ neste caso por ser mestura dos dous): queijo Terrincha, Flamengo, Manchego, da Serra, Compota de Abóbora, Marmelada caseira, Requeijão com compota, Queijo da serra com compota…
E, xa por fin, unha boa selección de gelados caseiros.

A comida no Carvalho cumpriu amplamente todas as expectativas.
Pero cando chegou a conta de 26 euros cada un, a valoración quedou sen palabras.
Non sei se o mellor, pero si un grandísimo restaurante de Tràs-os-Montes cunha relación calidade-prezo que raia no delicto.

Chaves MAC Nadir Afonso 92Chaves MAC Nadir Afonso 52

Por certo, a visita a Chaves era para coñecer o Museo de arte contemporánea ‘Nadir Afonso’, obra de Álvaro Siza que agradece con creces o esforzo o desprazamento.

Restaurante Carvalho
Ilda Lobo

Largo das Caldas
5400 – Chaves
276 321 727
www.restaurante-carvalho.com
GPS: 41.737879N,  07.470258O
Cociña: rexional, trasmontana
Peche: domingo noite; luns
Prezo: 20-30€
Michelín: Big Gourmand