caro diario

Nunca antes che falara así e non creo que volva facelo.
Pero a ocasión ben o merece: conseguimos reserva para unha desas ocasións únicas na vida dun aprendiz de gastrónomo.

EntradaDiverxo

Verás. Este ano decidimos cometer unha loucura.
Polo noso aniversario (xa sabes, os dous sesenta) pensamos que nada de flores, nada de comida especial, nada de regalos… nada de nada.
E todo o aforrado, a un peto.
E, inmediatamente, tirarse ao monte.
Andabamos por maio e as reservas estaban completas no período aberto; a única solución, a lista de espera; anoteinos en todos os días que me permitía o mes de xullo… e a esperar, a cruzar os dedos e agardar.
Hoxe estaba a cortar o pelo cando chegou a chamada.
Hola buenos días, llamo del restaurante Diverxo. Tienen una mesa para el martes 18 de julio a las 14.56 horas. ¿Les interesa?

É unha loucura absoluta. Ti sábelo mellor ca min. Ti, o meu alter ego, eu mesmo na vertente máis social desta dualidade imposible da que que presumía non sei quen e da que xa hai tempo que me apropiei: o ácrata-pijo.
– Ti, o comunista, o revolucionario, o baluarte da xustiza social, vas gastar 250€ por cabeza nunha simple comida? Onde queda esa escala de valores da que tanto presumes?
– Home, pero é que se trata de Diverxo, de David Muñoz, de l’enfant terrible das tres estrelas Michelín…
– Nin que se tratase do mesmísemo deus…
– Non, non, escoita… Ti sabes o que din del? Pois anota, anota que aí van un par de flores para convencer ao máis escéptico (David Muñoz logra que el comensal sinta o Síndrome de Stendhal (Apicius), A cociña-espectáculo e a posta en escena rompen os moldes establecidos (Repsol), Un País de Nunca Xamais transgresor e sorprendente (Michelín), A secreta orde da anarquía (Gastroactitud), A súa filosofía é transgredir, romper moldes, destacar, innovar, experimentar e, por riba de todo, gozar (Porlabocamuereelmes)… O síndrome de Stendhal da gastronomía!!! Precisas de máis argumentos?
– Anda, cala, cala e non me amoles… E ti presumes de persoa xusta? Por que non dis todo o que sabes? Por que calas as ‘outras’ opinións? (O problema das estrelas Michelín é que todo se converteu nunha burbulla. Hai que rizar o rizo, converter todo nun circo, triple salto mortal aínda que se bordee o ridículo na posta en escea. Sabores repetitivos e pouca sorpresa. Prezo excesivo para a calidade e o trato recibido (opinións de usuarios na páxina de Diverxo en TripAdvisor).
– Veña, tío, iso roza a manipulación. Sabes de sobra que son opinións illadas e moitas veces parciais e intencionadas dunha minoría abrumadora.
– Non, non e non! Poñas como te poñas no fondo opinas igual ca min. 250 euros un menú!!! Coas bebidas, e a parafernalia, e o servizo… canto ides pagar entre os dous? Xa non lembras o que ti mesmo escribías apenas hai tres meses? (Menos mal que nos queda…)
Touché, agora si, … , tocado e afundido. Es perverso, non era necesario chegar a estes extremos…
– Engánaste na túa ansia de autoxustificación, si que o era. Mires por onde o mires, estamos ante unha loucura, un dislate, unha obscenidade, unha indecencia absoluta para alguén que pensa coma ti…

Si.
Levas toda a razón.
Pero, tío, trátase de Diverxo!
Por unha vez e sen que sirva de precedente, dou vacacións á miña conciencia e gaña o meu máis pijo e vividor.