cantina 32. o máis cool no portocool

Cantina 32. O máis cool no PortoCool. Un local ‘guai’, de rabiosa actualidade, moderno, urbano, quente. Propostas para compartir do chef Luís Américo a prezos, ás veces, raiando o ridículo.

Cantina32 Porto 01

Sen ser a hora máis intensa do día, a rúa das Flores, ao medidodía do sábado, fervía ata nos recunchos máis agochados.

Porto Rúa das Flores 02 Porto Rúa das Flores 03

Porto Rúa das Flores 09 Porto Rúa das Flores 33

En moitas circunstancias eu tiraría pola gama dos adxectivos da calor: os lugares máis excitantes, a zona máis quente da cidade. Pero a moda, o ‘cool’, vai polo extremo contrario, polo frío, ou, mellor dito, polo ‘fresco’. Polo fresco no senso de novidoso, diferente, tamén estimulante e, aínda que cabe que acabe por entrar nas modas, lonxe da propia esencia do que está de moda.
Pois iso, ano tras ano emperrénchase en saír no máis alto das listas de cidades máis cool de Europa.
Así semella difícil elixir. Pode ser a Foz, a Ribera, Almada, Bombarda… a mesma rúa das Flores. Son tantos que resulta literalmente imposible estar en todos.

Porto Rúa das Flores 05 Porto Rúa das Flores 41

Son moitos nun mínimo espazo. LSD, Traça, Taberna do Largo… Mesmo algún vello coñecido como o DOP de Rui Paula ou o Cantinho do Avillez.
A decisión non era fácil pero, buscando algo novo, entramos en Cantina 32.

cantinafacebook1 cantinafacebook2 cantinafacebook3
(fotos do facebook de Cantina 32)

Chegamos sobre as dúas e xa resultou complicado conseguir mesa; ao fondo, nunha mesa alta tipo barra e ademais compartida. Non foi a comida máis cómoda da historia pero pagou a pena sen ningún xénero de dúbidas.
O local é un dignísimo respresentante da modernidade portuense. Nun estilo urbano-industrial, a cabalo entre o cosmopolita e o rural, destaca polos toques decorativos rechamantes que nalgún caso raian co disparatado para producir un efecto xeral de acollimento moi agradable.
Servizo próximo e atento aos detalles.

Carta do chef Luis Américo moi ampla e variada, perfectamente diferenciada entre os pratos para ‘picar, petiscar, partilhar’ e as ‘propostas verdadeiramente sérias’; polo medio, os ‘sanduíches e coisas do género’ e as ‘saladas e sugestões máis ligeiras’.
Entre as tapas-petiscos, e como exemplos, o salmão curado em mostarda, laranja, molho de chalota e ovo raspado (8,5€), a mozarella DOP com creme frio de tomate, azeite e manjericão (9€), ou clásicos como o bacalhau à Brás (8€), as croquetes de alheira com molho de mel e mostarda (5€) ou as lulas que nunca chegam (8,5€).
As propostas máis serias divididas no grupo daquelas que son para 1 ou 2 con pouca fome (posta de novilho grelhada com batata a murro e salada básica, 18€, ou a caldeirada de lulas e camarão 32, 17,5€), e as que son para 2 com alguma fome (o cachaço de Bísaro com tripas e feijocas ou com arroz de cogumelos e castanhas, 20€, ou o polvo com tomates, na brasa, 28€).

Cantina32 Porto 02 Cantina32 Porto 03

Tiramos por unha aposta segura, moi pouco arriscada que saiu perfecta pero que, despois de ver as mesas arredor, deixou un certo regustiño de exceso de conservadurismo.

Cantina32 Porto 04
Cantina32 Porto 05Cantina32 Porto 06Cantina32 Porto 07

Para petiscar e compartir, os queijos portugueses com chutney, pikles e maçã. Por 13€ unha moi atractiva selección de queixos portugueses con acompañamentos moi acertados; ración moi abundante.

Cantina32 Porto 09

E, desde o apartado de ‘para 1 ou 2 com pouca fame’, o bacalhau no forno de brasa com batata a murro e cebolada. Exactamente o que propón. Para nós, despois dos queixos e querendo un espazo para a sobremesa, ración un pouco abundante de máis (19€)

Cantina32 Porto 10 Cantina32 Porto 11

As sobremesas son un dos fortes de Cantina 32. Ademais do xa mítico cheesecake de banana caramelizada e chocolate (sevido nunha maceta con ‘terra’), están o leite creme 32 ou os sorvetes. Carmen tira por outro clásico: o bolo de bolacha com nougat de amêndoa (cortado na mesa e servido por centímetros, a euro o cm), e eu pola terrina de chocolate 32 (con crema de queixo e uns impactantes bocadiños de after eight). Todas as sobremesas, salvo que queiras a ración de bola de bolacha familiar, por debaixo dos 3,5€.

Comimos cunha xerra de limonada típica da casa e unha xenerosa copa de viño do Douro e pagamos 24€ por cabeza.
Gustounos. Moito. Por todo. Polo ambiente distendido, pola decoración, pola modernidade, polo servizo… e, claro está, e sobre todo, pola comida e tamén polo prezo.

Cantina 32
Luis Américo

Rua das Flores 32
4050-262 Porto
351 222 039 069
www.cantina32.com
facebook
GPS: 41.143482N, 8.614317O
Cociña: Actual
Prezo: 15-25€