cando se nace cun nome ilustre. chocolate

Cando se nace cun nome ilustre, Chocolate, as esixencias son altas e a responsabilidade dobre. A primeira impresión foi positiva: cociña clásica, produto de cualidade, prezos atractivos. Agora, a confirmar.

1990-12-06-Vilagarcía-Chocolate

Aí tendes a factura. Seis de nadal de 1990. Eran outros tempos…
Aínda se pagaba en pesetas e oito mil catrocentas por unha comida era unha pasta, tanta como para estar reservada para un día especial do calendario.
Pero pagaba a pena. Vieiras, empanada, peixe sapo e o paradigma que deu nome á casa, o xeado de vainilla con chocolate quente. E claro, un bo albariño.
Daquela apenas pasaran media ducia de anos desde que unha panda de tolos puxera a gastronomía galega diante dos ollos (e do gosto, e do olfacto, e do tacto) de toda España.
Manolo Cores, Chocolate, foi un dos iluminados fundacionais daquilo que bautizaron como Os Amigos da cociña galega. Viñan madurando a idea desde 1976, pero a consolidación non foi ata o oitenta e dous. Solla, Simón, Vilas, Sanmiguel, Combarro e Chocolate, xunto co periodista gastronómico Jorge Víctor Sueiro, foron socios fundadores; logo, aos poucos, chegaría a incorporación doutros nomes míticos como os de Alberto, Cíes ou La Barra.

amigoscg

Destes fogóns saíron pratos como o fideo con ameixas ou a pescada con grelos, xermolo, despois de non poucas vicisitudes, dos actuais Culler de Pau, Yayo Daporta, Veira, Nova…, e tantos e tantos que sitúan a gastronomía galega na punta de lanza da gastronomía do estado.
Na entrada Breve historia da restauración pública galega facía a miña modesta homenaxe a algúns dos cociñeiros (moitos xa no río do esquecemento para as novas xeracións) que deron o empurrón mediático inicial para auparnos ata onde hoxe estamos.

Meaño-Chocolate

O novo Chocolate recolle o guante por amizade coa familia Cores. Todo un reto.
O restaurante está en Meaño, no polígono industrial de A Pedreira. Certo que os arredores non son os máis atractivos do mundo, pero compensan a friaxe exterior cun interior clásico moi agradable. No piso inferior, todo un mundo por descubrir; adega climatizada, pequeno comedor para grupos, zona e pub e terraza. Hoxe, por certo, actuación en directo do grupo M80.

Restaurante Chocolate 02

Carta ampla de cociña tradicional con mención especial para as carnes (pluma ibérica, 10€, solombo ibérico, 12€; chuletón de tenreira, 25€ o quilo, e de vaca, 40€ o quilo; ossobuco, 14€, rabo de touro, 14€); tamén arroces (paella campeira, 15€, paella mixta 17€, arroz caldoso de marisco, 17€); entre os entrantes, mexillóns ao vapor ou tigre, 6€, ameixas á mariñeira, 11€, navallas, zamburiñas…; os peixes do día son ‘presentados en persoa’, nunha fonte, a prezos de mercado. Ademais, de viva voz, algún prato fóra de carta. Interesante selección de viños. Servizo moi atento e solícito.

Restaurante Chocolate 04 Restaurante Chocolate 05

Tiramos por pratos do día, fóra da carta: a empanada de millo de mexillóns e chourizo está realmente rica, moi lograda; a masa, malia ser millo, fina e ben churruscada; compango zumento e moi saboroso co puntiño adicional que lle dá o chourizo.

Restaurante Chocolate 06

Carmen pide o guiso de chocos feito coa receita orixinal de Chocolate. É o prato que menos nos convence; está ben, sen foguetes, para deixalo redondo hai que traballalo un pouco máis e medir o picante.

Restaurante Chocolate 08

As miñas faceiras si me pareceron excepcionais. Cociñadas enteiras, xunto co óso, como nunca antes vira; moi tenras e saborosas; acompañadas dunha especie de puré, sen pasar moito, e con toques de especias. Prato moi rico.

Restaurante Chocolate 10

Para a sobremesa compartimos un flan de chocolate que mantén perfectamente o tipo.

Bebemos cunha botella pequena dun Rioxa crianza (Ostatu) e pagamos 24€ por cabeza. Moi ben. En conxunto, e valorando a relación calidade-prezo, pareceunos unha comida moi recomendable. Hai que afinar un pouco nalgunhas receitas, pero as perspectivas deste novo Chocolate son boas.

Por certo, hoxe os Amigos seguen aí, coa súa páxina web (Amigos da cociña galega), capitaneados por Pepe Solla, para que a memoria non esqueza.

Restaurante Chocolate

Paseo da Pedreira, 32
36638, Meaño, Pontevedra
986 747 025
Facebook
GPS: 42.469640N,  8.790546O
Cociña: Tradicional
Prezo: 20-30€
Peche semanal: Luns